Capitalismo-21, o virus global

Ivan Gordillo - 24 Xun 2021

A loita contra a pandemia, nun contexto capitalista como o noso, evidenciou todas as contradicións do sistema. As reformas fiscais dos últimos anos, favorábeis ao capital, obedecían á necesidade das empresas de aumentaren a competitividade e resultaren rendíbeis

 O 2020 pasará á historia como o ano da crise do coronavirus e o afundimento da economía mundial. Os puntos de creba do sistema na actual crise foron múltiples e diversos. Algúns, elementos sistémicos que explican a dinámica do capital e os seus límites. Outros, alicerces que sustentaban a globalización neoliberal na súa fase actual de recomposición. Presenciamos a fraxilidade das sociedades da nosa contorna consideradas «desenvolvidas» onde se puxo en evidencia o colapso dos estados do benestar esnaquizados durante décadas de privatizacións, recortes e deterioración das condicións laborais.

 Ademais de todas estas fendas, estamos unha crise ecolóxica causada polo modo de produción capitalista. No seu vieiros inevitabelmente expansivo, as accións levadas a cabo polo capital na investigación de novos mercados rendíbeis e a procura dunha maior eficiencia, romperon barreiras metabólicas desafiando os propios límites biolóxicos do ecosistema global. É practicamente innegábel que o capitalismo está poñendo en risco mesmo a existencia da vida na Terra.

 Un dos motivos da proliferación de novas enfermidades vinculadas a virus de orixe animal atópase na expansión do modelo agroindustrial co uso intensivo da terra e outras especies. O coronavirus SARS-CoV-2 causante da COVID-19, non é máis que o último episodio dunha chea de gripes e afeccións ás cales desgraciadamente nos imos ter que afacer. E isto só é a punta do iceberg dunha crise ecolóxica de magnitude civilizatoria.

 O espolio permanente dos recursos naturais ante a ausencia de mecanismos institucionais capaces de impedir as externalidades negativas está provocando consecuencias devastadoras como o cambio climático. O aumento do nivel do mar causado polo desxeo dos polos e os glaciares, a desaparición de zonas de costa, os cambios no réxime de precipitacións e as condicións meteorolóxicas que se derivan, así como os cambios na vexetación pola expansión das secas, son os efectos máis coñecidos do cambio climático. A comunidade científica fala dun novo período xeolóxico por mor da actividade da sociedade humana: o antropoceno.

 O impacto sobre as poboacións é igualmente devastador. Algúns informes falan de máis de 350 millóns de desprazados debido a causas climáticas nas próximas décadas, unha poboación que terá que abandonar as súas rexións de orixe polo impacto do cambio climático nos seus modos de vida e a súa contorna. Os desprazados climáticos sumaranse aos refuxiados por motivos políticos ou conflitos bélicos e aos migrantes por causas económicas.

 Estas tres causas polas cales millóns de persoas foxen busca dunha vida digna teñen, en moitos casos, unha mesma orixe na expansión dun sistema depredador. A maioría das riquezas naturais (minerais, gas, petróleo, terra) espoliados por empresas transnacionais atópanse en países cunha historia recente inzada de conflitos armados e niveis de pobreza cronificados. Á súa vez, moitas das guerras actuais son causadas polo novo imperialismo norteamericano e o reparto dunha xeopolítica multipolar onde as novas forzas en pugna non queren quedar atrás.

 Ultimamente apareceron novas rexións de desenvolvemento económico como o sueste asiático, algúns países do Golfo Pérsico ou Sudáfrica. Pero a poboación do Sur Global castigada pola miseria e a carencia dun futuro viábel segue mirando maioritariamente para os países do centro, especialmente os EUA e Europa, como posíbeis destinos onde atopar un traballo e ter unha vida minimamente digna, desde onde proporcionar ingresos ás súas familias no país natal ou mesmo instalarse para vivir.

 Europa foi certamente o lugar onde os dereitos sociais e as liberdades civís chegaron máis lonxe. Pero nos últimos anos deixou de ser o espazo de igualdade e protección ao que aspiraba a esquerda continental. O crecemento de partidos políticos de extrema dereita, contrarios á acollida da xente que chega -e a asunción de posicións parecidas por parte de partidos máis centristas-, visibilizou unha serie de problemas estruturais que van desde o racismo histórico até a exploración de formas políticas autoritarias. Pero un dos factores máis determinantes deste retroceso democrático foi a progresiva destrución do estado do benestar e a deterioración das condicións laborais e, a consecuencia, da perspectiva de futuro da maioría da poboación. Aínda que é certo que Europa non é un espazo homoxéneo historicamente, socialmente, culturalmente, economicamente e politicamente, este proceso atravesou o continente, con diferentes ritmos segundo as resistencias que foron capaces de erguer as forzas sindicais, políticas e sociais.

 Este lento pero ininterrompido despezamento do estado do benestar iniciouse -e non é casual- coincidindo coa reconversión industrial iniciada despois do esgotamento do modelo fordista de posguerra. Doutra banda, deixando atrás o modelo keynesiano, a nova política económica centrábase na redución fiscal favorecendo o capital e as rendas altas, a desregulación do mercado de traballo, a privatización de empresas estatais, a mercantilización de servizos públicos e a redución das prestacións sociais. A axenda neoliberal, na súa versión europea, foi capitaneada polo despregamento institucional da Unión Europea como espazo favorábel á liberalización económica. A moeda común, o euro, introducida a principios dos 2000 pero politicamente definida en 90 co Tratado de Maastricht,, deveu na panca definitiva para converter os diferenciais de produtividade entre países en reducións salariais. No nome da competitividade global, estableceuse unha UE centro-periferia, onde unhas rexións concentraron o desenvolvemento económico de maior valor engadido (Blue banana) e outras quedaron relegadas a actividades immobiliarias e sectores precarizantes como o turismo (Golden banana). Ao mesmo tempo, a industria pesada e manufactureira era deslocalizada na procura de man de obra barata no continente asiático.

 É neste contexto europeo en que a aparición da pandemia da COVID-19 mostrou todas as fraxilidades dun estado do benestar esvaecido por décadas de xestión neoliberal e golpeado pola austeridade imposta durante a última crise. Países como Italia, o Estado español ou Francia, con algúns dos sistemas sanitarios supostamente máis robustos do mundo, sufriron un colapso letal. As consecuencias da vaga de privatizacións no sector da sanidade, especialmente en Catalunya e a Comunidade de Madrid, pódense cuantificar en vidas humanas. A infradotación orzamentaria e as minguantes ratios per capita dos últimos anos en canto ás camas de UCI, persoal sanitario e equipamentos explican o colapso que sufriu a sanidade pública. Esta situación obrigou nos centros hospitalarios a establecer criterios de aceptación de doentes e priorización do tratamento segundo a idade e as posibilidades de superar a enfermidade. Cando dicimos “os recortes matan”, referímonos a isto.

 A xestión gobernamental desta crise sanitaria foi asimétrica, como non podía ser doutro xeito no capitalismo, onde as necesidades máis básicas da poboación están en concorrencia coa obtención de beneficios e a dinámica de valorización do capital. Ante o inminente colapso sanitario impúxose, coa declaración do estado de alarma, un confinamento xeneralizado da poboación. Mais os termos deste confinamento foron redefinidos progresivamente co cálculo dos custos que podería provocar a hibernación temporal da economía. A insuficiencia das medidas para paliar a carencia de ingresos que o confinamento supoñía para unha parte importante da poboación, contrastaba coa dilixencia para reactivar sectores económicos non esenciais. Gran parte do paquete de axudas económicas foi sometido aos criterios das entidades financeiras que se converteron, ante a carencia dunha banca pública, nas fornecedoras de crédito a empresas e familias. O Estado comprométese como avalista destas operacións asumindo polo tanto os riscos de non pagamento -unha vez máis- a expensas do contribuínte. Mais a marxe de beneficios quedará nos balances dos bancos. No actual contexto de tipo de xuros negativos, onde os bancos reciben diñeiro gratis prestar con tipo de xuros positivos, chegando nalgúns casos até o 4-5%, parece un negocio redondo. Outra volta se impón a máxima liberal de privatización dos beneficios e socialización das perdas, especialmente dolorosa esta vez, sabéndose que o sector bancario non devolverá nunca o rescate de hai uns anos, valorado en máis de 60.000 millóns de euros, o FROB segue arrastrando perdas e as accións da Sareb non parecen ir na dirección desexada en canto á xestión do parque de vivenda adquirida aos bancos ruinosos.

 A loita contra a pandemia, nun contexto capitalista como o noso, evidenciou todas as contradicións do sistema. As reformas fiscais dos últimos anos, favorábeis ao capital, obedecían á necesidade das empresas de aumentaren a competitividade e resultaren rendíbeis. Mais o que a curto prazo é vantaxoso, a longo prazo pódese converter en contraproducente. A caída da recadación e o debilitamento do sector público ten consecuencias como as que sufrimos durante o peor episodio da pandemia, especialmente entre a poboación afectada pola enfermidade e as familias que se viron sen ingresos dun día polo outro. Pero tamén polas empresas posto que, ante a parada da actividade económica, e a conxelación da cadea de cobros e pagamentos, a súa continuidade, estaba en cuestión. A baixada de impostos ás empresas dos últimos tempos debilitou a resposta que debería ter un sistema sanitario máis preparado, afectando así de rebote ao tecido empresarial favorecido fiscalmente. Este impacto segue unha lóxica similar ao que provoca a desregulación do mercado laboral: o abaratamento do despedimento e as reducións do salario real -vantaxes para cada empresa individualmente-, é prexudicial polo conxunto da economía dado que a caída da capacidade de compra das familias debilita a demanda e, polo tanto, as vendas das empresas.

 A predilección polo libre mercado e a regulación favorábel ao capital e os investimentos internacionais seguía unha racionalidade capitalista propia do liberalismo. Despois da crise de sobreproducción dos anos 70, ante un capitalismo de baixa rendibilidade e unha economía mundial altamente competitiva todo o excedente se tiña que destinar ao capital. Non se podía seguir alimentando o pacto social de posguerra. Se se quería seguir coa carreira da competitividade os impostos eran un atranco. Había que desmontar o edificio do estado do benestar construído con esta fiscalidade progresiva para dar paso á globalización neoliberal.

 O modelo neoliberal das últimas décadas do século XX, cunha preeminencia do capital financeiro, sufriu un forte correctivo coa crise do 2008 e posterior recesión. A crise actual provocada pola pandemia xorde neste momento de esgotamento dun réxime de desposesión, o da globalización neoliberal, que xa deu todo de si -ou máis ben, tomou- e estaba en plena recomposición. A repentina freada da economía por mor do confinamento, en practicamente todos os sectores produtivos á vez, fixo que o colapso fose máis estrepitoso. Pero os indicadores que saltaron polo aire xa estaban en alerta máxima practicamente á espera de calquera incidente. Cos datos diante, era francamente difícil soster que 2017-18 fosen os anos da «saída da crise». A longa crise de beneficios, a crise de sobreprodución e o nivel de sobrecapacidade produtiva acumulada son os tres grandes síntomas dunha crise sistémica que no capitalismo sempre se producirá paradoxalmente por exceso non por defecto. Hai «demasiado de todo» en moitos e moi diferentes sectores económicos e o mal do sistema é a incapacidade para repartir este excedente entre unha poboación mundial inzada de necesidades non cubertas. Aquí aparece o paradoxo criminal do capitalismo, un sistema que conseguiu desenvolver unhas forzas produtivas capaces de xerar un excedente moito por riba das necesidades reais da poboación, xerándoo a expensas do medio ambiente e a vida da clase traballadora, pero caracterizado por unhas relacións sociais que imposibilitan que este excedente sexa repartido conforme a estas necesidades e sexa en cambio acaparado por unha minoría baixo o sacro mandato da propiedade privada e o mercado.

 Dúas insitucións -a propiedade privada e o mercado- que fixeron augas ante o reto de fornecer uns bens básicos fronte a urxencia da pandemia. Mesmo liberais recoñecidos, nunha peculiar mutación repentina, fixeron chamamentos á intervención do estado para facer fronte a estas fallas. Poucas dúbidas quedan agora acerca da necesidade dunha planificación económica democrática e a recuperación da soberanía produtiva, se queremos preservar a capacidade de reacción da sociedade en elementos tanto básicos para a vida como a propia saúde.

 “Poñer a vida no centro” podería ser o resumo dun programa de transformación social contra este sistema asasino. Hai que lembrar a dependencia e fraxilidade dunha comunidade que nunca poderá ser protexida co individualismo, a competencia e a persecución do beneficio privado, senón con colectividade, cooperación, ben común e planificación conforme ás necesidades sociais. Os sectores que se erixiron como esenciais non foron outros que a saúde, a alimentación e os coidados. Esta crise, coa peculiaridade do confinamento, evidenciou algo que os veos capitalistas non nos deixaban ver con tanta claridade: a superflua, innecesaria e, mesmo, nociva, produción destinada ao beneficio per se. A mistificación do capital como valor que se valoriza a si mesmo, onde o propietario arrisca o seu investimento e necesita da pericia individual para entender que produtos se axustan á necesidade do mercado quedou en absoluta evidencia. Sen traballo vivo o capital non se valoriza, máis ben ao contrario. Coas traballadoras na casa, sen facer funcionar a produción, este capital inmobilizado xa sexa en diñeiro ou en centros de traballo non facía máis que depreciarse. Especialmente coa diversidade de sectores rentistas que non renunciaron, nin sequera só temporalmente, a seguir zugando da produción real. O capital financeiro e inmobiliario son os máis coñecidos, pero tamén a propiedade intelectual, outros sectores improdutivos como a publicidade, o lecer... ou partidas do Estado como o Exército, a Coroa, etc.

 A crise dos anos 70 produciuse polo esgotamento do réxime de acumulación de posguerra e o modelo fordista de produción industrial, a mal chamada época dourada do capitalismo ou os trinta gloriosos, en referencia ao período 1945-73. O aumento dos prezos do petróleo foi o epifenómeno que acabaría caracterizando a popularmente coñecida como crise do petróleo. Por unha banda, o esgotamento da capacidade de crecemento da economía baixo un modelo keynesiano, onde o sector público tiña unha enorme participación na economía. Doutra banda, a fin dos acordos de Bretton Woods, que estableceran a orde económica mundial despois da Segunda Guerra Mundial, levaron á contrarrevolución neoliberal.

 Da man dos partidos conservadores primeiro, e da socialdemocracia pasada ao liberalismo, despois, impúxose a demolición lenta e longa do estado do benestar. A nova hexemonía entronaba as finanzas e abría espazos para o investimento privado a través de privatizacións, desregulación do mercado de traballo e da protección social, reformas fiscais favorábeis ao capital e as grandes fortunas e a expansión xeográfica da globalización capitalista. O sistema-mundo deviña na fábrica global onde a produción de masas se basea en abaratar os custos deslocalizando empresas e vendendo onde se maximiza os beneficios.

 A longa noite neoliberal chegou até os 2000. Pero, diante da imposibilidade de xerar novos ciclos estábeis de crecemento, houbo catro décadas marcadas por múltiplas sacudidas económicas e financeiras: as crises da débeda soberana, a crise bursátil de 1987, a crise do sueste asiático en 90, a crise das puntcom o 2001, etc., até chegar á crise de 2008. O esgotamento do modelo de globalización neoliberal era inaprazábel.

 Mais a crise de 2008-2010 é lembrada como a crise financeira das hipotecas lixo, adquiridas masivamente durante a época dourada da burbulla inmobiliaria por familias de baixos ingresos. Quen non recorda a frase “vivimos por riba das nosas posibilidades”, utilizada constantemente pola propaganda dos gobernos e os medios de comunicación convencionais? Todo para xustificar o rescate aos bancos e os recortes. A recesión subseguinte aínda estaba presente dez anos despois nunha economía que nunca chegou a reactivarse logo da anterior crise.

 É nesta longa senda de transformacións do capitalismo onde hai que situar a actual crise e facelo desde unha perspectiva da totalidade do sistema. Porque, a crise dos 70 non foi a crise do petróleo, nin a do 2008 a das hipotecas lixo, e esta non pode ser a crise do coronavirus e a nova normalidade.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 22 de xuño de 2021]