Carril: “Estamos fartos e fartas da extorsión de Coren para impedir a dignificación das condicións de traballo"

Centos de persoas mobilizáronse esta mañá en Ourense contra a represión sindical e pola readmisión de José Barros
Ourense - 09 Xul 2019

Ourense acollía esta mañá unha mobilización diante do establecemento de Coren Grill da Ponte, na rúa Eulogio Gómez Franqueira, en demanda da inmediata readmisión de José Barros, o traballador despedido por formar parte da candidatura da CIG ás eleccións sindicais do Grupo Coren. A concentración enmárcase na campaña que a central sindical está a desenvolver contra a represión sindical na cárnica. Represión que xa provocou este despedimento mais que tamén se materializou en ameazas e coaccións contra as outras  persoas que formaban parte da mesma para que non continuaran adiante. Con este motivo, a propia executiva confederal trasladaba hoxe a súa xuntanza para Ourense.

Ao remate da concentración o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembraba que precisamente este domingo, día 7 de xullo, cumpríase un ano da manifestación convocada contra “todas as tretas, todas as ameazas e coaccións de COREN para impedir que o resultado das denuncias presentadas pola CIG desde 2016, para acabar con esa trama de escravitude dos falsos autónomos, das falsas cooperativas, puidera ir adiante de acordo ás instrucións que a Inspección de Traballo tiña ditado”.

Carril denunciou as coaccións, ameazas e mesmo o despedimento de Barros tras as traballadoras e traballadores de Coren decidir formar parte da candidatura da CIG ao considerar que “era irreversíbel e imparábel o movemento de organización sindical, de loita contra a precariedade e a explotación” iniciado en 2016. Un movemento que, ao seu entender, “pasa necesariamente porque haxa un comité de empresa autenticamente representantivo da defensa dos intereses das traballadoras e traballadores de Coren que loite pola dignificación das condicións de traballo”.

O secretario xeral clamou contra a actuación da empresa “moito máis intensa e feroz” do que xa fora hai un ano para intentar frear as denuncias presentadas pola central sindical “para a acabar coa fraude dos falsos autónomos”, nun intento de impedir que a CIG teña candidatos e candidatas para as eleccións sindicais.

Ante isto quixo deixar claro ao grupo cárnico que “estamos fartos e fartas de toda a extorsión, a estrutura caciquil e mafiosa que ten Coren para impedir a dignificación imparábel das condicións de traballo”.  Subliñou que con esta mobilización “estamos hoxe aquí para defender a liberdade sindical” pola necesidade, que cualificou como “imparábel” de conseguir que en Coren “se democraticen as relacións laborais como paso previo e imprescindíbel para a dignificación das condicións de traballo”.

Advertiu ademais á empresa de que “poderán pagar campañas publicitarias con tanta intensidade e con tanto diñeiro como amasan. Unha fortuna obtida a base de explotar e escravizar aos traballadores e traballadoras de Coren. Pero á CIG, nin nos tremen as pernas, nin a voz para denunciar esta situación xa non de escravitude, senón de represión intolerábel”.

Por iso asegurou que “non imos parar nin frear na dignificación das condicións de traballo en Coren, para conseguir, igual que fixemos hai un ano, dobrarlle o brazo a toda a industria cárnica, nomeadamente a Coren, acabando cos falsos autónomos e as falsas cooperativas. Tamén conseguiremos entrar en Coren dunha maneira ou doutra, coa forza da razón que temos e demostrando que contra a explotación, contra a precariedade: organización sindical, soliedariedade e mobilización”.

Acto de conciliación no SMAC

A protesta foi convocada a dous días antes do acto de conciliación polo despedimento, previsto no SMAC para o día 11 de xullo, e vén precedida de repartos informativos en tendas Coren e  supermercados de Ourense nos que a empresa comercializa os seus produtos, para explicar a situación de persecución que se está a vivir contra os traballadores e traballadoras que queren comezar a mudar as relacións laborais nesta compañía e defender e consolidar os seus dereitos.

Represión sindical da que o responsábel da FGAMT de Ourense, Rubén Requeixo, responsabilizou, sobre todo ao departamento de Recursos Humanos contra as afiliadas e afiliados de CIG, mesmo con ameazas a familiares, con cambios de horario ou de posto de traballo e mesmo este despedimento, entre outros. “O que non contaba o responsábel de Recursos Humanos era atoparse coa dignidade de José Barros, o compañeiro despedido  por negarse, en dúas ocasións, a borrarse da candidatura da CIG” quen, desde o minuto un decidiu “non achantar ás ameazas nin ás ofertas da empresa, como lamentablemente ocorreu noutros casos e apostou por defender os principios que o levaron a asinar a candidatura da CIG”.

O representante da FGAMT de Ourense lembrou que foron precisamente eses principios os que “o converteron en traballador do réxime xeral, abandonando esa escravitude do século XXI que coñecemos como falsos autónomos” e para el exixiu a inmediata readmisión.

O propio José Barros, que tamén interveu ao remate da mobilización agradeceu a solidariedade das compañeiras e compañeiros da CIG, non só pola loita polos dereitos laborais ou contra a represión sindical que está facendo Coren. “Se non o facemos, deixamos que o día de mañá os nosos fillos ou os nosos seres queridos sexan quen sufran a represión”.

Barros concluíu cunha mensaxe de esperanza, subliñando que “algo está cambiando na mente da xente” do momento no que “saímos todos á rúa, aquí en Ourense, ante unha empresa tan importante como é Coren, é dicimos basta xa por esta represión sindical, polos abusos. Xa bastou cos sete anos nos que tratastes de defraudar á Seguridade Social facéndonos traballar 12 horas diarias como autónomos, condicións que grazas á CIG e ás súas denuncias demos botado abaixo”.