Centos de persoas mobilízanse convocadas pola CIG para reclamar unha saída galega xusta da crise

Carril chama a intensificar a loita para forzar políticas que permitan iniciar unha auténtica recuperación económica e social
Nacional - 07 Feb 2021

A CIG desenvolveu hoxe unha xornada de mobilizacións en 18 localidades do país na que centos de persoas botáronse á rúa para reclamar unha saída galega xusta da crise. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que participou na protesta de Vigo, fixo un chamamento a intensificar a loita obreira e a mobilización popular para forzar a posta en marcha de políticas que permitan iniciar unha auténtica recuperación económica e social para lograr emprego, salarios, pensións dignas en Galiza.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou durante a súa intervención ao remate das dúas marchas a pé que tiveron lugar en Vigo que aínda que a covid ataca a todas as persoas, o seu impacto si discrimina entre ricos e pobres e non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións.

Sinalou que a pandemia e a súa xestión evidencian as eivas, fracasos e inxustizas do capitalismo e da Unión Europea, así como a incapacidade do modelo neoliberal para atopar solucións nun contexto no que predominan os intereses económicos privados, mesmo mercantilizando a vida humana, e no que cada vez máis sectores das clases populares se atopan na máis absoluta desprotección social e sanitaria.

“Nos últimos días estámolo a ver co escándalo das vacinas, un negocio millonario no que as farmacéuticas toman as decisións despois de que os gobernos lles encheran os petos con cartos públicos; uns gobernos incompetentes, submisos ao capital e cheos de sectarismo por negárense a mercar vacinas cubanas, rusas e chinesas”.

Carril lembrou que un ano despois do inicio da pandemia “comprobamos como se pretende saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora e ao pobo galego”, cando aínda seguimos padecendo as consecuencias das reformas impostas pola crise de 2008: desigualdade económica, precariedade laboral e empobrecemento social. “En Galiza afrontámola con máis dureza porque estabamos xa de cheo nunha crise social, industrial e demográfica”.

ERTE, ERE, teletraballo, modificación das condicións de traballo, dixitalización e descarbonización da economía son realidades que, segundo o secretario xeral da CIG, estenden o desemprego, a pobreza laboral e a desigualdade.

Medidas neoliberais

Neste contexto, considera que nin os orzamentos do Estado nin os da Xunta para este ano conteñen as actuacións necesarias para dar unha resposta xusta á crise económica, social e industrial que atravesamos. “As medidas que se toman e anuncian son propias da doutrina neoliberal, por moito que as disfrace o actual Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos”.

Mentres, -alertou- comarcas enteiras do país van camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización. “Por iso dicimos que aquí non hai transición, hai demolición”. Está en xogo o noso futuro, pero o presidente da Xunta, nos seus delirios de grandeza, segue a contribuír á destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos e a aplicar unha política suicida de desenvolvemento económico para a sociedade galega.

Neste senso, denunciou a deriva antidemocrática do Goberno galego, “que está a converter o Parlamento nun Parlamentiño de papel, facendo uso, abuso e golpismo na aprobación de leis para impoñer unha saída da crise que representa a peor versión da submisión aos fondos de investimento e ao gran capital español e mundial: Lei da Sanidade, Lei de Depredación II, Lei de Terras Agrarias, Plano Forestal; así como toda unha serie de proxectos europeos que consolidan un modelo de país dependente e colonial”.

Plan de recuperación económica

Fronte a isto, esixiu un plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza que pase pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e pola aprobación dunha lexislación laboral que restitúa os dereitos roubados e free as novas formas de explotación; pola prohibición dos ERE, ERTE e modificación das condicións de traballo sen previa autorización administrativa e sen acordo co persoal; pola eliminación das ETT, da figura dos falsos/as autónomos/as, das empresas multiservizos e da subcontratación en cadea.

Este plan tamén ten que supoñer o desenvolvemento do Marco Galego de Relacións Laborais; a intervención pública na economía a a creación dunha Banca Pública Galega; unha verdadeira transición enerxética xusta; a supresión do IPREM e a fixación do SMI no 60% do salario medio; que a pensión mínima sexa igual ao SMI; e un reforzo dos servizos públicos.

Tamén apostou por un plan de desenvolvemento industrial e doutro de conciliación con dereitos e de protección para quen ten que facerse cargo dos coidados, así como pola posta en marcha dun sistema público galego de atención ás persoas, incorporando os Servizos de Axuda no Fogar á rede pública e dignificando as condicións do seu persoal.

“Facemos estas propostas coa lexitimidade que nos dá a nosa loita diaria nos centros de traballo e nas rúas contra esta dura realidade, nun contexto de continuos chamamentos á unidade, aos consensos e ao diálogo social co que pretenden impoñer políticas e reformas contrarias aos intereses da clase traballadora”. Deste xeito -denunciou- preténdese anular a resposta social e permitir que o capital siga a acumular riqueza a costa do empobrecemento da maioría social.

Intensificar a loita

Fronte a isto, fixo un chamamento a intensificar a loita obreira nos centros de traballo e nas rúas, a seguir acumulando forzas na CIG, “porque non será nas mesas de diálogo onde se conseguirá derrogar as reformas e se logrará saír da crise dunha forma xusta, con dereitos e con emprego, salarios e pensións dignas”.

Así mesmo, cargou contra o sindicalismo de concertación e ironizou sobre a convocatoria de mobilizacións por parte de CCOO e UGT. “Será que estamos en vésperas do Entroido e queren que nos creamos esta entroidada; que se deixen de pantomimas, porque se realmente queren que se derroguen todas estas reformas que se senten coa CIG a artellar un calendario de mobilizacións”.

Finalmente, quixo deixar moi claro que a CIG non vai quedar sentada a ver as consecuencias que todas estas políticas están a provocar, nin vai seguir alimentando a resignación, “porque sabemos que a loita e a mobilización é o único xeito de conquistar dereitos e forzar políticas alternativas para termos emprego, salarios e pensións dignas e para garantir unha saída galega e xusta desta crise”.