CCOO e UGT asinan un convenio do Cemento da Coruña de mínimos e bloquean a posibilidade dun convenio galego
UGT, CCOO e a patronal cementeira ASFADECE acordaron o pasado luns prolongar até 2021 o texto actual do convenio de Derivados do Cemento da Coruña, cuns mínimos retoques e incrementos. O acordo aparece despois dunha serie de reunións nas que nin sequera chegou a presentarse unha proposta de texto e nas que, fundamentalmente, se debateu sobre a proposición da CIG de ampliar o marco territorial do convenio.
Neste senso, a Federación de Construción e Madeira da CIG subliña que existiu un consenso claro entre todas as partes sobre a conveniencia de acadar un convenio galego de Derivados do Cemento ou ben, transitoriamente á espera de que as patronais de Lugo e Ourense se sumen, un único texto para A Coruña e Pontevedra. Ambos convenios son practicamente idénticos "e a súa coexistencia ao único que leva é a unha diferenza de salarios entre persoas de distintas provincias que fan exactamente o mesmo", explican dende a FCM-CIG. Unha situación que, ademais, algunhas empresas poden empregar para competir deslealmente a base dunha redución das condicións do seu persoal.
"É sintomático que a pesar de que todas as partes dicían estar de acordo con esta análise da situación, finalmente UGT, CCOO e a patronal se negasen a concretar este consenso nun convenio que lle dea resposta ás necesidades do sector, asinando un texto provincial continuísta con pequenos retoques cosméticos, maiormente derivados do convenio estatal", lamenta Mario Maceiras, responsábel de negociación colectiva da FCM-CIG.
Sen garantías de manter o poder adquisitivo
Maceiras resalta que "xa levamos desde 2012 nestas condicións", co cal ao final deste convenio os traballadores e traballadoras pasarán case unha década cun convenio conxelado, "cuxos incrementos salariais estiveron baseados en factores tan arbitrarios e alleos á realidade da clase traballadora como é o prezo do barril de petróleo, o PIB español, ou nesta ocasión, a estatística das vendas do cemento".
No proceso de negociación, a CIG propoñía que os incrementos se vencellaran a un criterio realista como é a variación dos prezos de consumo (IPC), pois de non ser así nin sequera se garante ao persoal do sector o mantemento do seu poder adquisitivo no futuro. Así mesmo, a central lanzou a oferta de desbloquear a situación cun convenio breve e transitorio, asinado co compromiso de sentar xa a negociar un novo de ámbito galego, aproveitando o consenso existente nese senso.
"Por iso, ao seren rexeitadas todas as nosas propostas, a CIG non asinou un convenio que entende que non chegou a negociarse como calquera negociación require, coa entrega das respectivas plataformas, ofertas e contraofertas, e que finalmente se asinou en falso, pois cando se produciu a sinatura aínda nin sequera se puxera sobre a mesa unha proposta de texto de convenio co seu articulado", denuncia Maceiras.
Camiñar cara a un convenio galego
Desde a Federación de Construción da CIG lamentan que se desaproveitara esta "ocasión de ouro" para pór a andar un convenio galego que dea resposta ás necesidades do persoal e das empresas do sector, "e máis existindo un consenso asumido até polo empresariado, que as présas por asinar un convenio de mínimos botou por terra".
Porén, adiantan dende a Federación, "seguiremos loitando pola creación de convenios galegos en todos os sectores, pois á parte de ser un marco máis transparente e próximo á realidade da clase traballadora que o corrupto e opaco ámbito estatal, é o único espazo onde realmente se poden mellorar os convenios estatais, despois das lesivas reformas da negociación colectiva que baleiraron de contido os convenios provinciais, e que algúns se empeñan en apuntalar, non sabemos con que obxectivo malia que si o podemos sospeitar: a prevalencia dos acordos estatais outorgaron aos sindicatos españois UGT e CCOO o práctico monopolio da negociación colectiva, que están a empregar no seu propio beneficio e non no da clase traballadora".