Campaña de denuncia, reivindicación e sensibilización sobre a silicose

A CIG compaxinará mobilizacións e xestións institucionais para abordar esta enfermidade profesional crónica

Nacional -

A federación da Construción e Madeira da CIG iniciou unha campaña de denuncia, reivindicación e sensibilización sobre a silicose, enfermidade profesional que padecen centos de traballadores/as do sector da pedra. Trátase dunha patoloxía crónica que afecta ao aparato respiratorio e que provoca importantes secuelas físicas, mesmo a morte, xa que está detrás de doenzas coma o cancro de pulmón.

Mais as mutuas seguen sen recoñecer que deriva da actividade profesional, xa que está causada pola inhalación de po sílice, polo que os afectados/as teñen que iniciar longos procesos de reclamacións, incluso xudiciais, para que se recoñezan os seus dereitos. A CIG leva anos asesorando a moitos/as e demandando que no caso de ter 1º grao da enfermidade (o menos grave) se recoñeza a incapacidade laboral con prestación.

A central logrou que a INSS modificase o criterio en 2015, xa que até o de entón negaba este recoñecemento. Con todo, o cambio afecta só os traballadores/as que na súa empresa non teñan un posto libre de po, polo que moita xente vese obrigada a seguir no sector. Por iso a CIG continúa a reivindicar a incapacidade con prestación sen excepcións, como sucede no caso do 2º grao. Co 3º grao recoñécese a incapacidade absoluta, polo que a persoa afectada deixa de traballar.

A campaña compaxinará a mobilización, para denunciar o papel das mutuas, coa sensibilización sobre a doenza e a reivindicación dunha maior acción protectora da Seguridade Social. A primeira protesta será o 5 de decembro en Vigo, cunha concentración nunha mutua, para despois marchar a pé até o INSS. Porque o organismo público está a soportar o custe dunha enfermidade laboral da que deberan encargarse as mutuas, o que constitúe unha fraude.

Centro de referencia en Galiza

Mais tamén se quere reclamar axilidade no recoñecemento da doenza e dos graos, a dotación dun centro de referencia en Galiza e unha mellora na aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación. Para isto faranse iniciativas institucionais coas que tamén se demandará maior seguridade e saúde laboral no sector, así como o recoñecemento das enfermidades derivadas da silicose.

Finalmente, contactarase co Cluster da Pedra, coa Asociación de Empresarios/as da Lousa e coa de Áridos para conformar unha fronte común de loita contra unha problemática que só na provincia de Pontevedra afecta a máis de 700 persoas (que están diagnosticadas, aínda que podería haber moitas máis).

Volver