Catalunya: O pau e as cenorias

Elisenda Paluzie -

Os movementos sociais independentistas transversais que empezan a crecer, a atraer cada vez capas máis diversas da sociedade catalá, non aparecen de vez coa sentenza e a manifestación de Òmnium Cultural do 2010, senón que se foran forxando primeiro coas manifestacións de plataformas como a PDD, Soberanía e Progreso, Deumil en Bruxelas, e outras entidades, e sobre todo co movemento popular da consulta sobre a independencia que comezou en Arenys de Munt en setembro de 2009

Ante o referendo de autodeterminación do 1 de outubro, a resposta do Goberno e dos partidos unionistas é unha combinación de ameazas, de sumidoiros e de utilización da Fiscalía e do Tribunal Constitucional para impedir ou obstaculizar a súa celebración. En paralelo, porén, e estimulado polo líder do PSOE, facendo o papel de "poli bo", empeza a asomarse tamén a política da cenoria . Faino, así e todo, dun xeito case ofensivo. Ante o reto de primeira magnitude promovido polo Parlamento de Catalunya, proponse unha comisión de estudo para "a avaliación e modernización do Estado autonómico". A negación da realidade na que están é tan grande, que nin se atreven a chamar o conflito catalán polo seu nome.

 O recoñecemento do dereito de autodeterminación por parte das esquerdas españolas nin está nin vai vir. Que elementos de cambio de fondo se poden promover nesta comisión? O relatorio político do último congreso do PSOE apunta un: a recuperación do Estatuto de 2006. O discurso do soberanismo dos últimos anos, centrado na queixa sobre o que representou a sentenza do Tribunal Constitucional respecto de aquel Estatuto, podería telos inspirado, e facer que unha parte da poboación poida pensar que sería unha boa solución. Nada máis lonxe da realidade, non xa para os que queremos a independencia, senón para aqueles que estarían dispostos a renunciar a cambio dun mellor autogoberno.

 Certamente, a sentenza do Tribunal Constitucional de 2010 representou un ataque sen precedentes ao modelo de autogobierno catalán, pero máis polo feito de que se lamina un Estatuto referendado polo pobo en referendo e se incumpría un pacto político entre dous parlamentos, que pola diferenza entre o Estatuto de 2006 e que en quedou tras a sentenza. A sentenza era sobre todo interpretativa, e neste sentido o que marca é o tope de autogoberno que Catalunya poderá ter coa Constitución española de 1978. Desde o punto de vista substantivo, a sentenza anulou dúas partes importantes do Estatuto: a preferencia da lingua catalá na Administración e a exclusividade do catalán na escola como lingua vehicular. Pero, en troca, non afectou práacticamente o financiamento autonómico, máis aló de se converter en papel mollado a disposición transitoria sobre o investimento en infraestruturas, que de todos os xeitos tiña só unha validez de sete anos, dos que xa só quedaban tres.

 Nos últimos anos, tanto os que pactaron o Estatuto de 2006 como aqueles que se opuxeron desde o soberanismo acabaron facendo mellor do que era o Estatuto que o Tribunal Constitucional terminou de recortar. Mesmo se xerou unha confusión tan grande que nalgún faladoiro houbo que oír que foi a sentenza a que eliminou a palabra 'nación' do articulado para pasala ao preámbulo. Os que organizamos e participamos na primeira gran manifestación soberanista, a do 18 de febreiro de 2006, recordamos moi ben como moitos carteis caseiros dicían: "Somos unha nación, non un preámbulo" mostrando a indignación porque o pacto ao que chegaran o PSC , o PSOE, CiU e IC suprimira o artigo 1 do Estatuto, o que dicía que Catalunya é unha nación.

 Outra confusión é a de crer que o financiamento actual é culpa da sentenza. O financiamento que seguimos sufrindo, e que de feito é o de sempre, engadindo variábeis, fondos e complexidade, segue o modelo xeral que se pactou nas Cortes españolas en 2006 na redacción do Estatuto e se materializou coa Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas (LOFCA) de 2009, un ano antes da sentenza do Tribunal Constitucional, neste caso co apoio do PSC, de IC e de ERC. A sentenza non foi necesaria para manternos cun financiamento do réxime común, sen poder de recadación, nin ningunha garantía de respecto de principios de federalismo fiscal como a ordinalidade ou a nivelación parcial. O Estatuto que se votou xa deixaba clarísimo que os mecanismos de nivelación fixábaos o Estado, e que a bilateralidade era pura fachada . Por iso, e pola supresión do artigo 1, moitos nos opuxemos e fixemos campaña polo 'non'.

 Non se trata de menosprezar a importancia da sentenza, que unha maioría do país viviu acertadamente como un ataque á súa dignidade, e o seu voto nun referendo (un 74% de 'si' cunha participación dun 49% ), pero a acumulación de forzas que levou á maioría parlamentaria independentista foise forxando máis lentamente do que ás veces se fai crer. O fracaso do Estatuto é un proceso en dous tempos: o primeiro é o incumprimento da palabra de Zapatero ("apoiarei o Estatuto que aprobe o Parlamento catalán") en 2006 e o segundo é o recurso ao Estatuto por parte do PP e do Defensor do Pobo nomeado polo PSOE, e a subseguinte sentenza do Tribunal Constitucional de 2010.

 Do mesmo xeito, os movementos sociais independentistas transversais que empezan a crecer, a atraer cada vez capas máis diversas da sociedade catalá, non aparecen de vez coa sentenza e a manifestación de Òmnium Cultural do 2010, senón que se foran forxando primeiro coas manifestacións de plataformas como a PDD, Soberanía e Progreso, Deumil en Bruxelas, e outras entidades, e sobre todo co movemento popular da consulta sobre a independencia que comezou en Arenys de Munt en setembro de 2009 e que coa excepción de Barcelona, e dalgún outro concello, concentrou os centos de consultas municipais en catro ondas, a do 13 de decembro de 2009, a do 28 de febreiro de 2010, a do 25 de abril de 2010 e a do 20 de xuño de 2010, antes, pois, da sentenza sobre o Estatuto. De feito, a estrutura territorial inicial do ANC bebe en boa parte das coordinadoras locais das consultas que non se disolveron.

 En todo caso, e volvendo á cenoria do Estatuto de 2006, os seus 4 anos de plena vixencia, cun Goberno supostamente amigo do tripartito catalán que gobernaba daquela a Generalitat, xa foron suficientes para nos mostrar as súas limitacións. Daquel Estatuto naceu o financiamento autonómico actual que nos mantivo por baixo da media española, e os décimos no ranking de financiamento autonómico 'per cápita' (cando somos os terceiros en achegas). Aquel Estatuto non nos fornecía de ningunha competencia nova relevante, como por exemplo sería a xestión do aeroporto de Barcelona, nin blindaba as que xa tiñamos. Aquel Estatuto non nos daba tampouco recoñecemento de nación con validez xurídica e política. Máis que cenoria, poderiamos dicir calote.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Sentit Crític, do 7 de setembro de 2017]

 

Volver