Carril: “A Xunta ten que asumir un papel protagonista e abandeirar a adquisición pública de Alcoa”

O secretario xeral da CIG denuncia que Feixóo está a dimitir de exercer as competencias de Galiza na defensa do noso sector industrial
Nacional - 12 Xun 2019

Representantes da CIG nos comités de Alcoa Coruña, Ferroatlántica Sabón, Ferroatlántica de Cee–Dumbria e Alcoa San Cibrao, xunto co secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asistiron esta mañá á sesión plenaria celebrada no Parlamento de Galiza, convidados polo BNG, para escoitar as respostas de Feixóo sobre a crise industrial e, nomeadamente, sobre a situación da industria electrointensiva. Respostas que Carril considerou lamentables, por eludir, como Presidente da Xunta, toda responsabilidade e por se limitar a culpabilizar ao goberno do Estado español.

“Damos por descontado que Feixóo vai escudarse na responsabilidade de Madrid pero ben é certo que a Xunta ten competencias en materia de industria que non está exercendo”, asegurou o secretario xeral da CIG ao remate da intervención do Presidente. “Se falamos de Alcoa, a Xunta négase a facer unha fronte na defensa da nosa industria, porque nun país como o noso, produtor e exportador de enerxía, non poden estar en risco empresas polos altos prezos da enerxía”.

Adquisición pública de Alcoa

No caso concreto de Alcoa, para Carril o goberno da Xunta “ten que asumir un papel protagonista abandeirando a adquisición pública da planta da Coruña como medida transitoria ante a ausencia dun comprador e dun marco enerxético estable”.

Fronte a isto, e “diante da incompetencia do goberno español” a alternativa de Feixóo é “dimitir, na práctica, de exercer as súas competencias, tanto estatutarias como políticas, na defensa da industria galega”, denunciou. Actitude que considerou “unha irresponsabilidade”.

No mesmo sentido valorou Xulio Moscowich, delegado da CIG no comité de Alcoa, a comparecencia do presidente da Xunta. “Viu confirmar, máis unha vez, que a Xunta non está facendo nada”. Acusou á administración galega de limitarse a botar “botar balóns fóra e a culpar de todos os males do tema da industria electrointensiva ao goberno de Madrid” do que dixo que “ten a súa culpa”. Mais chamou a non esquecer que “durante 6 anos estivo gobernando tamén o PP e Feixóo leva 10 anos gobernando Galiza. En vez de traballar pola continuidade da industria electrointensiva dedícase a culpar a outros”.

Moscowich reiterou que a mellor solución posible é a adquisición pública da fábrica da Coruña que, afirmou, “é perfectamente legal, é perfectamente viable e compatible coas directrices europeas. Polo tanto se o goberno central non o fai, a Xunta ten competencias en materia de industria para poder facelo. Se de verdade aposta pola industria electrointensiva, se de verdade aposta pola continuidade da fábrica da Coruña, teno nas súas mans”.

Contra a segregación

Respecto da situación que atravesa Ferroatlántica, o secretario xeral da CIG denunciou a operación que está enriba da mesa, que considerou “fraudulenta”, ao igual que o era a que intentou levar adiante Villar Mir en 2017. “A Xunta ten que deixar claro que non é posíbel. Non vale limitarse a facer declaracións. Ten que actuar e isto pasa por facer valer que non pode haber segregación de actividade de ningunha das formas que a empresa poida estar facendo”.

A este respecto Aarón Rei, delegado da sección sindical da central de Dumbría, considerou un despropósito que Feixóo non asumira ningún compromiso en sede parlamentaria e considerou que a Xunta “si vai permitir a segregación, do momento que na súa comparecencia non dixo que non”.

De feito, o delegado da planta de Dumbría tirou, das palabras do presidente da Xunta, que este chegaba a considerar “que se seguía a vinculación coas fábricas non ía poñer problema”. Unha operación que Rei considera “moi turbia” porque quen pretende comprar a fábrica é un fondo americano cunha filial no Estado español con capital social de 3.500 euros e dous empregados. “Quen vai xestionar as centrais é esa empresa. As fábricas de ferroaliaxes vainas seguir xestionando FerroGlobe, polo que ao final estamos ante unha segregación encuberta”.

Pola súa banda Aníbal Carro, delegado da CIG no comité de Ferroatlántica de Sabón, denunciou que o que está facendo a empresa “é fraude de lei” e que se está cometendo unha ilegalidade “que consiste en pasarse polo forro dúas sentenzas e dous contenciosos que ten coa Xunta de Galiza (que é o organismo competente) que lles impiden segregar e faino pola vía do feito consumado, presentando a documentación de sociedades na vía mercantil pola brava”.

Por iso o tamén representante da CIG no comité de Sabón, Alberto Valiño, denunciou que “está en proceso unha escisión. Un feito consumado no mercantil que supón escindir a fábrica de Sabón da unidade porque o que pretende facer a empresa agora é que o comité de Sabón lle asine un acordo para a escisión desta planta, de maneira que a autorización que precisan da Xunta para vender as centrais só fique vinculada co complexo industrial de Cee e Dumbría, pero non con Sabón.

Valiño lembrou que isto xa está denunciado e que desde o comité presentáronse alegacións en Augas de Galiza.