Carreira e festa polo galego coa participación de 1.600 escolares no Correlingua celebrado en Compostela

Un total de 20 centros de ensino da comarca participaron na súa XIX edición

Compostela -

Rapazada dos niveis de Infantil, Primaria e Secundaria dos concellos de Boqueixón, Ordes, Ames, Santiago de Compostela, Teo, Ribeira, Vedra, Negreira, Val do Dubra, Arzúa, Rois e Vimianzo participaron esta mañá no xa tradicional Correlingua, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino e que este ano cumpre o seu 19º aniversario. En total 1.600 asistentes entre alumnado e profesorado que percorreron as rúas de Compostela, como é habitual con saída ás 11 da praza da Quintana e retorno ao mesmo punto unha hora despois.

Moi participativo e cun ambiente moi festivo. Así se viviu esta mañá o Correlingua, a marcha pola normalización do noso idioma, en Compostela que serviu un ano máis para poñer sobre a mesa a necesidade dun plan efectivo que permita normalizar o noso idioma no ensino e noutras esferas da infancia e a mocidade. Con continuas alusións ao Decreto de plurilingüismo, que prohibe impartir as materias científicas no noso idioma, e outras reclamacións máis xenéricas como a necesidade de incrementar a programación infantil e xuvenil e os recursos audiovisuais en galego, a marcha rematou ás 12 do mediodía na Praza da Quintana para dar paso a un fin de festa conducido pola actriz Isabel Risco e no que interviron o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

No acto tivo lugar a entrega de premios ás mellores pancartas que recaeron por esta orde no IES Leliadoura de Ribeira, o CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón e o CEP Plurilingüe de Ventín (Ames), que obtivo o primeiro premio cun nutrido grupo de alumnado participante.

A festa rematou coa actuación da cantautora cambadesa Pauliña, que foi a gañadora este ano do concurso Cantalingua, e que animou os presentes a falar galego "sen complexos", a espallalo polas redes sociais e a vivir o día a día nunha lingua "que é unha riqueza inmensa que temos".

Agradecementos

A CIG-Ensino agradece un ano máis a todos os centros que están participando nesta e noutras edicións no Correlingua, así como a implicación tanto de profesorado como de alumnado non só para que esta actividade siga estando viva e sexa un éxito senón polo seu traballo nas aulas  prestixiando e axudando a espallar o noso idioma entre as novas xeracións.

Volver