CAMSOAR SL responderá xudicialmente por posíbeis delitos contra os traballadores

Pontevedra/Vigo - 04 Xul 2023

Logo de múltiples devires xudiciais, finalmente o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo ha sentar na bancada dos acusados/as os responsábeis da construtora CAMSOAR SL, tal e como demandaba a CIG e parte dos seus ex-operarios, aos que a empresa enganara en 2020 para que foran traballar a Alemaña, en plena pandemia, nunhas condicións laborais vantaxosas que nunca cumpriu.

Os responsábeis empresariais ou a propia empresa deberán depositar 160 mil euros de fianza en concepto de responsabilidade civil. A acusación particular e a CIG piden unha pena de 42 meses de cadea, multa e a inhabilitación para poder operar no sector da construción e a disolución da sociedade, por eventuais delitos contra os dereitos das persoas traballadoras.

Un testaferro recrutou en 2020 unha ducia de operarios  

Todo comezou na casa dun testaferro da empresa en Vigo que, en novembro de 2020, reuniu unha ducia de operarios da construción para propoñerlles, en nome do responsábel de CAMSOAR (persoa que non figuraba nos papeis, senón a súa parella) ir traballar a Alemaña cunhas condicións moi interesantes: contrato desde o día de partida, un anticipo de 400€ por operario para a viaxe, e salario de 3.500€ -ou máis, dependendo da produción- con todos os gastos pagos. Os traballos consistirían na instalación de liñas de fibra óptica de Nokia no rural alemán.

Após varias incidencias e de realizar as probas PCR pagadas do seu propio peto, o 25 de novembro dous vehículos comezan a recoller os operarios entre Vigo e Coruña, emprendendo a marcha cara Alemaña. Ademais do atraso na saída, as dúbidas xurdiron dende o primeiro momento xa que nunca chegaron a asinar o contrato e, dos cartos prometidos, só recibiron 350€ para toda a expedición (que se esgotaron a medio camiño, ingresando o empresario outros 300€ para completar a viaxe).

Coa arribada a Saarland tampouco mellorou a cousa: os aloxamentos prometidos eran infra-vivendas cheas de ratas e humidades, e cada cuarto acollía 3 ou 4 catres. Tras protestaren e ameazar con paralizar o traballo, foron redistribuídos noutros aloxamentos da zona.

En vista do que viña enriba, algúns operarios esixiron ser repatriados á Galiza se non se cumprían as condicións, petición que a empresa rexeitou, procedendo a expulsalos do aloxamento sen terlles aboado un só euro, polo que tiveron que pedir apoio a familiares e á CIG. Dende a Galiza o sindicato tentou coordinar o persoal, sendo de inmenso valor, neste caso, a axuda do BNG de Alemaña, a asesoralos e até adiantarlles cartos para conseguir volver a Galiza polos seus medios. Foi nese intre cando a CIG fixo a denuncia pública dos feitos, que chegou a ter repercusión ata en medios alemáns.

No relativo aos traballadores que decidiron permanecer alí, os responsábeis de CAMSOAR infórmanos que os traballos consistían en abrir gavias de 45 centímetros de ancho a temperaturas baixo cero sen case ferramentas, a un ritmo de como mínimo 100 metros ao día por persoa. Porén, practicamente nunca chegaron a traballar, ben por falta de materiais, ferramentas e maquinarias, ben por climatoloxía adversa, e unha vez que estala a denuncia pública da CIG e os feitos chegan a oídos de Nokia, das autoridades alemás e da embaixada, a empresa fuxe precipitadamente e un dos administradores dimite para evitar asumir responsabilidades, aínda que logo tenta retornar a mesma obra con outro persoal. Finalmente todos acaban despedidos ou sen ocupación efectiva até causaren baixa.

En ningún caso a empresa cumpriu coa súa promesa económica polo que os obreiros restantes acabaron acudindo tamén á CIG para demandar o despedimento e reclamar os cartos adebedados.

A central decidiu, ademais, presentar unha denuncia penal por posíbeis delitos contra os dereitos das persoas traballadoras, xa que do contrario o empresario e os seus testaferros poderían volver ás andadas axiña e enganar outro grupo de operarios. É agora este proceso, instruído polos tribunais de Vigo, o que rematará por sentar na bancada dos acusados/as as persoas responsábeis de CAMSOAR.