Cara a unha xeoeconomía bipolar?

Carlos Fazio -

A guerra económica, as sancións e a guerra híbrida dos EUA contra China e Rusia terminaron unindo a ambos os países, e están empurrando a outros á súa emerxente órbita euroasiática

 O sistema capitalista globalizado está en crise. Vive unha crise económica, estrutural, mais tamén política, de lexitimidade dos estados e da hexemonía capitalista. O actual conflito entre os Estados Unidos e a OTAN contra Rusia con epicentro en Ucraína, non é a causa senón a consecuencia da crise xeral do capitalismo global. Estados Unidos loita por manter a hexemonía intercapitalista, mais existen indicios sobre a inminente desintegración do sistema económico baseado no dólar e a súa substitución por unha nova orde socioeconómica internacional liderada por China, que combina a planificación estratéxica centralizada e a economía de mercado, o control estatal sobre a infraestrutura monetaria e a participación empresarial privada.

 Como sinalou o economista Michael Hudson, durante máis dunha xeración destacados diplomáticos estadounidenses advertiron sobre o que pensaban que representaría a última ameaza exterior do imperio: unha alianza de Rusia e China que dominaría Eurasia. A guerra económica, as sancións e a guerra híbrida dos EUA contra China e Rusia terminaron unindo a ambos os países, e están empurrando a outros á súa emerxente órbita euroasiática. O que a medio prazo podería configurar unha xeoeconomía bipolar: "Occidente" vs Eurasia.

 Segundo Sergey Glazyev, membro da Academia Rusa de Ciencias e ministro de Integración e Macroeconomía da Unión Económica de Eurasia, asistimos a un período de cambio de patróns tecnolóxicos e mundiais que sempre vai acompañado de crises económicas estruturais e guerras, respectivamente. O cambio de patróns tecnolóxicos comeza cun aumento dos prezos da enerxía, tras o que as economías dos países desenvolvidos caen nunha depresión prolongada, da cal se sae por unha "tormenta de innovacións". Durante ese período as tensións político-militares intensifícanse e a carreira armamentista impulsa a economía a entrar nunha nova e longa onda de crecemento baseada nunha nova orde tecnolóxica. Glazyev sostén que hoxe ese período se está pechando co salto de China e a India ao liderado do desenvolvemento técnico e económico mundial, con base nunha nova orde tecnolóxica cuxo núcleo é un complexo de tecnoloxías nano, bioenxeñaría, información, dixitais, aditivas e cognitivas.

 Ao mesmo tempo, vaise cara a un sistema alternativo de xestión de desenvolvemento económico, cuxo núcleo tamén radica no sueste asiático, e como ocorre sempre neses períodos, apunta Glazyev, a elite dirixente dos países centrais provoca unha guerra mundial para tentar manter a hexemonía intracapitalista global.

 No marco dunha estratexia planificada de histerización da poboación (rusofobia), na conxuntura a elite plutocrática e militar estadounidense está despregando unha guerra híbrida informacional-cognitiva e monetaria-financeira contra China e Rusia, para desestabilizar a ambos países, e tamén a India.

 Michael Hudson e Sergey Glazyev coinciden en que a recente confiscación (roubo) do ouro e de 300.000 millóns de dólares en reservas estranxeiras rusas en contas de custodia dos bancos centrais occidentais -como ocorreu antes con Venezuela, Iraq, Irán e Afganistán-, xunto co asalto selectivo ás contas bancarias de multimillonarios rusos, socavaron o status do dólar, o euro, a libra esterlina e o ien como moedas de reserva global, o que acelerará o desmantelamento en curso da orde económica global, xa que é pouco probábel que algún país soberano continúe acumulando reservas nesas moedas, e busque substituílas por moedas nacionais e ouro, ou unha nova moeda de pagamento dixital fundada a través dun acordo internacional.

 A maioría das transaccións entre os países membros da Unión Económica de Eurasia xa se están dando en moedas nacionais e estase producindo unha transición similar no comercio con China, Irán e Turquía; tendencia que podería incluír a India. En forma paralela impúlsase o desenvolvemento dun sistema de pagamento dixital non bancario, que estaría ligado ao ouro e outras materias primas negociadas en bolsa.

 A crise dos prezos da enerxía e os alimentos -Rusia e Ucraína son grandes exportadores de grans- está afectando aos países do sur global. Mais tamén ás economías dos EUA e Europa que teñen que afrontar o boicot ao gas ruso, e ademais necesitan cobalto, aluminio, paladio e outras materias primas básicas que poderían ser usadas polo Kremlin como medio de presión para a remodelación da diplomacia e o comercio mundial.

A estratexia estadounidense de utilizar a Ucraína como cuña entre Rusia e China non funcionou. En troca, a enxurrada de sancións contra Moscova tivo o impacto de reforzar a complexa integración integral das economías rusa e chinesa, que se podería fortalecer coa articulación da Nova Ruta da Seda de Xi Jinping e a Unión Económica Euroasiática impulsada por Putin.

 Á súa vez, como sinalou Hudson, a diplomacia de forza dos EUA refregoulle na cara á Unión Europea o seu "vil servilismo", polo que o próximo enfrontamento se podería producir dentro de Europa, cando políticos nacionalistas tenten liderar a ruptura cortina de aceiro imposta pola Casa Branca para pechar os seus satélites na dependencia dos abastecementos estadounidenses de gas licuado con prezos máis altos.

 En definitiva, no marco da actual fase de "acumulación militarizada" -como a denomina William I. Robinson-, que a raíz do fornecemento masivo de armas a Ucraína dispararon as accións de megacorporacións militares e de seguridade estadounidenses como Raytheon, General Dynamics, Lockheed Martin, Northrop Grumman e Boeing, a manobra do Estado profundo que controla a Joe Biden puido garantir que Europa contribúa máis á OTAN, merque máis material bélico ao complexo militar-industrial e se peche máis na dependencia comercial e monetaria imposta polos EUA.

 Sen desbotar, que como aconteceu historicamente con outros presidentes dos EUA, a administración Biden se involucre directamente na guerra con fins electorais, ou utilice a Polonia e Romanía para desestabilizar máis a contorna ucraína.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 2 de maio de 2022]

Volver