Centos de persoas mobilízanse en Vigo contra a pobreza enerxética

Para reclamar políticas que garantan o subministro ás persoas con menos recursos

Vigo -

Varios centos de persoas botáronse onte á rúa en Vigo para rexeitar a pobreza enerxética e reclamar políticas que garantan o subministro ás persoas con menos recursos. A manifestación, convocada por Stop Desafiuzamentos co apoio de distintas organizacións sindicais, políticas e sociais -entre elas a CIG-, percorreu o centro da cidade dende Vía Norte até o Marco, onde se deu lectura a un manifesto.

Entre as principais reclamacións dos colectivos promotores da marcha salientan a prohibición legal dos cortes de subministros básicos a familias con problemas económicos; a fin dos abusos tarifarios; a creación dunha auténtica tarifa social; o recoñecemento e devolución por parte das grandes eléctricas dos 3500 millóns de euros cobrados indebidamente; a realización dunha auditoría do sistema eléctrico; e a aplicación do tipo de IVE superreducido aos subministros básicos.

Ademais, coincidindo coa protesta solicitaron a solidariedade da veciñanza e dos comerciantes cos centos de persoas e familias que están sufrir a pobreza enerxética, instándoos a apagar as luces dos establecementos e dos fogares entre as 20.15 e as 20.30 horas.

Ao remate da manifestación, xa diante do Marco, o escritor e xornalista Gustavo Luca de Tena deu lectura a un comunicado.

 

Volver