Caravanas de coches na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo en demanda de solucións para as residencias de Política Social

Nacional - 20 Xun 2023

Decenas de vehículos percorreron en caravana as cidades da Coruña, Lugo e Ourense para demandar da consellaría de Política Social solucións pola problemática que se vive nas residencias. O comité intercentros, que convocaba a mobilización, denuncia que o ingreso de usuarias e usuarios de menor idade e con diversas patoloxías está interferindo coas necesidades das persoas maiores ingresadas e dificultando o labor do persoal, insuficiente e sen medios para garantir a atención axeitada.

Segundo explica o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, malia terse analizado a situación derivada do ingreso dunha nova tipoloxía de usuarios/as con Política Social, nunha xuntanza celebrada a mediados do mes de maio, a consellaría non deu aínda resposta. “Nesa xuntanza insistimos na situación que se está a producir nos centros porque se trata de usuarios e usuarias máis novos e con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou de arraigo social”.

Gallardo Canitrot explica que os centros non están preparados estruturalmente para albergar esta nova tipoloxía polos conflitos que xera, coas necesidades de tranquilidade e seguridade dos actuais usuarios maiores nas Residencias. 

Remarca ademais que “as e os profesionais non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crises que poidan xurdir en este tipo de usuarios”.

Denuncia ademais que isto vense sumar a unhas condicións laborais precarias xa que o persoal destes centros de atención directa as 24h durante os 365 días do ano “non temos ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos  dende o ano 2012,suspendida temporalmente malia recollerse expresamente esa compensación na Lei de Emprego de Galicia, no seu artigo 137.2.d”.

Lembra que naquela xuntanza tamén se trasladou a demanda de dotar os centros de máis persoal, dimensionando as plantillas  á realidade actual, xa que a ratio de persoal/usuario é do ano 2006, cando a denominación era diferente e existían centros de atención a persoas “válidas”. A este respecto lembrou que “agora todos os centros son de atención a persoas dependentes e con multipatoloxías”.

Atraso inadmisible

Naquela xuntanza, tanto a dirección xeral de FP como a consellería de Política Social, comprometéronse a presentar un documento para a súa negociación na semana da reunión ou, como moi tarde, a semana seguinte. Un documento que segundo explica o presidente do comité intercentros “ía pivotar sobre estas  cuestións básicas e imprescindibles a dia de hoxe como a creación de postos de traballo dentro da RPT; compensación por traballar domingos e festivos e análises da tipoloxía dos usuarios dos centros e solucións inmediatas”.

Concentración en San Caetano o día 28

Por iso, con esta mobilización querían denunciar que tanto a Xunta de Galiza como a Consellería de Política Social, “incumpriron de novo a súa palabra” e chamar á concentración prevista para o vindeiro día 28 de xuño, ás 10:30 horas, en San Caetano.