
Centos de persoas reclaman un plan industrial para As Pontes que garanta un futuro con emprego

Centos de persoas manifestáronse esta domingo polas rúas das Pontes para reclamar unha transición verdadeiramente xusta e a posta en marcha inmediata dun plan industrial que garanta un futuro con emprego na localidade. Na mobilización tamén se denunciou a pasividade dos gobernos para atallar o proceso de reconversión que sofre As Pontes mentres se consinte a Endesa "actuar impunemente sen asumir ningún tipo de responsabilidade social e territorial e seguir facendo caixa a conta de espoliar os nosos recursos".

"Cantos despedimentos máis e canto emprego máis se ten que destruír para que os gobernos actúen?". Esa foi a pregunta que lanzou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao inicio da manifestación na Praza do Carme coa que a central nacionalista dá continuidade ao calendario de mobilizacións ante a falta de alternativas á perda do tecido económico e os postos de traballo, e que incluíu á convocatoria dunha folga xeral en novembro de 2023 na que o pobo das Pontes saíu masivamente á rúa.
Cualificou As Pontes como "a zona cero" da desmantelamento industrial que padece o noso país fronte ao que reclamou dos Gobernos que poñan en marcha un plan que garanta a reindustrialización e a creación de emprego -de igual xeito que se fixo co plan de desenvolvemento de 1997-, que se cree chan industrial, que se materialicen xa os proxectos tan publicitados, que os fondos públicos destinados á transición xusta "sexan unha realidade" e que se reasignen os 1469 MW que estaban ocupados pola central de Endesa.
Criticou a desaparición "inexplicábel e inaceptábel" da capacidade de evacuación á rede, cando o propio MITECO identificou esta capacidade como unha "fortaleza e oportunidade" para a instalación de novos proxectos industriais nas localidades afectadas polos procesos de descarbonización da economía. Por iso, Carril reivindicou a convocatoria inmediata do concurso de transición xusta no nó das Pontes, mantendo os 1469 MW, e incorporando todas as obrigas correspondentes á poxa pública.

O concurso constitúe o valor engadido neste territorio para o achegamento de proxectos industriais, particularmente no curto prazo os de ámbito enerxético, pero ademais é un garante real de desenvolvemento industrial que non deixaría o futuro das Pontes nas mans exclusivamente de promotores privados de proxectos.
Moita propaganda sen concreción real
Sobre os múltiples proxectos anunciados publicamente para As Pontes ao longo destes anos, o último informe da Consellaría de Economía e Industria constata que, aínda que xa deberían estar en execución e implantación, apenas teñen avanzado e todos seguen estando en fase de tramitación. A chea de empregos que se anunciaba coas plantas de hidróxeno, a fábrica de pneumáticos, a de biofibra, o centro de hidróxeno e amoníaco, as centrais hidroeléctricas reversíbeis ou incluso unha planta de acuicultura, "segue a ser unha promesa sen concreción real", denunciou o secretario xeral da CIG.

Nesta liña, criticou que ao tempo que a estratexia de transición xusta ten evidenciado o seu fracaso en termos de alternativas á destrución de emprego e ás perdas socioeconómicas derivadas dos peches das centrais térmicas, "Endesa, co apoio dos distintos Gobernos, xa encetou o desmantelamento da central, deixando atrás un regueiro de despedimentos e traslados forzosos, e actúa impunemente sen asumir ningún tipo de responsabilidade social e territorial, mentres segue facendo caixa a conta de espoliar os nosos recursos".
Por iso, Carril chamou a manter e intensificar a mobilización social "como único camiño para obrigar o Goberno estatal, á Xunta de Galiza e ao Concello a rachar co seu silencio cómplice e adoptar actuacións concretas que doten As Pontes dun futuro digno".
O pobo das Pontes está farto de promesas
Na intervención ao remate da manifestación, o responsábel da CIG das Pontes, Hixinio Adega, aseverou que o pobo das Pontes "xa está farto de promesas: non hai chan industrial e, aínda hoxe, despois de 17 anos, non sabemos nada do prometido Parque Tecnolóxico da Vilavella, e tampouco dos 1.500 empregos comprometidos". Situación similar acontece cos proxectos industriais anunciados (o de Sentury comezaría obras supostamente en 2023) ou incluso coa construción da residencia de maiores, que xa cambiou até cinco veces de localización.

Entrementres, Endesa pecha a térmica, pero a diferenza do que pasou cando o peche da mina, "non fai ningún investimento" e logo de múltiples anuncios que foron quedando polo camiño, "agora quere contentarnos cun parque eólico na Escombreira. Todo estalle a saír moi barato a Endesa, claro está que para isto ten cómplices".
O resultado desta "compracencia" na que están instaladas todas as administracións (estatal, autonómica e local) non é outro que perda de poboación -sobre todo moza-, o avellentamento, a caída da afiliación á Seguridade Social, etc. Por iso, Adega insistiu que a única forma de reverter esta desfeita pasa pola mobilización.
"A CIG está hoxe na rúa, porque é a nosa responsabilidade, pero seguiremos traballando para facer valer a nosa voz, que As Pontes teña o trato que merece. E non imos calar até que se concrete un Plan de choque industrial con carácter inmediato, e tamén porque as administracións, a local incluída, deixe de vivir de propaganda; despois de tantos anos vai sendo hora de ver algunha realidade".
Unha "transición" á medida de Endesa

Pola súa parte, Zeltia Gato, da Executiva local da CIG das Pontes e traballadora Endesa, puxo o acento "nos catro anos perdidos" entre o anuncio de peche da central en 2019 e a autorización efectiva deste en 2023. Tempo no que "ningunha administración fixo nada, absolutamente nada, só deixar pasar oportunidades e favorecer unha saída beneficiosa a Endesa, contraria aos intereses das Pontes. O único que vimos foron anuncios e declaracións na prensa vendéndonos unha transición xusta, algo que non aconteceu".
A realidade nestes anos, insistiu, foi o traslado de compañeiros e compañeiras da empresa principal e a perda de empregos na industria auxiliar. "A gran maioría dos traballadores e traballadoras foron obrigadas a buscarse a vida noutras instalacións doutras localidades, porque das promesas de recolocacións nos proxectos industriais que se anunciaron non houbo absolutamente nada".

Gato lembrou que Endesa comunicou que se vai desfacer do negocio do gas antes de 2040 e que isto afecta tamén aos ciclos combinados, "como o que temos nas Pontes. Pode parecer que 2040 queda lonxe, pero os precedentes do que pasou coa central térmica non son nada bos. O sorprendente é que este anuncio de Endesa non sexa de preocupación para os responsábeis políticos; semella que prefiren vivir ao día e seguir con promesas", rexeitou.
Contra os intentos de desmobilizar o pobo e desprestixiar a quen, como a CIG, convoca mobilizacións, resaltou a importancia da resposta social e de continuar na loita fronte á irresponsabilidade dos gobernos. Porque "nas Pontes sempre se procurou avanzar, conseguir novos equipamentos, mellores infraestruturas e planificar o futuro con tempo".