
Carpintería Ramón García despide o presidente do comité en represalia pola súa actividade sindical

Carpintería Ramón García SA (situada en Ordes) vén de despedir o presidente do comité de empresa (da CIG) mediante unha carta chea de falsidades nas que se acusa ao representante legal do persoal de incumprir as medidas de seguridade ou amosar baixo rendemento. A CIG Construción e Madeira da Coruña entende que este decisión constitúe unha clara represión contra o traballador (que leva 14 anos na empresa e conta con 26 anos de experiencia no sector) pola actividade sindical desenvolvida na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras.
Cómpre salientar que hai só catro meses que a CIG obtivo a maioría da representación en Carpintería Ramón García e dende entón este traballador, elixido presidente do comité, mantén unha intensa actividade a prol da normalización das relacións laborais coa dirección, a apertura de negociacións das condicións laborais do persoal de oficina, obra ou taller, a activación funcional do comité de Seguridade e Saúde, e o inicio das negociacións do primeiro Plan de Igualdade e dos respectivos Protocolos de Acoso, Violencia de Xénero e LGTBI.
Ademais, na súa condición de representante do persoal chamou a atención sobre a problemática do po da madeira dura, causa de cancros de fosas nasais cunha elevada taxa de mortalidade, nas instalacións da empresa, respecto da que acababa de propoñer un protocolo.
“Toda esta intensa actividade non foi vista con bos ollos pola dirección, quen chegou ao extremo de propoñerlle ao traballador fixar unha cifra a cambio de abandonar a sociedade, e polo tanto a súa acción sindical”, advirte a FCM-CIG. Unha chantaxe á que o traballador se negou, intensificando a súa actividade sindical.
Agora, a empresa opta pola represalia co despedimento disciplinario mediante unha carta de 19 páxinas “chea de mentiras na que non se achega nin unha soa proba de ningún comportamento reprobábel”.
Cómpre destacar á persecución á que o traballador está sometido dende que no ano 2023 pasou a representar a sección sindical da CIG, que non foi recoñecida pola empresa e co boicot constante da súa actividade sindical até vulnerar a lexislación, e incluso coa apertura dun expediente sancionador coas eleccións xa convocadas.
A CIG non vai consentir este actuacións represivas e xa avanza que se recorrerá o despedimento na vía xudicial, reclamando a súa nulidade. De xeito paralelo, levaranse adiante todas as accións sindicais oportunas, sen descartar ningunha medida “até que se faga xustiza e se restitúa a dignidade do compañeiro coa súa readmisión”.