Centos de persoas maniféstanse en Ordes en demanda da readmisión dos despedidos do transporte de RSU de Sogama

Denunciaron que “a Xunta financia o acoso laboral”
Ordes - 12 Mai 2019

Centos de persoas sumáronse á manifestación convocada polos traballadores do transporte de Sogama en demanda da readmisión dos 8 compañeiros despedidos e o cesamento do acoso laboral. Unha mobilización na que denunciaron a situación laboral que padecen desde que Transportes Pacholo S.L. gañou o concurso do transporte de Residuos Sólidos Urbanos da empresa pública e que provocou a convocatoria de folga indefinida na que levan xa 29 días.

A mobilización saíu do polígono industrial contra as 11:30 horas e rematou ás portas do concello, onde o presidente do comité, Manuel Regueiro, comezou agradecendo ás persoas asistentes a súa solidariedade.

O presidente do comité lembrou que hai algo máis de tres anos, o goberno de Feijóo deu o contrato con maior dotación económica da anterior lexislatura, con máis de 147 millóns de euros mais que se lles esqueceu “incluír que había 68 familias que vivían de transportar o lixo por estrada desde as plantas de transferencia de todo o país a Sogama e ao vertedoiro de Areosa”.

Sinalou que moitos teñen máis de 15 anos neste traballo e que xa pasaron por varios concursos. Denunciou que “da noite para a mañá vímonos na rúa porque a Sogama non lle pareceu necesario incluír nos pregos de contratación algunha referencia á nosa continuidade, deixándonos na rúa e ao pairo do que quixeran facer con nós a nosa empresa, Transportes Pellejero, e a que viña (unha UTE entre Copasa, Renfe e Logirail). E resultou ser que para ningunha das dúas nós éramos unha prioridade”.

Lembrou que foi precisamente esa situación a que provocou a unión de todos os traballadores, que foron quen de “transformar aquela frustración e aquela rabia porque nos deixaran tirados, nunha capacidade de loita que conseguiu o que parecía imposible”: manter a maioría dos postos de traballo, logo de innumerables mobilizacións e unha folga.

Regueiro explicou ademais que a UTE encabezada por Copasa desde o primeiro día subcontratou o servizo con Transportes Pacholo, unha empresa do Carballiño que só tiña 5 camións e, aínda por riba, estaba en concurso de acredores. Unha empresa que “o mes antes de collernos asinou un convenio colectivo para impoñer unhas condicións que non puidéramos negociar, que rebaixaban os nosos salarios nun 40% e ampliaban a xornada anual nunhas 200 horas. E, sobre todo, o trato que esta xente nos deu desde o primeiro día con berros, insultos e ameazas de todo tipo, fixo que tivéramos que seguir pelexando por un traballo digno”.

O papel das subcontratas

Regueiro denunciou tamén o papel das subcontratas deseñadas polo PP “para repartir diñeiro público entre as empresas amigas”, abaratar ao máximo o servizo público “cunhas condicións que a empresa pública non podería permitir e que desa maneira aumenten as marxes de negocio”. E que, por iso, “se permite que Copasa, que gañou o concurso, buscase unha empresa como Transportes Pacholo, “para nada pensando na calidade do servizo, senón pensando no maior lucro posible a custa nosa e a custa de empeorar as condicións do propio transporte” empeorando as súas condicións laborais, empeorando os materiais de traballo ou os mantementos dos contedores e dos camións.

Unha situación que non tiveron a oportunidade de explicar ao Presidente de SOGAMA, a pesar de terllo solicitado en múltiples ocasións. “Para iso serven as subcontratas. O teu xefe non manda nada, máis que para sacarche a pel, pero con quen manda non podes falar porque ti es traballador dunha subcontrata e non de Sogama”, denunciou.

Dereito a subrogación

Logo dun proceso moi longo, tanto con medidas de presións, con outra folga no 2016, como nos xulgados, os traballadores conseguiron que se lles recoñecese o dereito a ter un cuadrante e a respectar algunhas medidas de seguridade no traballo. Porén non foi até o pasado mes de agosto cando conseguiron un laudo arbitral que lles deu o dereito de subrogación e, polo tanto, a recuperar o que cobraban na empresa anterior, no ano 2015.

Durante ese tempo entraron ademais outros traballadores que foron contratados “nas catro provincias con condicións aínda peores” para os que tamén conseguiron o dereito a subrogación, mais que padecían unhas condicións laborais peores: “descontos nos pluses, deixalos na nave do Carballiño sen traballo efectivo, mentiras dicíndolles que os deixáramos tirados, e presións de todo tipo, mesmo con intentos de agresión física, para conseguir que asumisen condicións máis precarias. De novo nos vimos reclamando respecto e que non se nos tratase como a escravos”, explicou Regueiro. 

Cartas de despedimento para 8 compañeiros

Diante desta situación o conxunto do persoal volveu mobilizarse e logo de manter dúas xuntanzas coa UTE, a resposta que obtiveron foi o despedimento de 8 compañeiros, o que derivou na actual folga indefinida.

Durante estes 29 días recibiron a oferta de recolocar os despedidos noutras empresas do grupo Copasa e non no transporte do lixo.

Para Regueiro “aceptar iso sería vender a estes compañeiros e asinar a nosa sentenza de morte”, porque antes dos despedimentos eran 80 traballadores no transporte de residuos e o posto de traballo dos despedidos non se amortizou. De feito agora fano outras 5 “empresas piratas” que meteron camións para facer o noso traballo “nunhas condicións infinitamente peores”.

Para o persoal, dar iso por bo, e aceptar esas recolocacións “envelenadas”, abriría a porta a que logo o resto seguisen o mesmo camiño.

Mínimos abusivos

Manuel Regueiro denunciou os servizos mínimos abusivos ditados por Copasa e asinados “sen chistar” pola Conselleira de Medio Ambiente e o silencio de SOGAMA diante das solicitudes de reunión.

O presidente do comité concluíu asegurando que Pacholo, Copasa, Sogama e o PP “son, neste conflito a mesma cousa e teñen os mesmos intereses, que son os de precarizar o noso traballo para aumentar os beneficios e, de non ser posible, entón botarnos á rúa”. Por iso anunciou que seguirán nesta campaña electoral a Feijoo “alá por onde vai” até que se solucione definitivamente este conflito.