Campaña da CIG-Ensino para facer centros coeducativos e incrementar as materias optativas en igualdade
A CIG-Ensino vén de recoller nun folleto todos os recursos e propostas que elaborou recentemente para crear plans de igualdade ou coeducativos, designar equipas e coordinadores/as de igualdade e fomentar a oferta de materias optativas relacionadas coa coeducación, co obxectivo de animar ao profesorado a facer dos seus colexios e institutos centros coeducativos.
Seguindo coa campaña iniciada recentemente tras a publicación do libro “Coeducación. Alicerce do ensino” e o reparto dun inquérito polos centros que permitiu constatar que todo o traballo existente en materia de coeducación se realiza grazas ao voluntarismo do profesorado, a CIG-Ensino vén de editar un folleto no que se resumen todas as actuacións realizadas ou propostas para crear centros coeducativos, así como a lexislación que rexe nesta materia no sistema público non universitario.
Durante este mes este folleto distribuirase entre os 1.200 colexios e institutos do país lembrando que a educación en igualdade debe constar tanto nos Plans de Acción Titorial como no Plan de Convivencia dos centros e animando aos claustros a elaborar un Plan de Igualdade ou Coeducativo no que se faga unha diagnose da situación neste ámbito (mediante enquisas ao alumnado, familias, profesorado e persoal non docente) e que marque os obxectivos e as ferramentas para conseguir converterse nun centro coeducativo.
Precisamente para facilitar a redacción destes plans a CIG-Ensino vén de elaborar unha guía que ten a disposición na súa súa web e que leva por título “Claves para a elaboración dun plan de coeducación nun centro de ensino”
Equipos de igualdade e figura de coordinación
Entre as demandas que a CIG-Ensino lle fixo á Consellaría, e que detectou como unha necesidade tras a realización do inquérito entre o profesorado, está a de fomentar a creación de equipos específicos e amplos de igualdade, nos que debe estar representada a dirección e o departamento de orientación.
Entre os seus cometidos estaría a creación dun observatorio LGTBI; a conmemoración de datas de reivindicativas como o 25N ou o 8M; fomentar a igualdade en todas as actividades propostas no centro ou xestionar formación especializada para toda a comunidade educativa nesta materia, entre outros.
Igualmente o sindicato súmase á petición dunha figura coordinadora destes equipos en igualdade de condicións con outras existentes nos centros actualmente.
Materias optativas relacionadas coa coeducación
A campaña da CIG-Ensino coincide co momento en que os centros están ofertando as materias para a matrícula do alumnado o vindeiro curso. Precisamente, neste sentido, o sindicato márcase como obxectivo que todos os centros de ensino do país oferten cando menos algunha das materias optativas existentes relacionadas coa coeducación ou igualdade e que nestes momentos son tres:
- Sociedade Inclusiva, que pode ofertarse en 1º e 2º da ESO (1 hora semanal).
- Coeducación para o século XXI, que pode ofrecerse en 1º de BACH (2 horas semanais).
- Igualdade de xénero, que tamén se pode ofertar en 1º e 2º da ESO cunha hora semanal de dedicación horaria.
A maiores, a normativa permite que cada centro oferte as súas materias específicas neste ámbito, como xa o fixeron algúns colexios e institutos do país baixo o título de Igualdade e Imaxe ou Adolescencia e igualdade, traballando os micromachismos.