Centos de persoas participan nas concentracións contra a vaga represiva do Estado español en Catalunya

Convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya
Nacional - 26 Mar 2018

Baixo o lema "Democracia e liberdade" centos de persoas participaron esta tarde nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya en repulsa á vaga represiva que o Estado español está a exercer contra o pobo catalán, as súas institucións e as/os súas/seus lexítimos representantes.

Nas concentracións rexeitouse a teima do Estado español no recurso á represión en forma de embargos, procesos, cárcere e exilio como única contestación á manifestación da vontade política do pobo catalán, expresada nas urnas, a favor dun referendo de autodeterminación e, en todo caso, a favor da superación do marco autonómico.  

Ao tempo, denunciouse a persecución a  dirixentes de Catalunya polo único feito de expresaren libremente as súas ideas socialmente e na sede das institucións políticas constituídas democraticamente, conforme á legalidade e á lexitimidade que lles deu o pobo catalán, sen que en ningún momento cometesen por iso delitos de sedición e rebeldía.

Neste marco, dende a CIG reiterouse a solidariedade co pobo catalán, esixiuse a liberación das presas e presos políticos e reafírmase a inquebrantábel defensa dos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, así como do dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro.

Manifesto da Plataforma Galiza con Catalunya

DEMOCRACIA E LIBERDADE

O Estado español é un estado imposto e como tal actúa sempre desde a prepotencia e o medo. Despois de menosprezar durante anos as demandas de diálogo do soberanismo catalán, o exitoso referendo de independencia do 1 de Outubro e a mostra de fortaleza e dignidade nesa xornada histórica evidenciaron unha ruptura democrática que ninguén podía negar.

Os poderes fácticos que se vestiran dedemócratas durante a chamada Transición pensaron entón que a solución pasaba xa por aplicar o artigo 155 da Constitución e convocar unhas eleccións que o españolismo debía gañar con folgura. Non foi así. A maioría pola independencia non só nondesapareceu. Ao contrario, reforzouse e cargouse aínda máis de sentido.

Na súa lóxica autoritaria, o Estado avanza agora máis un paso na súa estratexia. Abonado á violencia policial e ultrapasando calquera división entre poderes, instrumentaliza os tribunais e pon ao seu servizo a unanimidade mediática para unha estratexia combinada: mentres cunha man trata de humillar Catalunya a través da persecución económica, política e xudicial, coa outra usa a súa influencia para presentar unha maioría independentista dividida e incapaz e unha sociedade catalá violenta e desorganizada, convertendo o xornalismo en propaganda de guerra.

Porén, non se trata dun problema apenas da dereita española porque o diálogo e o recoñecemento do conflito nunca existiron. As voces que lanzaran a tendenciosa campaña do Parlem só se ouviron cando a declaración de independencia parecía inminente, e desapareceron de maneira inmediata así que o artigo 155 inviabilizou a súa posta en práctica e desatou a vía represiva.

O alargamento do número de presos e presas políticas, a obrigada saída para o exilio doutras líderes e a recente detención do presidente Puigdemont na Alemaña son polo momento os últimos episodios deste drama grotesco no que un Estado que se di democrático criminaliza e trata de disciplinar ideas políticas pola forza, usurpando e destruíndo as institucións catalás.

Desde a Plataforma Galiza con Catalunya solidarizámonos co pobo catalán, pero non o facemos en abstracto. Canto mais se deixa sentir a involución democrática en todos os aspectos, máis somos conscientes de que o futuro dos pobos sen soberanía no Estado español se xoga neste momento en Catalunya, e mais claras son as conclusións que tiramos para o noso propio camiño na Galiza.

E é por iso que exiximos democracia e liberdade: o fin da represión e da xudicialización do conflito político, a posta en liberdade de todas as presas políticas e ao respecto ao marco republicano de que a sociedade catalá se ten dotado a partir do Referendo de 1 de Outubro.