CAXIZO S.L, que traballa para o Grupo Cortizo, despide a todo persoal e pecha o Centro Especial de Emprego
O pasado ano Inspección de Traballo detectou, de oficio, que Caxizo S.L -empresa do polígono de Pazos en Padrón que contaba coa consideración de Centro Especial de Emprego por empregar a persoal con diversidade funcional- era, en realidade, un empresa con ánimo de lucro, polo que resolveu que tiña que pagar a Tesourería da Seguridade Social por diferenzas de cotización das persoas empregadas un importe total de débeda duns 355.420´81 euros e aboar ao seu persoal as diferenzas salariais que lle correspondían. Porén, no canto de pagar ao persoal segundo o convenio, o que fixo foi presentar un ERE de extinción de contratos. Unha decisión que se adopta malia traballar case en exclusiva para STAC, unha empresa do Grupo Cortizo, que presenta ganancias millonarias.
Fraude á Seguridade Social
Segundo explica Antonio Cebey, asesor da CIG-Industria de Compostela a única carga de traballo que tiña CAXIZO desde a súa apertura no 2013 e até 2016, era o 100% de STAC; en 2017 pasou a ser do 99,8%; o 98% en 2018 e do 86% en 2019.
Por iso Antonio Cebey denuncia que “Cortizo, en vez de intentar reflotar esta empresa, opta pola fraude de non pagar á Seguridade Social nin pagar a diferenza de salarios aos traballadores/as. Salarios que teñen que solicitar o FOGASA e que pagamos todos os traballadores/as, mentres Cortizo segue incrementando as súas ganancias”.
Asegura que nas reunións do ERE de despedimentos, CAXIZO en ningún momento optou por buscar unha solución para poder manter en pé a empresa. Porén, por parte da representación dos traballadores/as, propúxoselle á Xerencia manter reunións tanto coa Seguridade Social, como coa dirección de STAC- Cortizo para buscar unha saída económica e evitar así o peche de esa empresa. “Entendemos que Cortizo- CAXIZO non estaban polo labor nesas reunións, xa que a súa intención era a de non pagar a cantidade imposta por fraude a Seguridade Social”.
Cebey lembra ademais que esta empresa obtivo subvencións públicas pola súa consideración como Centro Especial de Emprego. Por iso considera que “unha vez mais, estamos diante dunha estafa por parte dos grandes empresarios, roubándolle os traballadores e traballadoras diferenzas salariais, co agravante nesta ocasión de tratarse de traballadores e traballadoras con minusvalías recoñecidas e con fraude a Seguridade Social por cotizacións. No momento que os collen roubando optan por, en vez de pagar as débedas, pechar as empresas, mentres eles saen a finais de ano dando noticias de “bos empresarios” e aireando as súas millonarias ganancias”.