Caravana de vehículos para esixir unha transición xusta e futuro industrial e emprego para As Pontes

A CIG reclama concreción nas medidas e proxectos alternativos

As Pontes -

Logo do parálise a causa da emerxencia sanitaria da Covid19, a coordinadora de auxiliares da central das Pontes retomou esta tarde o calendario de mobilizacións para esixir un proceso de transición enerxético xusto para a comarca e para Galiza, que pasa por ofrecer garantías de emprego e proxectos que doten de futuro industrial ás zonas afectadas polo peche das térmicas e os procesos de descarbonización da economía.

A marcha de vehículos saía pouco despois das 16:30 da rotonda da central nas Pontes, para dirixirse até Cabanas, Fene, Neda, Narón e Ferrol, onde rematou a altura do porto interior. Con esta acción queren denuncian a inoperancia por parte do Ministerio, a Xunta e a propia empresa, pois dende a reunión do pasado 10 de marzo, a mesa de traballo non se volveu xuntar. De feito, “non foi até onte pola noite que nos chegou confirmación de convocatoria de reunión para o próximo 22 de xuño", apunta Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria.

Neste senso, lembra que xa houbera varias reunións con Endesa-Enel, Xunta e Ministerio, "pero seguimos sen ter nada concreto enriba da mesa, mentres vemos como noutros territorios onde hai peches de centrais a mes vista, xa comezaron os despedimentos nas auxiliares sen que existan alternativas de emprego. Xa chega de propaganda e consignas, hai que avanzar en medidas e proxectos concretos que doten de futuro industrial e garantan a creación de postos de traballo nesta comarca", aseverou.

Insistiu Amado na necesidade de que Endesa asuma as garantías de emprego e compromisos coa reindustrialización da bisbarra, porque logo de obter durante décadas beneficios millonarios coa produción de enerxía e o espolio dos recursos, non vale que agora peche e marche sen asumir ningún tipo de responsabilidade social ou ambiental.

A este respecto, advertiu que "se se consuman os despedimentos pero non hai proxectos de futuro viábeis e non están claras as axudas e subvencións ás que se pode acceder, evidentemente a transición será xusta para as eléctricas, pero non para os traballadores/as, nin para os territorios".

Por iso, Amado urxiu ao Goberno español e á Xunta para que se deixe de facer electoralismo con esta problemática e se avancen solucións concretas para dar, no inmediato, certezas de emprego ao persoal das auxiliares e garantir proxectos industriais perdurábeis.

Volver