Carteiros rurais demandan a suba do complemento por aportación de vehículo, conxelado desde 2011

Concentráronse diante da dirección territorial de Correos en Compostela

Nacional -

Representantes da CIG-Correos concentráronse esta mañá diante da dirección territorial da operadora de servizo postal e paquetería para denunciar que “O Correo rural pagámolo co noso xornal” e demandar o incremento do complemento que perciben as e os carteiros rurais por aportar o seu vehículo particular para facer os repartos,  que está conxelado desde 2011.

Desde a CIG-Correos, Anxo Álvarez sinala que as e os carteiros rurais teñen a obriga de utilizar para os repartos o seu propio vehículo. A cambio Correos págalles unha compensación que “non chega sequera a cubrir os gastos”, máis tendo en conta que desde 2011 perderon poder adquisitivo porque mentres as subas salariais foron sempre inferiores ao IPC, seguiron subindo os prezos dos carburantes, mecánicos e seguros co que, ao final “están sufragando do seu peto parte da prestación do servizo postal".

A situación afecta a un amplo colectivo xa que un de cada tres carteiros/as traballa no rural, unha ratio que se sitúa en un de cada oito no Estado, e fai o servizo postal para o 40% da poboación galega que é a que vive fóra das zonas urbanas.

Segundo Álvarez os gastos dispáranse aínda máis pola obrigatoriedade de asumir as zonas de reparto dos compañeiros e compañeiras que por calquera motivo non poden acudir ao seu posto (vacacións, baixas, etc.), xa que Correos non cubre estas ausencias. Deste xeito, os quilómetros diarios que teñen que percorrer aumentan, incrementándose tamén os gastos "nunhas nóminas xa mermadas polas sucesivas conxelacións salariais e, no caso do persoal funcionario, recortadas ademais polo desconto do 5% do soldo"..

Incumprimento do establecido no convenio colectivo

O representante da CIG-Correos lembra que cando se asinou o último convenio, no ano 2011, estableceuse a creación dunha mesa, que nin sequera se chegou a constituír, para revalorizar o prezo de compensación cada seis meses, pero nin a empresa nin os sindicatos asinantes do convenio volveron sentar para tratar este tema.

Nestes momentos Correos está pagando o km/día a 23 céntimos de euro e o que reclaman é que nesa mesa se negocie un incremento que teña en conta a suba do prezo dos carburantes, a do IPC e que se pague a quilometraxe e o resto de conceptos relacionados coa achega do vehículo propio acorde co seu custe real.

 O persoal ten que tributar pola compensación

Ademais, o colectivo de carteiras e carteiros rurais está penalizado por Correos que os/as deixa fóra de moitas axudas de acción social e mesmo teñen que tributar polas contías de compensación.

Por iso a CIG ten solicitado á dirección de Correos que faga as xestións oportunas para que os catro céntimos de diferenza entre o que paga a empresa postal (23 cent.) e os 19 céntimos establecidos na Administración non tributen na declaración da renda e que a compensación por achega de vehículo tampouco se teña en conta para a concesión das axudas de acción social.

En demanda de todo isto xa presentaron, a semana pasada, preto de 1.000 sinaturas de carteiras e carteiros rurais na Delegación do Goberno.

Volver