Caravana de vehículos contra a represión en Abeiro Gold

Lugo - 29 Nov 2018

As protestas que a CIG está a desenvolver para esixir a readmisión dunha traballadora despedida de maneira arbitraria e reclamar o cese da represión sindical na residencia da terceira idade Abeiro Gold, continuaron este xoves cunha caravana de vehículos polas principais rúas de Lugo.

A dirección ten unha "guerra aberta contra a CIG" dende que a central nacionalista sacou maioría absoluta nas eleccións sindicais nesta residencia, "a pesares das manobras da empresa para evitar que obtiveramos representación". Neste senso, a Federación de Servizos de Lugo entende que o recente despedimento responde a unha represalia de Abeiro Gold contra a traballadora, que foi única do colectivo de limpadoras que durante unha asemblea defendeu os seus dereitos laborais e denunciou en público as irregularidades que se dan na residencia.