A CIG detén as obras do AVE en denuncia da neglixencia do Goberno ante a vaga de accidentes mortais

A FCM protestou en Cerdedelo (Laza) e Verín en reivindicación da toma urxente de medidas ante a lacra dos accidentes laborais
Ourense - 19 Out 2018

Centos de delegados/as da CIG-Construción detiveron durante a mañá deste venres as obras do AVE na boca do túnel de Cerdedelo (Laza) para denunciar a total desidia das administracións ante a alarmante concentración de accidentes mortais nas obras do AVE. Segundo Paulo Carril "o que sucede nestas obras é o paradigma da sobreexplotación no sector da construción, sen que Inspección, Fomento ou Xunta fagan nada por remedialo".

A acción veu precedida a media mañá dunha concentración na praza do Concello de Verín en recordo do traballador falecido en accidente laboral a pasada semana, polo que se gardou un minuto de silencio. Un sinistro que a CIG solicitou incorporar á causa xudicial iniciada pola central contra Estado e Xunta por prevaricación e delitos contra os traballadores/as, derivada do “desleixo absoluto” nas obras do AVE, e que se atopa na fase de dilixencias previas.

A seguir, os centos de delegados/as chegados de diferentes comarcas galegas desprazáronse en autobuses até a boca do túnel do AVE en Cerdedelo (Laza) para deteren as obras durante unha hora, ao berro de "non máis mortes nas obras do AVE" ou "cantos máis teñen que morrer". A protesta parou completamente o tránsito de camións na área, e até alí desprazouse unha dotación da Guardia Civil, que identificou algúns dos asistentes.

Total desleixo do Goberno

"Estamos fartos de que se pretenda culpabilizar sempre ao traballador/a dos accidentes laborais", declarou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que indicou que o que se dá nas obras do AVE é "unha clara neglixencia e irresponsabilidade da Administración, que sendo coñedora do que está a pasar non fai nada, desentendéndose dunhas obras que se están a converter nun auténtico inferno".

Plácido Valencia, secretario nacional da CIG-Construción, sinalou que “é intolerábel” que as administracións públicas continúen a facer oídos xordos a pesar das múltiples denuncias presentadas contra as precarias condicións de traballo e alta sinistralidade laboral nas obras do ferrocarril no sur da provincia de Ourense, que desde 2013 se saldou con seis falecidos/as, o último deles a pasada semana.

Denuncian que esta grave situación é produto da falta de controis, precarización e sobreexplotación imposta por empresas e subcontratas e padecida polos traballadores/as, que “se xogan a vida en xornadas maratonianas sen as medidas de seguridade preceptivas”. Segundo Valencia, o maior número de mortes que se produce no tramo Ourense-Zamora ten a súa orixe nas concesións á baixa das subcontratas por parte das UTEs, con remuneracións de miseria a operarios abocados a traballar "de maneiras inconcebíbeis e cercanas á escravitude".

Como exemplo, citan unha sentenza entre as múltiples que condenan ás UTEs das obras do ferrocarril por obrigaren un traballador a realizar un exceso de xornada de “nada menos que de 1168 horas extra en 10 meses”. “Contratan un traballador para que realice a xornada que corresponderían a dous”, sinalan.

Por se fora pouco, denuncian que as diferentes administracións tentan eludir responsabilidades, como é o caso do Ministerio de Traballo, que deriva á Dirección Xeral de Minas a xurisdicción do control no interior dos túneles.

Esta situación vese agravada ao tratarse maioritariamente de traballadores transfronteirizos, procedentes na súa maioría de Portugal, un colectivo vulnerábel pola condición de desprazados/as e que “sofren en maior medida a arbitrariedade e desprotección”.

Por último, Paulo Carril concluíu que este é un "exemplo claro de onde nos levan as políticas laborais e de recortes promovidas polos gobernos, na medida en que se manteñan as reformas laborais, a permisividade coa subcontratatción, ou os conglomerados de utes, un modelo que xera non só sobrexplotación se non mortes de xeito permanente".

Seis operarios mortos desde 2013 no treito Ourense-Zamora

Dende a CIG lembran que nas obras de construción do AVE na provincia de Ourense producíronse nos últimos anos, como mínimo, os seguintes accidentes de traballo graves:

  • O 2 de abril do 2013 morre un enxeñeiro de 37 anos atropelado nun dos túneles do AVE no Concello de Vilar de Barrio.
  • O 17 de xuño do 2014 morre un traballador de 42 anos ao caer dunha pá excavadora nas obras do AVE no treito da Gudiña a Vilariño de Conso.
  • O 5 de agosto do 2014 un incendio no tunel do Corno (no Concello de Vilar de Barrio), producido ao pe dun depósito de detonadores de explosivos, provoca a intoxicación e evacuación de 13 traballadores/as.
  • O 7 de xullo do 2015 a CIG denuncia perante a ITSS e da Subdelegación do Goberno en Ourense a realización de xornadas maratonianas por parte dos traballadores/as das obras do AVE, como causa dos accidentes de traballo.
  • O 15 de setembro do 2015 un traballador de 31 anos morre e outro fica ferido grave ao caer dende un canastro de traballo, nas obras do AVE do treito Prado-Cerdedelo.
  • O 23 de marzo do 2016 un operario sofre a amputación dunha man nas obras do tunel do AVE no treito de Cerdedelo, séndolle reimprantada no hospital Povisa de Vigo.
  • O 6 de novembro do 2017 un operario de 35 anos morre no interior do tunel do Corno en Laza.
  • O 30 de novembro do 2017 un condutor de tractor é ferido grave nas obras do AVE en Laza.
  • O 19 de decembro do 2017 seis obreiros son evacuados dun incendio nas obras do tunel do AVE en Laza.
  • Días despois, a CIG presenta denuncia penal contra Estado e Xunta por prevaricación e delitos contra os traballadores/as por mortes nas obras do AVE
  • O 29 de xaneiro de 2018 o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín abre dilixencias previas para investigar os accidentes nas obras do AVE en Ourense
  • O 28 de xuño de 2018 morre outro operario en Pedralba, nas proximidades de Galiza, ao caerlle por riba uns ferros.
  • O 10 de outubro de 2018 falece o condutor dun camión ao envorcar cando realizaba o seu traballo no túnel do vertedoiro, nas proximidades da estación de Prado.
  • Seis construtoras do AVE son condenadas a retribuír 1000 horas de exceso de xornada dun operario ao que impuñan xornadas de doce horas seis días á semana, despois dunha denuncia da CIG.