“A sentenza do TEDH supón un descrédito evidente para o sistema xudicial español”, afirma Carril

A CIG agarda que non se repitan sentenzas como as emitidas contra Fragoso por clamar contra “o silencio da puta bandeira” e prevaleza, en diante a liberdade de expresión
Nacional - 12 Xun 2023

Pablo Fragoso compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto co seu avogado, Roberto Bouza; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, para valorar a recente sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra España por violar o dereito á liberdade de expresión do sindicalista que clamou contra “o silencio da puta bandeira” fronte o Arsenal, no decurso dunha protesta sindical polo impago dos salarios ás súas traballadoras.

Unha sentenza –a do TEDH- que Carril considerou que supón “un descrédito evidente para o sistema xudicial español nas distintas instancias” e que vén corrixir as emitidas contra Fragoso que “tiñan como obxectivo amedrentar e criminalizar a protesta”.

O secretario xeral da CIG denunciou a actuación “desproporcionada” da xustiza española e, sobre todo, que se lle dera máis importancia, tal e como se recolle na sentenza emitida polo Xulgado do Penal nº 1 de Ferrol,  a que os militares que estaban participando no izado da bandeira española se sentiran “humillados”, fronte á situación das traballadoras polo impago dos seus salarios.

Carril considerou ademais que a actuación da xustiza española responde á “obsesiva imposición do Estado español da unidade de España e dos seus símbolos nacionais” e a negación dun Estado Plurinacional. Por iso, chamou a que se derroguen os artigos do Código Penal relacionados con esta cuestión, nomeadamente o 543, que castiga a quen ofenda, con publicidade, a España, as Comunidades Autónomas ou aos seus símbolos nacionais e que “prevaleza, no seu sitio, a liberdade de expresión”.

Xunto a isto denunciou que fronte este dereito humano, no Estado español segue vixente a Lei Mordaza e o delito de desordes públicas agravadas. Artigos e leis que entendeu que deberían ser derrogados e que o propio lexislador non debería aplicar á vista desta sentenza do TEDH.

Vendeta do Almirante

Pola súa banda, Pablo Fragoso lembrou que foi condenado “sen ter a ninguén que me acusase”. Considerou que todo este proceso tivo a súa orixe nunha “vendeta por parte do Almirante” e que o obxectivo do Estado español era amedrentar “a quen non estamos na mesma liña ideolóxica”. Obxectivo que, afirmou, non acadaron porque “cando pretenden amedrentarnos conseguen o contrario”.

Condena “arbitraria” amparada nun artigo “anacrónico”

O avogado que levou o caso diante de todos os órganos da xurisdicción española, incluído o Tribunal Constitucional, deu conta do periplo de case 10 anos que percorreu este caso. Roberto Bouza recordou todas as instancias xudicias que houbo que percorrer en España ata finalizar no Tribunal Constitucional. Posteriormente foi o seu compañeiro, o avogado Manuel Arias, especializado en Dereito Europeo, quen se encargou da defensa do caso diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo, no xa coñecido caso Fragoso Dacosta contra España.  

Lembrou que as expresións de Fragoso contra “o silencio da puta bandeira” e “hai que plantarlle lume á puta bandeira” producíronse durante a mobilización das traballadoras na beirarrúa de enfronte do Arsenal no momento do izado da bandeira, que se produciu entre apupos das manifestantes, o que deu lugar a que o Almirante redactara un informe que foi enviado á fiscalía de Ferrol, que foi quen decidiu interpor denuncia penal contra o sindicalista.

A raíz desa denuncia dítase un auto de apertura de xuízo oral, durante o que Bouza lembra que, por parte da defensa, se incidiu nos dereitos fundamentais á liberdade de expresión, ideolóxica e sindical e que mesmo se solicitou que se presentara unha cuestión de inconstitucionalidade que foi desoída.

Así Fragoso resulta condenado a pagar 1.260€. Inténtase presentar recurso de apelación na Audiencia Provincial da Coruña, que foi desestimado en febreiro de 2018 e posteriormente, preséntase recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.

O TC emite sentenza condenatoria no ano 2020, sen a unanimidade dos 11 maxistrados que o conforman. Cinco deles emiten votos particulares e isto dá pé a que se eleve a demanda ao TEDH.

Roberto Bouza entende que con esta sentenza, emitida por unanimidade dos 7 xuíces que conforman o TEDH e que lle dá a razón a Pablo Fragoso, determínase que “o Estado español vulnerou os seus dereitos fundamentais”.

Xunto a isto apuntou que se considerou a “pouca gravidade dos feitos”, o contexto no que se produciron, mais tamén por que se levou a xuízo ao sindicalista e non ao resto das persoas que participaron na protesta. Nese sentido entendeu que fora porque “era o do sindicato que falara uns días antes co Almirante para exixir o pagamento dos salarios”. Por iso concluíu que se trata dun caso de “represión sindical”.

Bouza animou a “loitar desde todas as frontes para que este artigo totalmente anacrónico se retire do Código Penal”, salientando “a valentía de Pablo Fragoso e do sindicato” porque “se se ten razón, hai que loitar”.

Indulto de Pintos

Ademais, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou a relevancia desta sentenza en relación á petición de indulto de Xesús A. Pintos que vén demandando a central sindical e arredor da que desenvolveu unha campaña de recollida de sinaturas. Demanda que agardou que”sexa xa unha realidade” para que “prevaleza a xustiza”.