Cartografía xeopolítica de Trump

Katu Arkonada -

A política exterior estadounidense estará supeditada, xa que logo, ás presidenciais 2020, onde o escenario máis probábel é unha vitoria de Trump, que segue contando con máis apoio popular que o que tiña Obama no seu terceiro ano de mandato, fronte unha opción demócrata que de momento non parece consolidarse

 A recente ameaza de Estados Unidos de impoñer un arancel do 5 por cento (que pode medrar cada mes até un 25%) ás exportacións mexicanas é só a punta do iceberg da política exterior da administración Trump, que a diferenza da de Obama (ou o que podería ser a de Hillary Clinton) non responde tanto aos intereses de Wall Street -só parcialmente aos do complexo industrial-militar- como a diferentes intereses políticos e comerciais, que impulsan guerras de nova xeración.

 Agora mesmo, o foco da política exterior estadounidense está posto na relación con China e o asunto Huawei. O veto ao segundo maior fabricante global de telefonía móbil baixo a escusa da "seguridade nacional" ante unha presunta espionaxe nunca comprobada é similar aos decretos de Obama e Trump declarando a Venezuela perigo para a seguridade nacional de EUA. Tras ese veto en primeiro lugar está a posición de avanzada que Huawei ten no desenvolvemento da tecnoloxía 5G, chave para a intelixencia artificial e a robotización da sociedade nun futuro próximo, e a determinación de que esta tecnoloxía non sexa fornecida a diversos países europeos; e en segundo lugar, un intento de impedir a posición de dianteira sobre EUA que China está tomando non só a escala comercial, senón tamén no ámbito tecnolóxico, posición que pode ser aplicada nun futuro ás ciberguerras. Tampouco podemos esquecer que China ten 55 por cento das reservas mundiais de terras raras, fundamentais hoxe para producir teléfonos móbiles ou as baterías dos coches eléctricos, elementos químicos que se poderían converter en pezas de xadrez na guerra de aranceis que libran EUA e China.

 O segundo foco de atención xeopolítica está precisamente en Venezuela. Non é casualidade que no momento histórico (2013-16) en que se produciu unha distensión das relacións coa revolución cubana se declare a Venezuela perigo para a seguridade de EUA. A teoría do inimigo externo implica pasar de Cuba a Venezuela para manter un inimigo neste hemisferio. Se ademais ese inimigo é o país coas reservas petroleiras máis grandes do orbe, pois xa temos o xoguete perfecto para entreter os falcóns do Pentágono experimentando operacións de guerra híbrida.

 O terceiro vórtice xeopolítico na política exterior de EUA podémolo ver en Irán, onde a designación o pasado abril da Garda Revolucionaria Islámica como "organización terrorista" é só a culminación da escalada de posicións de Irán como principal inimigo externo no Medio Oriente, e unha escusa para seguir aplicando sancións, ao non poder demostrar que Irán viole o acordo nuclear. Do mesmo xeito que en Venezuela, búscase afogar a economía iraniana actuando contra o petróleo e o sistema financeiro. Ademais, Irán, de maioría xiíta, é chave na estabilidade de Medio Oriente e o golfo Pérsico, ben sexa apoiando a Líbano como contrapeso a Israel, ou a Iemen fronte á agresión, con apoio estadounidense, de Arabia Saudita.

 Outros eixes da política exterior estadounidense son as contraditorias relacións con Rusia, o apoio a Israel para que continúe o xenocidio sobre o pobo palestino, e o diálogo iniciado con Kim Jong-un que busca unha distensión na península de Corea, onde están desprazados 28.500 soldados estadounidenses. Pero sen dúbida China, Venezuela e Irán serán os tres principais eixes da política exterior estadounidense o próximo ano e medio até que en novembro de 2020 se celebren as eleccións presidenciais nas que Trump aspirará ao seu segundo mandato.

 Un Trump que, malia a súa excentricidade, non abriu ningunha fronte de guerra nova, a diferenza de Obama, quen, segundo dixo o New York Times, se converteu no único presidente na historia de EUA en exercer o seu mandato de oito anos co país en guerra continua. Mesmo a guerra non convencional aberta contra Venezuela foi inaugurada, nesta última etapa, pola orde executiva do propio Obama.

 A política exterior estadounidense estará supeditada, xa que logo, ás presidenciais 2020, onde o escenario máis probábel é unha vitoria de Trump, que segue contando con máis apoio popular que o que tiña Obama no seu terceiro ano de mandato, fronte unha opción demócrata que de momento non parece consolidarse.

 Pasado o momento político do que o feminismo neoliberal de Hillary Clinton representa, semella aínda cedo para que o "socialismo" de Bernie Sanders ceda a testemuña ao novo progresismo e a proposta de New Green Deal que encabeza Alexandria Ocasio Cortez, nacida no Bronx e de nai portorriqueña, a nova rock star da política estadounidense. O proxecto de AOC, Rashida Tlaib, Ayanna Pressley ou Ilhan Omar, á progresista do Partido Demócrata, dun neokeynesianismo verde, baseado no impulso ao sector público, fomento das enerxías renovábeis, loita contra o cambio climático e xustiza social, está, valla o xogo de palabras, demasiado verde para a política estadounidense. Quizais en 2024, cunha hexemonía estadounidense no económico e militar en decadencia, sexa o seu momento.

 

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 8 de xuño de 2019]

Volver