A Coruña convértese nun clamor a prol da devolución gratuíta dos peiraos á cidade

Pediron que se garanta a titularidade pública para impedir a especulación inmobiliaria con estes terreos

A Coruña -

As rúas da Coruña foron este domingo un clamor unánime en defensa do porto. Baixo o lema "A Coruña non se vende" centos de persoas responderon á convocatoria de manifestación cidadá feita por máis de 60 organizacións sociais, políticas e sindicais (entre elas a CIG) para esixir do Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria pola construción do Porto Exterior e que se garanta a titularidade pública de todos os peiraos da fachada portuaria, evitando calquera intento de privatización ou de venda de solo público para favorecer os intereses inmobiliarios.

A mobilización partiu da Praza da Palloza e percorreu toda a avenida paralela ao porto interior até rematar na Praza de María Pita, onde se procedeu á lectura dun manifesto a varias voces, con destacada presenza de xente traballadora do mar e das instalacións portuarias.

Xabier Filgueira, secretario comarcal da CIG da Coruña, lembrou que a central nacionalista sempre defendeu que o Porto Exterior fora financiado integramente polo Estado, como así aconteceu noutros portos. "Demandamos pois, a devolución gratuíta dos peiraos ao pobo da Coruña e a paralización de todas as manobras políticas que non conduzan a esa devolución gratuíta e signifiquen que no futuro sexa o pobo o que teña que pagar", aseverou.

Denunciou que A Coruña acumula un extenso historial de actuacións políticas, promovidas tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza e o propio Concello, que implicaron un saqueo continuado dos terreos públicos. Neste historial, o vazquismo preséntase como o paradigma da especulación e a privatización de espazos públicos “entregados a grandes inmobiliarias e as grandes superficies comerciais”.

Por iso reiterou que é imprescindíbel que os terreos do peirao sexan devoltos á cidade para evitar que, unha vez desafectados da súa función de utilidade pública, pasen a mans privadas "favorecendo exclusivamente os intereses do  sector inmobiliario. Non podemos consentir que o espolio ao que se veu sometida a nosa cidade continúe, nin que o plan deseñado no vazquismo se consolide".

A CIG foi a primeira organización en pedir unha consulta popular

Neste senso, Filgueira recordou que a CIG foi a primeira organización en propoñer que se lle dera voz ao pobo da Coruña e que se puidera decidir por medio dunha consulta popular o futuro dos peiraos. "E nesa mesma liña seguimos reivindicando o cumprimento do aprobado no Pleno Municipal do 6 de marzo de 2017".

 De igual maneira, o secretario comarcal da CIG defende que o porto  interior como motor económico e de emprego na comarca, "mantendo aquelas actividades non susceptíbeis de ser trasladadas ao Porto Exterior, vinculadas ao sector pesqueiro e á economía do mar, tendo como criterio xeral a desafectación unicamente do que non sexa necesario para a actividade portuaria".

Engade que hai que apostar pola súa promoción e mesmo a creación de novas actividades e, de igual xeito, darlle un xiro á xestión do Porto Exterior e licitar xa o acceso ferroviario a Punta Langosteira "para que realmente se converta nun revulsivo económico e xerador de emprego digno".

Volver