Capitalismo, xeopolítica e pandemia

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 15 Mar 2021

A globalización da pandemia fixo sentir por primeira vez aos pobos dos países do norte, a miseria das políticas dos seus gobernos, percibindo os medos, as angustias e as ameazas cotiás que viven os países do sur

 Con grande alarde anunciouse hai uns meses que a fin da pandemia significaría un “novo comezo”, algo bastante indefinido que evidentemente para América Latina xa non se producirá neste 2021 tendo en conta que a mutación do virus produciu novas variantes que teñen a Brasil como o seu epicentro máis recoñecido ante a alarma da OMS que declarou a urxencia sanitaria para toda a rexión.

 Por outra banda, até o momento a vacinación en América Latina e o Caribe alcanza ao 2,8% da súa poboación, mentres que no mundo chega a 3,5%. Esa cifra é moi baixa se nos atemos a que a poboación da rexión é 8,1% do total do planeta. Isto dá conta de como o proceso de inoculación se concentrou en moi poucos países.

 Talvez ningún feito da historia dos últimos 250 anos como o manexo da pandemia e en particular a produción e distribución das vacinas para contrarrestar o virus, evidenciase con tanta transparencia o verdadeiro talante da sociedade capitalista.

 Para os que aínda non logran determinar a nimia importancia que a vida humana e a paz ten para as empresas transnacionais e as potencias capitalistas, abonda con facer unha revisión das condicións que se impoñen para o fornecemento das vacinas.

 Sóubose que a farmacéutica estadounidense Pfizer intimidou os gobernos latinoamericanos nas negociacións para lles vender a vacina contra o Covid-19. Pfizer esixiu a algúns países que poñan activos soberanos, tales como edificios de embaixadas e mesmo bases militares en calidade de garantía para reembolsar os custos de calquera futuro litixio.

 Estes requisitos impostos na “negociación” levaron a que Arxentina e Brasil rexeitasen mercar a vacina desta empresa. No entanto, os acordos para obtela están cubertos por cláusulas de confidencialidade que se fixeron públicas polo escándalo que significa que Pfizer obrigase a unha serie de indemnizacións contra reclamacións civís, tanto por efectos adversos da vacina como pola súa propia neglixencia.

 É así, que a empresa estadounidense esixe que sexan os gobernos os que paguen os custos potenciais dos xuízos civís que se poidan iniciar por neglixencia, fraude ou malicia. Isto inclúe a garantía das empresas que se cobren para o caso en que baixo a súa responsabilidade se interrompa a cadea de frío, se entreguen as vacinas incorrectas ou se estas se estragan. Tamén, se se provoca a morte, discapacidade ou unha enfermidade anexa ao doente. É dicir, son os gobernos os que deben pagar polos erros das empresas se os primeiros realizan unha reclamación formal ante a xustiza.

 Estas condicións que poñen en primeiro lugar os intereses das empresas e nun segundo plano a saúde dos cidadáns foron aceptados por Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, Panamá, Perú e Uruguai gobernados pola dereita neoliberal e lamentabelmente tamén por México, sen que se coñezan con certeza os termos dos acordos.

 Doutra parte, e nunha actitude francamente distinta, o Ministerio de Relacións Exteriores de China anunciou que o seu país seguirá promovendo unha distribución equitativa das vacinas, poñendo en primeiro termo a seguridade e eficacia destas, polo que instou as empresas produtoras do país a levar adiante as investigacións e desenvolvemento das vacinas en estrita aprobación dos métodos científicos e os requisitos reguladores.

 Do mesmo xeito, China comprometeuse a facer das vacinas contra a COVID-19, bens públicos mundiais e proporcionou ou está proporcionando axuda en vacinas a 53 países, ao mesmo tempo que farmacéuticas chinesas exportaron ou están exportando os medicamentos a outros 27 países, entre eles 11 de América Latina sen ningún tipo de condicionante.

 Nesta situación, a colonialidade e o eurocentrismo atravesaron os debates acerca da “nova normalidade”. Para América Latina e en xeral para os pobos do sur, falar diso é rebobinar o discurso da dominación e o control das potencias. Deste xeito, “nova normalidade” fai parte dun discurso que se propio do norte, á súa seguridade e estabilidade en detrimento do sur que outra vez é visto como un atranco para o logro dos obxectivos trazados por Washington, Bruxelas ou Londres.

 Dito doutro xeito, o concepto de “nova normalidade” para uns, está asociado co de “risco” para eles, o cal implica novos métodos de control e explotación para a maioría do mundo. Nesa medida, esta idea vincula a necesidade de supervivencia de Estados Unidos e Europa como potencias dominantes a calquera custo, incluíndo o da vida de millóns de cidadáns.

 Este escenario conduciu a un reposicionamento da globalización desde outra perspectiva tendo en conta que o virus se instalou en todas as latitudes e lonxitudes do planeta, mostrando a putrefacción nas entrañas do sistema, cando sen importar a saúde da humanidade concentraron en 10 países máis do 90% das vacinas até o de agora producidas, incluso chegando a ter nalgúns países como Canadá cantidades 5 veces superiores á das necesidades da súa poboación.

 A globalización da pandemia fixo sentir por primeira vez aos pobos dos países do norte, a miseria das políticas dos seus gobernos, percibindo os medos, as angustias e as ameazas cotiás que viven os países do sur. Iso, sen chegar aos extremos que por exemplo expresan as políticas do goberno de Estados Unidos que prohibe aos laboratorios -baixo risco de sancións- venderlle vacinas a Venezuela e impedir que os recursos roubados e retidos do país poidan ser utilizados para a obtención da vacina.

 Hoxe, xa é posíbel predicir que se producirán cambios transcendentes en termos xeopolíticos, que xa estaban en curso a comezos de 2020 e se aceleraron pola pandemia. O máis importante de todos é o fortalecemento da potencialidade económica de China e a súa crecente capacidade de inserción na problemática mundial.

 Doutra banda, a pandemia fixo evidente a distancia entre a periferia e os centros de poder mundial, cando estes, lonxe de aproveitar o nefasto evento como lugar de encontro humanitario en salvagarda da vida a través da cooperación e o encontro, privilexiaron os intereses de lucro que anuncian unha maior profundación das diferenzas nun mundo no que o sistema capitalista mostrou a súa total incapacidade de conducir o proceso de enfrontamento, loita e derrota do virus.

 Neste contexto, o sistema multilateral puxo en evidencia notorias imperfeccións e insuficiencias, comezando pola actuación da propia Organización de Nacións Unidas (ONU) que se viu incapaz de xestionar e pilotar o proceso, xa sexa por debilidade, subordinación ou temor á furia das potencias e laboratorios que ven minguados os seus negocios.

 Do mesmo xeito, os únicos bloques rexionais e subrexionais que foron capaces de articular políticas conxuntas foron os asiáticos; o resto perdeuse en actitudes particulares dos gobernos e en acordos secretos que agochan complicidade, subordinación e defensa dos grandes laboratorios transnacionais. En particular, neste aspecto, América Latina foi senlleira -unha vez máis- en mostrar as debilidades de sistemas de saúde marcados por prácticas neoliberais que expoñen a cara visíbel de oligarquías que non escatiman en sacrificar vidas cando se trata de defender os seus ruíns intereses de grupo ou sector.

 O certo é que a xestión da pandemia, as prioridades na atención dos cidadáns para a salvaga da súa vida, a decisión sobre a utilización de recursos de todo tipo para enfrontar o virus e a produción e distribución da vacina puxo sobre o tapete os fundamentos filosóficos sobre os cales os gobernos se preocupan ou non de garantir o dereito á saúde e á vida de todos os cidadáns como establece a Declaración Universal dos Dereitos Humanos da ONU.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 11 de marzo de 2021]