Centos de persoas mobilízanse en Galiza a prol da sanidade pública e da asistencia presencial

SOS Sanidade Pública exixe o fin da utilización partidista da pandemia
Nacional - 21 Abr 2021

Centos de persoas sumáronse esta tarde ás mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública en todas as áreas sanitarias de Galiza para exixir o fin da utilización partidista da pandemia e a elaboración dun Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia.

A plataforma demandou ademais que os orzamentos da Xunta e o financiamento que veña da Unión Europea se destinen a incrementar profesionais, darlles estabilidade e evitar a precariedade; mellorar as infraestruturas da atención sanitaria e a investigación de saúde, ademais de aumentar categorías profesionais, como persoal de Psicoloxía Clínica, Terapeutas Ocupacionais, Fisioterapeutas ou Logopedas, entre outro.

Con estas mobilizacións SOS Sanidade Pública denunciou ademais a “utilización política e partidista da COVID-19 por Núñez Feijóo, que acapara toda a información e decisións sobre a pandemia nos medios de comunicación, aproveitando o traballo realizado polo persoal da sanidade pública no seu beneficio político e persoal”.

Atención Primaria debilitada

A pandemia chegou, segundo SOS Sanidade Pública, a unha Atención Primaria debilitada a deteriorada polos gobernos do PP, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos. “A Atención Primaria, que tería que ser fundamental para o seguimento, control e tratamento de doentes da COVID-19, tanto nos Centros de Saúde como nos seus domicilios, encontrouse coa falta de recursos, que limitou a súa capacidade para poder asumir esas novas funcións e poder continuar atendendo adecuadamente as outras patoloxías e demandas da poboación”, afirmábase no manifesto ao que se deu lectura en todas as concentracións.

As  barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias (que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas ao non poder dedicarse as outras enfermidades non COVID-19), “afectan á saúde da poboación e está xerando un gran malestar, tanto no persoal da sanidade pública, como a nivel social”, advirte.

A responsabilidade da situación nos Centros de Saúde e Hospitais é do SERGAS e da Consellaría de Sanidade, de onde saen as ordes para aplicar logo nos Centros

 Denuncia ademais que se culpa “ao persoal dos centros sanitarios, insuficiente para atender a demanda asistencial tras anos de recortes e en moitos casos traballando en precario. Profesionais que, a pesar disto, suplen co seu esforzo e compromiso as deficiencias do sistema”.

A isto engade a dificultade da poboación para comunicar cos centros de saúde e para recibir unha asistencia presencial. “Isto favorece que se acabe recorrendo ao sector privado e incrementa as desigualdades en materia de saúde”, denuncia.

Por iso “recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos Centros de Saúde é, por tanto, esencial” para SOS Sanidade Pública. Mais “non debe supoñer volver á situación anterior, con axendas interminables, aglomeracións de doentes e citas cada 3 minutos”, advirte.

Información das vacinas

A plataforma denuncia que “seguimos sen ter información transparente da situación de saúde e dos problemas coas vacinas, o que está a crear gran preocupación social” e que a Xunta “aproveitouse desta alarma social, para modificar, por segunda vez, a Lei Galega de Saúde coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional”.

Fronte a isto defende que o apoio social á loita contra a COVID-19, “debe basearse no acordo e colaboración da poboación e non no temor a unhas sancións represivas e desproporcionadas”.

Considera ademais “intolerable” utilizar a pandemia para unha manobra de “claro marketing político. Recordemos que na anterior reforma da Lei Galega de Saúde, quitáronse catro Áreas Sanitarias e a posibilidade da Participación Cidadá”.

Por iso nas mobilizacións fixeron un chamamento á poboación e ás e aos profesionais a exixir que remate este uso partidista da pandemia, a elaboración dun plan de recuperación do sistema sanitario público e que os orzamentos, tanto da Xunta como da UE se destinen a mellorar as condicións laborais e sociais do persoal e a que se dote a nosa sanidade dos medios materiais e humanos necesarios.