CCOO e CSIF paralizan a constitución do comité do persoal laboral de Educación en Lugo

CIG-Administración Autonómica demanda a constitución inmediata do órgano cando xa pasaron cinco meses das eleccións

Lugo -

A CIG-Administración Autonómica de Lugo critica a "tremenda irresponsabilidade" dos sindicatos CCOO e CSIF no comité de empresa do persoal laboral da Xefatura Territorial da Consellería de Educación, posto que malia transcorrer cinco meses das eleccións sindicais o comité seguen sen estar constituído "porque as centrais máis votadas non convocaron pleno para a súa conformación oficial, até o día de onte", luns 7 de outubro.

Sinalan que as eleccións para a representación do persoal laboral da Consellería de Educación na provincia de Lugo celebráronse o pasado 23 de maio e nestas CCOO e CSIF obtiveron 6 representantes cada organización, seguidos da CIG con 4 delegados/as e UGT con 1 representante.

Porén, case cinco meses despois, as dúas forzas máis votadas (CCOO e CSIF) "seguen a descoidar as súas obrigas" e non convocaron o pleno para a constitución oficial do comité e a elección da Presidencia e Secretaría do órgano de representación, até este mesmo luns. O asombro dos/as delegados/as da CIG foi absoluto ao comprobar "que ningunha das listas máis votadas presenta candidatura para a Presidencia e a Secretaría, o que se traduce na imposibilidade de constituír este comité de empresa".

Para a CIG-Administración Autonómica de Lugo, a situación resulta "alucinante" e denuncian a actitude desas dúas centrais que coa súa desidia manteñen paralizado "o urxente traballo que se ten que realizar na defensa do persoal desta Consellería, que precisa de respostas contundentes aos seus múltiples problema".

A este respecto, engaden que "é importante tamén, que todas e todos os compañeiros e compañeiras que confiaron nestas dúas candidaturas, saiban o que se fai co seu voto, xa que esta tremenda irresponsabilidade parece máis propia de facerlle o xogo á Administración ca de defender os tantas veces desprezados e ignorados, dereitos do persoal laboral".

Volver