A CIG, CCOO e UGT anuncian mobilizacións contra a represión sindical en Alu Ibérica

O persoal continúa coa folga este xoves e concentrarase ás 17:00 horas na fábrica
A Coruña - 18 Feb 2021

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT anuncian mobilizacións en Alu Ibérica contra a represión sindical que se está a rexistrar na fábrica de aluminio da Coruña. Así mesmo, as centrais dirixiranse ao Ministerio de Industria para que convoque decontado a mesa industrial. Así o decidiron tras a reunión que tivo lugar este mércores na Coruña entre o comité de empresa e os secretarios xerais das tres organizacións, Paulo Carril, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente.

Os dirixentes sindicais amosaron a súa máis enérxica repulsa polo despedimento do presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, doutros dous membros deste órgano, así como dun delegado sindical.

En total, catro traballadores á rúa como medida de presión por parte da empresa para tentar meter medo ao persoal e evitar calquera voz discrepante para executar o seu plan de desmantelamento da antiga Alcoa-A Coruña.

Concentración o 26 de febreiro

A primeira acción do proceso de mobilización unitario será a vindeira semana, o venres 26, cunha concentración diante da antiga Audiencia Provincial da Coruña. Alí terá lugar o xuízo pola vulneración de dereitos sindicais durante a última folga en Alu Ibérica, que tivo lugar entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano.

Diante da sede xudicial farase pública a convocatoria dunha gran mobilización para rexeitar as prácticas antisindicais  de Alu Ibérica.

Folga e concentración este xoves

Por último, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica continúan coa folga este xoves e esta tarde farán unha concentración ás 17 horas diante da fábrica de aluminio.