Centos de persoas reclaman unha solución que garanta o futuro industrial para A Mariña
Centos de persoas concentráronse este domingo na Praza dos Campos de San Cibrao (Cervo) en demanda de futuro industrial para A Mariña e solucións que garantan a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo na fábrica de aluminio. A mobilizacións súmase as ducias de accións de protesta que os traballadores e as traballadoras e o conxunto da cidadanía veñen realizando dende que en maio do ano pasado Alcoa anunciase a súa intención de executar un despedimento colectivo e pechar a planta.
Dende entón e de maneira incansábel, o persoal vén desenvolvendo unha loita exemplar á que nin Alcoa nin os gobernos español e galego teñen dado unha resposta á súa altura. Por iso, na protesta deste domingo esixiuse que se cumpra cos compromisos adquiridos e que c o mandato aprobado polo Congreso dos e das Deputadas e polo Parlamento de Galiza.
A este respecto, Xosé Paleo, delegado da CIG no comité, reiterou que "de ningunha maneira imos consentir que, habendo cinco empresas interesadas na fábrica, nos pechen a porta e nos pechen unha solución nas narices". Criticou con dureza a falta de vontade do goberno español para dar unha saída viábel e no curto prazo pois, na última reunión da mesa de seguimento, aseguro que non contempla ningún escenario no que a SEPI compre a planta de aluminio.
"Non imos consentir que Alcoa busque subterfuxios"
De igual xeito, Paleo aseverou que nin os/as traballadores/as nin a comarca "lle imos a Alcoa que utilice como escusa as palabras do goberno para non continuar adiante coa operación de venda, se é necesario. Non imos consentir que peche a fábrica de San Cibrao, con ou sen goberno, con ou sen Alcoa, a fábrica vai seguir e vai continuar funcionando".
A CIG esixe que se cumpra xa coa solución que garanta a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo e que ten que pasar pola intervención pública das instalacións para, unha vez na SEPI, buscar con toda a tranquilidade un novo grupo propietario. Porque, con independencia de que sexa unha condición imprescindíbel para Alcoa, a intervención da SEPI é necesaria para evitar o acontecido coas fábricas da Coruña e Avilés.