Capitalismo e medio ambiente: Unha "transición xusta"

John Bellamy Foster - 06 Set 2019

Cando o chamamento a unha transición xusta se universalice, tendo en conta as necesidades das poboacións a escala mundial, das xeracións futuras e da diversidade da vida na terra, farase evidente que tal transición é imposíbel baixo o capitalismo

 A idea dunha "transición xusta" aparece en todas as partes na actualidade, nomeadamente no preámbulo do Acordo Climático de París 2015, que fai referencia á necesidade de "ter en conta os imperativos dunha transición xusta á poboación activa e a creación de empregos decentes e de calidade de acordo coas prioridades de desenvolvemento definidas a nivel nacional"(1).

 A transición xusta xurdiu por primeira vez como un principio reitor do movemento laboral nos anos 1970-1990 baixo o liderado de Tony Mazzocchi na Unión Internacional de Traballadores do Petróleo, a Química e a Enerxía Nuclear (OCAW-Oil Chemical and Atomic Workers International Union), que estivo na orixe da creación do movemento sindical e ambiental.

 Tony Mazzocchi buscou eludir a "chantaje ao emprego" no que aos traballadores se lles dicía constantemente que, se apoiaban as medidas ambientais, perderían os seus empregos. En resposta, axudou a popularizar o concepto de transición xusta e propuxo un "súper fondo -Superfund- para os traballadores". Esta medida tiña a intención de compensar os e as traballadoras polos custos da transición ambiental, ao proporcionarlles un apoio financeiro e oportunidades de educación superior aos traballadores "desprazados". En palabras de Mazzocchi: "Hai un Súper Fondo para as zonas contaminadas. Debería haber un para os traballadores". Porén, todos os esforzos para crear un Súper Fondo para as e os traballadores (en oposición ao Súper Fondo para as empresas) foron bloqueados en todo momento polos intereses capitalistas dominantes(2).

 Empregos e medio ambiente

 A causa sindical-ambiental e a idea dunha transición xusta tiveron que ser defendidas a principios da década de 1990, principalmente polo United Steel Workers (USW). A declaración de política ambiental do USW, adoptada en agosto de 1990 baixo o título "O mundo dos nosos nenos: os metalúrxicos e o ambiente", dicía que "acreditamos en que a maior ameaza para o futuro dos nosos nenos podería ser a destrución do seu medio ambiente". Os seres humanos agora tiñan "o poder de cambiar o noso medio ambiente irreversibelmente". Sobre o quecemento climático, o informe sinalaba:

"A queima de combustibles fósiles como o petróleo e o carbón xera miles de millóns de toneladas de dióxido de carbono cada ano. Este gas e outros atrapan a calor na atmosfera. O quecemento planetario resultante podería derreter os casquetes polares, asolagar as nosas cidades costeiras e converter vastas áreas agrícolas en desertos. O problema agrávase pola destrución xeneralizada dos nosos bosques, que axudan a absorber o exceso de dióxido de carbono. A perda de bosques e outros hábitats ameaza a extinción de moitas especies de plantas e animais. Mesmo os nosos océanos están ameazados polo escoamento tóxico, as verteduras de hidrocarburos e a vertedura de residuos no mar"(3).

 Se cadra, na súa observación máis memorábel sobre a natureza da transición xusta, o informe de 1990 do USW engadía: "A longo prazo, a elección real non é o emprego ou o medio ambiente. Son os dous ou ningún"(4).

 Referíndose ao seu documento orixinal "O futuro das nosas crianzas", o USW sinalaba no seu informe ambiental de 2006, "Protexamos o mundo dos nosos nenos": "O noso informe orixinal identificaba o problema do quecemento global como o máis importante da nosa vida e advertía contra o risco de non facer nada(5). Os principais inimigos, sinalaba o USW [sindicato dos metalúrxicos], eran as multinacionais.

 O concepto de transición xusta estendeuse por todo o mundo no século actual e foi adoptado pola Confederación Sindical Internacional (CSI-ITUC), á vez que recibía o apoio da Organización Internacional do Traballo. Para a CSI, a transición xusta podería concibirse como unha "ferramenta que o movemento sindical comparte coa comunidade internacional, co obxectivo de facilitar a transición a unha sociedade máis sustentábel e proporcionar esperanza sobre a capacidade dunha economía verde de garantir traballos decentes e medios de vida para todos"(6). O que é máis importante, a CSI estima que é necesario abordar as realidades que se desprenden das inequidades ambientais mundiais que se reflicten entre os países desenvolvidos con alta intensidade na produción de carbono e os países en desenvolvemento con baixas emisións de carbono, moi vulnerábel ao cambio climático(7). Ningunha solución é posíbel sen recoñecer as diferenzas na forma como as masas traballadoras se insiren a escala mundial ante o cambio climático e as necesidades enerxéticas.

New Deal verde?

 Entrementres, o concepto de transición xusta estendeuse moito máis aló do mundo do traballo e agora considérase que tamén abrangue cuestións dos dereitos dos pobos indíxenas e da xustiza ambiental. Para a Indigenous Environmental Network, baseada principalmente nos Estados Unidos, unha transición xusta debe facer fronte a "unha herdanza de explotación, de ecocidio, de inxustiza ambiental, enerxética, climática e económica". Polo tanto, debe abranguer "o recoñecemento dos dereitos dos pobos indíxenas e os dereitos da Nai Terra" (Mother Earth). Ademais, "unha transición xusta require o rexeitamento de todos os mecanismos baseados "no mercado que permiten a cuantificación e mercantilización dos recursos e procesos naturais da nosa Nai Terra, denominados "servizos ecosistémicos", comercio de dereitos de emisión de CO2, compensacións de carbono, compensacións de conservación e biodiversidade, e financeirización da natureza"(8). A Climate Justice Alliance salienta pola súa banda que a transición xusta debe abordar as inxustizas ambientais, tales como o racismo ambiental fonndamente arraigadas na sociedade actual(9).

 A proposta principal actual para un New Deal verde -asociado a Alexandria Ocasio-Cortez, socialista democrática [membro do Partido Demócrata], inclúe o recoñecemento da necesidade dunha transición xusta, é dicir, o recoñecemento das necesidades das e os traballadores, pobos indíxenas e o movemento de xustiza ambiental. Pero son precisamente as nocións máis radicais dunha transición xusta as que son atacadas e é probábel que se negocien desde o principio nun intento por integrar o #GreenNewDeal na sociedade capitalista. Por esta razón, a asociación Ciencias para o Pobo (Science for the People), relanzada recentemente, botou a andar a súa Campaña do Novo Acordo dos Pobos (People's New Deal Campaign), para subliñar a idea de que nada se pode lograr sen unha loita que integre as esixencias dos e as traballadores, as persoas de cor, os pobos indíxenas, as mulleres, as persoas LGBTQ e as poboacións do Sur. Ademais, iso debe comezar coa oposición ao militarismo e ao imperialismo. Tamén significa o rexeitamento de solucións "eco-tecno" como a enerxía nuclear, a xeo-enxeñaría e outras "alternativas" enganosas e destrutivas(10).

Mudanza de sistema

 Porén, é precisamente cando o chamamento a unha transición xusta se universalice, tendo en conta as necesidades das poboacións a escala mundial, das xeracións futuras e da diversidade da vida na terra, farase evidente que tal transición é imposíbel baixo o capitalismo. De feito, representa a negación concreta do capitalismo. Aquí, a mensaxe do movemento ecosocialista, encarnado por organizacións como System Change Not Climate nos Estados Unidos, é indispensábel(11). Unha transición xusta, si debe ser máis que palabras, require un modo de produción completamente diferente, que xa non se basee na lóxica de" Acumulade, acumulade! É dicir Moisés e os profetas!"(12).

 Polo tanto, unha transición xusta entrelázase necesariamente coa loita de clases, mentres se cruza coas loitas pola reprodución social, contra o capitalismo racial, o militarismo e o imperialismo, que poñen en cuestión os fundamentos mesmos do capitalismo. Se queremos salvar o mundo das nosas crianzas, teremos que ser máis revolucionarios que nunca na historia da humanidade, dirixindo os nosos esforzos cara ao desenvolvemento humano duradeiro, é dicir, o socialismo completo, que englobe as necesidades de toda a cadea das xeracións humanas, así como a protección da terra mesma. A fin de contas, non pode haber outro significado para unha transición xusta.

_____________________________________________________________________________

Notas

1/ Acordo de París (2015) - texto sobre a web da Confederación (CH).

2/ Samantha Harvey, Leave Non Worker Behind, Earth Island Journal (Verán de 2018); Jeremy Brecher, "A Superfund for Workers", en Dollars -- Sense (novembro-decembro de 2018).

3/ United Steel Workers Environmental Task Force, Our Children's World (Outono de 1990), reproducido en New Solutions: A Journal of Environmental and Occupational Policy 2 , No. 2 (1992), citado en United Steel Workers, Securing Our Children's World (2006), 4, 9.

4/ United Steel Workers, Our Children's World, citado en David Foster,"BlueGreen Alliance", International Journal of Labor Research 2, No. 2 (2010): 234.

5/ United Steel Workers, Securing our Children's future, 5.

6/ International Trade Union Cofederation, A Just Transition: A Fair Pathway to Protect the Planet (2009), citado en Anabella Rosemberg, "Building a Just Transition", International Journal of Labour Research 2, No. 2 (2010): 141.

7/ Rosemberg, "Building a Just Transition", 145-48.

8/ Indigenous Environmental Network, "Indigenous Principles of a Just Transition", consultado o 20 de xuño de 2019.

9/ Climate Justice Alliance, "Just Transition", consultado o 20 de xuño de 2019.

10/ Zach Zill, "Nine Ways Scientists Can Support a People's Green New Deal", Science for the People 22, No 1 (primavera de 2019).

11/ Ver https://systemchangenotclimatechange.org

12/ Karl Marx, O Capital, Libro 1, sección oitava.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 5 de setembro de 2019]