Ampla resposta á cazolada para esixir o pago de salarios e prestacións, protección social plena e seguridade para quen traballa

A CIG anima a manter a mobilización para impedir que os custes da crise recaian sobre a clase traballadora
Nacional - 10 Abr 2020

Baixo as consignas #QueEscoiten e #QueNonConfinenOsTeusDereitos, a CIG promoveu este venres unha protesta en formato cazolada dende as fiestras para denunciar a errática xestión que os gobernos están a facer da actual crise sanitaria, reclamar políticas públicas que garantan protección social sen discriminacións, emprego e ingresos dignos e seguridade para quen ten que traballar.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destaca a necesidade de seguir apostando pola reivindicación social e non caer na desmobilización nin na resignación, "porque só a través da mobilización conseguiremos que os custes desta crise sanitaria, social e económica, non recaian, unha vez máis, sobre a clase traballadora e as maiorías sociais".

O exemplo da contestación sostida contra os recortes na sanidade

A este respecto, Carril pon o exemplo da contestación sostida contra ás políticas de desmantelamento e privatización da sanidade pública realizadas nestes anos, que obrigaron a Xunta do PP a recuar en moitas das súas propostas. "De non termos saído ás rúas, hoxe a sanidade pública galega estaría en condicións moito peores para afrontar esta pandemia".

Tomando esta referencia, o secretario xeral da CIG, anima a canalizar na denuncia social a impotencia que xeran nas traballadoras e nos traballadores a incerteza sobre o futuro dos seus empregos, sobre o cobro dos salarios e das prestacións, por non ter uns recursos económicos garantidos ou polo medo a ter que acudir ao posto de traballo sen contar coas medidas de protección adecuadas.

"Ante a xestión irresponsábel por parte do Goberno español e o desleixo absoluto do Goberno de Feixoo, o dereito a decidir é fundamental para podermos levar adiante políticas públicas a favor das maiorías sociais que ofrezan unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase  traballadora e que non deriven nela o impacto dunha crise da que non é responsábel", salienta.

Por iso, ante os convites a unha gran concertación social, mesmo apelando a unha reedición dos Pactos da Moncloa, Carril lembra os desastrosos resultados que para a clase traballadora ten o diálogo social practicado por CCOO e UGT coa patronal e os diferentes gobernos, recortando con cada novo acordo os  nosos dereitos, precarizando as condicións laborais e de vida, e avanzando no desmantelamento e privatización dos servizos públicos e dos sectores estratéxicos.

No actual contexto, alerta, "pretender darlle utilidade á reforma laboral e que sexa a base das medidas laborais, supón dar paso a unha sangría de desemprego e de destrución de postos de traballo". A este respecto, lembra que o actual caos poderíase ter evitado se, como reclamou a CIG, desde un primeiro momento se recoñecera o dereito das traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber inescusábel e se articulara un fondo público de compensación para as empresas.

Intervención dos sectores estratéxicos

O que precisamos é un cambio de rumbo radical, salienta o secretario xeral da CIG, quen insta a non repetir as políticas neoliberais aplicadas dende o inicio da crise de 2008 "e que son un auténtico fracaso, como demostra a xestión que se está a facer desta crise sanitaria".

Pola contra, defende a necesidade da intervención pública dos sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas como a banca ou as enerxéticas, e asegurar o financiamento público a través dunha profunda reforma fiscal que grave ás grandes fortunas e ás grandes empresas.

"Se algo evidencia esta crise é a incapacidade do privado fronte ao público. Hai que superar o neoliberalismo e iso pasa, inevitabelmente, polo que levamos anos demandando: derrogación íntegra das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva", conclúe.