Carteiros/as de Lalín e Santiago mobilízanse de novo contra a destrución de emprego
Carteiros/as de Lalín e de Santiago de Compostela mobilizáronse hoxe de novo ás portas do edificio da Xefatura de Zona, na capital galega, para rexeitar a política de destrución de emprego da compañía pública e denunciar que estas unidades se atopan sen persoal suficiente por falta de contratación.
A protesta, que contou unha vez máis co apoio da CIG-Correos, coincidiu coa festividade local na capital do Deza e tivo lugar “diante da pasividade e desleixo que están a amosar dende a cúpula directiva da maior empresa pública do Estado español, desoíndo sistematicamente as reivindicacións laborais do cadro de persoal”.
Os traballadores/as da Unidade de Reparto de Lalín (que abrangue os Concellos de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón) amosan o seu descontento coa política de destrución de emprego que está a levar a cabo Correos na comarca do Deza e denuncian a intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que veñen asumindo dende hai meses na unidade.
“Continuaremos saíndo á rúa e demandando mellores condicións laborais, porque a pesares de que levamos oito meses de protestas, a Xefatura apenas visitou Lalín en dous ou tres ocasións que nós saibamos, o que demostra o desleixo de Correos cara ao seu persoal”, lamentan.
Ao mesmo tempo, lembran que a día de hoxe na quenda de mañá hai unicamente 17 traballadores/as na unidade, posto que ás catro prazas vacantes estruturais hai que engadirlle outras dúas, unha por IT e outra por vacacións. Ademais, durante todo o verán a falta de contratación dificultou que os empregados/as puidesen cumprir coa lexislación postal vixente, o que supuxo unha perda de calidade no servizo, co conseguinte prexuízo para a veciñanza.
“Se ben é certo que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en tempadas de maior carga de traballo, tamén é certo que estes reforzos, na maioría dos casos, son realizados a través de horas extraordinarias e horas complementarias, o que tamén prexudica os compañeiros/as eventuais das bolsas de emprego, xa que as poucas ocasións nas que poderían traballar vense reducidas por este motivo”. Do mesmo xeito, denuncian a opacidade das bolsas de contratación (non son públicas) e as irregularidades que se producen na contratación.
Correspondencia acumulada en Santiago
De igual xeito, a Unidade de Reparto 1 de Santiago estivo durante boa parte do verán por debaixo do 50% do cadro de persoal, tendo que asumir unha importante sobrecarga de traballo.
O que supuxo que nos meses de xullo e agosto se acumulase gran cantidade de correspondencia, chegando a contabilizarse máis de 10.000 obxectos sen repartir nalgunhas datas do mes de xullo, “repercutindo na calidade do servizo e na saúde dos traballadores/as, tal e como evidencia alta porcentaxe de absentismo que hai en Correos”.
Por iso anuncian que mentres non se lle poña remedio a esta situación seguirán demandando melloras e condicións dignas nos seus postos de traballo.