Centos de persoas maniféstanse contra a represión sindical e en demanda de xustiza para Pintos

Na mobilización denunciouse que o compañeiro "foi vítima, non agresor" e demandouse a súa absolución
Ferrol - 29 Out 2019

Centos de persoas manifestáronse este martes polas rúas de Ferrol en rexeitamento á represión sindical e ao proceso xudicial aberto contra Xesús Anxo López Pintos pola súa participación nunha mobilización no ano 2012. Na marcha subliñouse que o xuízo ao que se enfronta o ex cosecretario comarcal da CIG de Ferrol supón un duro ataque ao sindicalismo e á defensa das liberdades e denunciouse que coas probas que existen "a Fiscalía pretenda converter a vítima en verdugo.

A manifestación (que se insire na campaña contra a represión sindical iniciada pola CIG e á que se sumaron tamén CCOO, UGT e CGT) saíu de diante do edificio administrativo da Xunta de Ferrol baixo o lema "Non á represión sindical. Xustiza para Pintos", discorreu pola rúa Real e rematou no Cantón, onde Elvira Souto foi a encargada de dar lectura ao manifesto conxunto.

A convocatoria recibiu o apoio de entidades sociais e culturais da comarca, de partidos políticos, de alcaldes e alcaldesas dos concellos da comarca e de máis 40 comités de empresa, entre os que se atopa o de Navantia, que xunto co comité da xa desaparecida Poligal, convocou a concentración no decurso da que se produciron as cargas policiais e a detención de Pintos, que derivou no actual proceso.

O propio Pintos agradecía os apoios e as mostras de afecto recibidas estes días "e que se faga unha fronte común contra unha inxustiza que todos e todas padecimos aquí hai sete anos, porque aínda que a min me tocou levar os golpes, a concentración era do pobo de Ferrol". O sindicalista puxo o acento nos feitos acontecidos naquela noite "que nun estado democrático non deberían pasar, pero que ocorreron e seguen pasando". Por iso, insistiu "a solidariedade de clase é tan importante".

Unha persecución agudizada nun contexto de perda de dereitos

Na manifestación tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen chamou a atención sobre o feito de que todo isto ocorra nunha comarca tan castigada como Ferrolterra e ademais "con motivo dun acto electoral do PP, culpábel en grande medida das políticas que levaron á que hoxe esta sexa a zona 0 da desertización industrial que sofre Galiza".

Nesta lóxica represora, engadiu Carril, púxose en marcha toda a maquinaria do estado, recorréndose ao aparato xudicial e á represión policial para criminalizar e atacar as organizacións, colectivos e persoas máis reivindicativas, nun contexto de perda de emprego e empobrecemento xeneralizado da clase obreira.

Unha persecución da resposta social agudizada de xeito paralelo á imposición das reformas laborais e dos recortes sociais e que o PP, estando á fronte do Goberno español, afondou coa aprobación de medidas tan lesivas como a chamada Lei Mordaza ou a reforma do Código Penal, que o Goberno do PSOE de Pedro Sánchez, malia as súas declaracións, non derrogou.

Solidariedade da clase obreira

En liñas semellantes se pronunciou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, quen tras unhas emotivas palabras de agradecemento a Pintos (con quen compartía responsabilidad na secretaría da Unión Comarcal da CIG naquel intre), advertiu das dificultades ás que se enfronta a clase obreira na defensa dos seus dereitos. "Hoxe estamos facendo uso da mellor ferramenta e da máis prezada que temos: a solidariedade entre todas e todos nós. E tamén estamos aquí para pedir xustiza, para pedir a absolución do compañeiro Pintos, que significa defender a democracia e a liberdade que tanto nos custou conquistar". Un obxectivo polo que, aseverou Grandal, "daremos a batalla aquí e a onde teñamos que chegar para que haxa xustiza para Pintos".

No manifesto final, Elvira Souto fixo un retrato do mapa socioeconómico no que os comités de Navantia e Poligal convocaron a mobilización daquela noite do 4 de outubro de 2012, marcado polas políticas de recortes, o incremento das desigualdades, da precariedade e da pobreza laboral, e cunha especial incidencia nunha comarca xa deprimida como a de Ferrolterra.

Souto lembrou que durante o operativo de disolución da protesta, Pintos, responsábel sindical ben coñecido, foi ferido e detido. "Tempo despois desa detención foi axuizado polas lesións alegadas por un policía que participou na actuación desa noite. O compañeiro Pintos foi vítima, non agresor e debe ser absolto na causa que se xulgará na Audiencia Provincial da Coruña", afirmou.

A este respecto, salientouse que "ningún estado democrático debería consentir que nas propias dependencias dese Estado, e as policiais gozan dese estato, se maltrate a ninguén". Neste caso, engádese no manifesto, o maltrato foi dirixido contra un representante sindical e non cómpre perder de vista que ao sindicalismo "lle custou moitos anos e sufrimentos acadar o nivel de recoñecemento legal que ten na actualidade".

Concentracións os días 12, 13 e 14 de novembro

Ademais da manifestación deste martes, para os días 12, 13 e 14 de novembro, datas nas que se celebrará o xuízo, están convocadas concentracións diante das dependencias da Audiencia Provincial (no edificio da antiga fábrica de Tabacos da Coruña), entre ás 09:30 e ás 11:00 horas. Para facilitar o traslado haberá autobuses nos que se hai que anotar chamando ao local da CIG de Ferrol.