Centos de persoas participan na folga e manifestación pola dignificación dos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3
A marcha, que coincidiu cun paro parcial de 6 horas, partiu do Monte do Gozo cara San Caetano na que constituíu a última etapa do “Camiño de Santiago reivindicativo”
Centos de persoas participaron este mércores na xornada de folga parcial de seis horas e na manifestación convocada nos sectores da atención ás persoas con discapacidade, da educación infantil privada de 0 a 3 anos, de menores e da educación infantil pública de 0 a 3 anos para reclamar melloras laborais e salariais, reforzar a calidade dos servizos e avanzar cara á negociación colectiva no ámbito galego. A folga foi secundada de forma maioritaria, malia ter decretados uns servizos mínimos do 80%, o que impediu a moito persoal participar na mobilización.
A mobilización arrincou do Monte do Gozo e percorreu as rúas de Santiago de Compostela até concluír diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Ao remate da marcha deuse lectura a varios manifestos nos que as traballadoras e traballadores denunciaron as condicións laborais que padecen e reclamaron a implicación da administración galega para resolver os problemas estruturais que afectan a estes sectores.
Durante a lectura dos textos reivindicativos insistiron en que a mellora da atención ás persoas usuarias pasa necesariamente por garantir condicións laborais dignas para quen presta estes servizos. Ademais, criticaron que se trate de actividades fundamentais para a sociedade que continúan soportando baixos salarios, elevadas cargas de traballo e escaso recoñecemento profesional, malia seren sectores fortemente feminizados e esenciais para o benestar colectivo.
Atención á discapacidade: salarios dignos e convenio galego
As traballadoras e traballadores da atención ás persoas con discapacidade denunciaron a precariedade laboral e salarial que sofren e reclamaron condicións acordes coa responsabilidade e a importancia social do seu traballo.
Neste sentido, advertiron de que unha parte importante do persoal percibe retribucións que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional e denunciaron a perda de dereitos laborais consolidada nos sucesivos convenios estatais. Fronte a esta situación, reclamaron a constitución dunha mesa tripartita integrada por administración, sindicatos e patronais para avanzar na creación dun complemento salarial autonómico e impulsar a negociación dun convenio galego propio.
Tamén demandaron a redución da xornada laboral, o recoñecemento de complementos vinculados á penosidade, perigosidade e toxicidade do traballo, unha mellor consideración da nocturnidade e da quenda rotatoria, así como o incremento dos recursos humanos e materiais e a redución das ratios de atención. Segundo defenderon, a mellora das condicións laborais é imprescindible para garantir unha atención de calidade ás persoas con discapacidade.
Lembraron que a principal finalidade da súa actividade é potenciar as capacidade e progreso psicomotriz, afectivo, intelectual e social das crianzas nesta etapa. Por iso subliñaron que “non somos garderías: somos escolas” e salientaron que o seu labor na educación non se limita a “térmolos limpos, mantidos, entretidos ou vixiados”.
Ademais, denunciaron que moitas das tarefas pedagóxicas e de preparación das actividades se realizan fóra da xornada laboral, afectando tanto ás condicións de traballo como á conciliación da vida persoal e familiar. “Nós non gardamos, nós educamos”, proclamaron para reivindicar a importancia da súa función educativa.
Educación infantil privada 0-3: “Nós non gardamos, nós educamos”
No manifesto do sector da educación infantil privada de 0 a 3 anos, as traballadoras reivindicaron o carácter plenamente educativo desta etapa e denunciaron a situación de precariedade que afecta a un colectivo maioritariamente feminino.
As profesionais criticaron que a gratuidade impulsada pola Xunta non se acompañase dunha equiparación salarial que remate coas diferenzas existentes entre as distintas táboas retributivas do sector. Neste sentido, reclamaron a integración das escolas infantís na Consellaría de Educación, a unificación das táboas salariais, a creación dun complemento autonómico que dignifique os salarios e a apertura dunha negociación que permita acadar o primeiro convenio galego do sector.
Educación infantil pública 0-3: máis recursos para mellorar a calidade educativa
Pola súa banda, as traballadoras da educación infantil pública de 0 a 3 anos centraron as súas reivindicacións na mellora da calidade educativa e das condicións nas que desenvolven o seu traballo. Entre as demandas trasladadas á Xunta figuran a recuperación da formación específica para o sector, a habilitación de máis tempo dentro da xornada laboral para tarefas de programación e coordinación pedagóxica, a redución das ratios e a adaptación dos espazos ás necesidades reais das crianzas.
Tamén reclamaron a implantación da parella educativa en todos os centros, un calendario escolar máis respectuoso coas necesidades da infancia e das familias, a integración do primeiro ciclo de Educación Infantil na Consellaría de Educación, medidas para promover o uso do galego desde as primeiras etapas educativas e unha maior protección da saúde laboral das traballadoras embarazadas.
O sector de menores reclama un convenio galego
O persoal dos centros de protección e reforma xuvenil denunciou tamén a precariedade que padece o sector e a falta de resposta da Consellaría de Política Social ás súas demandas. No manifesto lido ao remate da mobilización advertiron de que os centros sofren saturación, escaseza de recursos e unha crecente fuga de profesionais debido ás condicións laborais e salariais.
Entre as súas reivindicacións figuran a aplicación inmediata do acordo retributivo autonómico, a mellora dos salarios, a redución das ratios de atención, o incremento dos recursos humanos e materiais e a negociación dun convenio galego propio que dignifique as condicións de traballo e garanta unha atención de maior calidade á infancia e á mocidade tutelada
Ao remate da mobilización, as persoas participantes denunciaron que a Xunta continúa sen ofrecer respostas ás demandas dos distintos sectores e advertiron de que seguirán impulsando iniciativas e mobilizacións para conquistar unhas condicións laborais e salariais dignas. Neste sentido, reiteraron a súa defensa da negociación colectiva en Galiza e reivindicaron que sexan as traballadoras e traballadores galegos quen decidan sobre os seus dereitos e condicións laborais.