• Nova

Centos de persoas reclaman un cambio radical nas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais

As concentracións, convocadas pola plataforma "Monte Galego con Futuro", desenvolvéronse baixo a consigna Lumes Nunca Máis
Nacional - 22 Xul 2022

Centos de persoas concentráronse na tarde de onte nas sete cidades galegas en apoio á veciñanza afectada pola vaga de lumes e para reclamar políticas e recursos que supoñan unha protección efectiva dos nosos espazos naturais protexidos. Nas protestas, convocadas pola Plataforma Monte Galego con Futuro da que a CIG fai parte, deuse lectura a un manifesto que recolle as principais demandas ante esta nova catástrofe e que pasamos a reproducir.

Manifesto LUMES NUNCA MÁIS. POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

Estamos hoxe aquí para denunciar unha vez máis outra traxedia ambiental, social e cultural, un novo pesadelo nesta longa noite de perda da nosa natureza. O andazo dos incendios está asolagando as provincias de Lugo e Ourense, nomeadamente os seus espazos naturais protexidos. A estas horas xa superamos as 30.000 hectáreas calcinadas no noso País, por riba de calquera previsión, sendo os incendios do Courel e Valdeorras os meirandes ha historia de Galiza.

Estamos a vivir unha auténtica catástrofe ecolóxica. O lume arrasa gran parte das nosas serras orientais galegas, fogar dalgunhas das xoias naturais máis emblemáticas e xenuínas do País: o Courel, o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o Macizo Central

Tamén asistimos impotentes ante o avance das chamas en boa parte da comarca de Valdeorras, e nas localidades de Pobra de Brollón, Oímbra e Palas. Grande parte destes espazos quedarán tinxidos de negro, en forma dun “Prestige de interior” que vai deixar tras de si, unha paisaxe desoladora e unha terra devastada.

“Como pode arder unha aldea?” escribían nun xornal. Van máis de 85 casas calcinadas, e milleiros de persoas evacuadas que se viron na obriga de deixar os seus fogares, e os seus animais, impotentes, vendo que non había medios suficientes para facerlle fronte ao lume. Están abandonadas. Dende os nosos colectivos e coas persoas aquí presentes queremos amosar a nosa total solidariedade coa veciñanza evacuada, coas que perderon casas e facendas e con aquela outra que pese aos avisos, e arriscando a súa vida, mantense nas aldeas, para tratar de facerlle fronte aos lumes agardando a que chova, e se as aldeas se salvan será pola súa resistencia e loita, cos soutos como os únicos aliados. 

En só tres días arderon máis hectáreas das que a Xunta tiña estimado para todo este ano 2022 no PLADIGA (Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza). Neste plano, a consellería de medio rural estimaba a superficie máxima ardida nunhas 16.200 ha, fronte as 30.000 ha que levan ardido desde o xoves e con lumes aínda activos.

As previsións da Xunta quedáronse moi curtas, como curtos parecen ser os 7.000 efectivos previstos para combater os lumes, que ao final quedaron en 400 (o mesmo número que no mes de maio) e que ante a actual situación resultan irrisorios. Hai que asumir que os grandes incendios forestais e os de sexta xeración van aumentar a súa incidencia no territorio galego. As previsións deben telos en conta, pois son incendios tan voraces que poden chegar a consumir 4.000 ha nunha hora.

Solidarizámonos tamén co colectivo de profesionais de prevención e extinción, que outra volta traballan en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios. Denunciamos que a Xunta volveu ao sistema de contratar brigadas de reforzo de verán por parte dos Concellos que non estarán activas até entrado agosto eliminando a contratación polas listas de agarda da Administración autonómica para aforrar medios e persoal propio.

Arden casas nun rural baleirado. Arden primeiro as repoboacións de pirófitas, que alteran os ecosistemas naturais e abocan ao lume ás carballeiras, soutos, uceiras e breixeiras mestas, que antes se xestionaban e non ardían porque había gando no monte. Debemos volver darlle usos a eses montes e formar soutos que axuden a despexar o sotobosque para aproveitar os froitos e cogomelos do outono.

O noso monte xa non ten a capacidade de limitar o alcance dos lumes, nin tampouco a capacidade de se rexenerar tras arder década tras década. A vida salvaxe que hoxe se perde, tardará moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada, xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen aves ameazadas, como os bufos reais, as tartarañas cincentas e as gatafornelas.

O oso pardo recúa tras ver a súa contorna queimada. Centos de milleiros de bolboretas, saltóns e pequenos mamíferos ficarán abrasados polo avance das lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos.  E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta á fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos.

E ante esta situación onde está a conselleira de medio ambiente Ángeles Vázquez Mejuto? Non debería ter comparecido xa para concretar e cuantificar a superficie protexida arrasada polas chamas? Que medidas están tomando para paliar os efectos sobre estes espazos? e cales son as medidas que se tomarán para evitar os efectos erosivos do lume? O Goberno galego e o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, seguen ocultando a triste realidade de que o que se perde son as grandes xoias naturais de Galiza.

E o lume non só arrasa con bens materiais, senón tamén coa memoria, historia e cultura de moitos dos pobos, como a casa museo de Xoán de Vilar, enciclopedia viva de cultura popular que afunde súas raíces no inconsciente colectivo da Galiza, e que quedou calcinada polas lapas.

Unha vez máis, temos que ser nós as cidadás galegas as que saiamos á rúa para esixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais.

É por isto que por enésima vez esiximos:
  • O reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción con especial atención aos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galiza, agora e durante todo o ano.
  • A creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e multiemerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
  • A declaración de “zona catastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes.
  • Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración.
  • A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
  • O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo, e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
  • Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes coorporacións multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
  • E agardamos que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.

POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

BASTA XA DE TANTA MANIPULACIÓN E DE PROPAGANDA BALEIRA SOBRE O NOSO RURAL.

NON QUEREMOS QUE O MONTE SEXA PASTO DO LUME E DA ESPECULACIÓN.

VECIÑANZA DO COUREL, DA POBRA DE BROLLÓN, DE VALDEORRAS, DA ULLOA, DO MACIZO CENTRAL, DA ENCIÑA DA LASTRA, DE OÍMBRA, DE VILARIÑO DE CONSO, DOS ANCARES: NON ESTADES SOAS! 

LUMES NUNCA MÁIS

Plataforma “Por un monte galego con futuro”

Colectivos que a integran: A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.