Centos de persoas xubiladas convocadas pola CIG claman nas rúas do país contra a nova reforma das pensións

Denuncian a fraude de revalorizalas segundo o IPC medio e non o acumulado, o que supón unha perda de poder adquisitivo do 4%
Nacional - 27 Xan 2022

A CIG continuou hoxe coas mobilizacións mensuais para esixir a derrogación das reforma das pensións de 2011 e 2013 e denunciar a fraude que supón a reforma aprobada polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos, xa que non garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións. Para visibilizar este rexeitamento, nas protestas racháronse e queimáronse copias do BOE, no que este mércores saíu publicada a nova lexislación.

Precisamente, tal día como hoxe, 27 de xaneiro, pero de 2011, a CIG convocaba folga xeral para contra unha reforma das pensións aprobada polo PSOE (co aval de CCOO e UGT) que atrasaba a idade de xubilación e aumentaba o período de cálculo cun único obxectivo: dificultar o acceso a unha pensión pública e reducir as contías destas. Recortes nos que o PP afondou coa normativa que impuxo en 2013.

Agora, o Goberno español, malia toda a propaganda, consolida os aspectos máis lesivos destas reformas, pretendendo vender como un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC. “Pero é un engano, porque a norma establece a revalorización segundo o IPC medio e non polo IPC acumulado. Isto supón que este ano perderemos un 4% do noso poder adquisitivo, xa que as pensións só soben un 2,5%, mentres que a inflación se situou nun 6,5%”, denuncia o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.

Nestas ideas afondouse precisamente no manifesto que se leu ao remate das distintas protestas que tiveron lugar nas sete cidades galegas, no que se lembraba que hai exactamente 11 anos a CIG, en solitario, levaba adiante unha folga xeral contra a reforma das pensións do Goberno de Zapatero (co apoio de CCOO e UGT) que supuxo un enorme retroceso no sistema público de pensións, aumentando a idade de xubilación ata os 67, e cun aumento do período de cálculo que trouxo unha diminución das contías das pensións posteriores, entre outras medidas regresivas.

“Por iso, aquel día, hai hoxe 11 anos, a CIG, coma sempre fai, estaba nas rúas, acompañando a traballadores/as que loitaban polo seu dereito a unha pensión digna". Ao ano seguinte chegou o Goberno do PP de Rajoy e aínda introduciu outras medidas nefastas, entre elas unha que empeoraba a contía das pensións: a revalorización do 0,25% en lugar de actualizar a contía acorde á subida do IPC. “Algo ao que desde a CIG tamén demos resposta”.

Este pasado ano 2021 vense de acordar, de novo con CCOO e UGT como paladíns, unha nova reforma das pensións que segue afondando nos agravios para unhas pensións galegas que son as segundas máis baixas do Estado. “Anunciaron con toda a pompa que eliminaban aquela revalorización do 0,25% de Rajoy e que recuperaban a actualización segundo o IPC. Pero ollo, queren enganarnos, deben pensar que os galegos/as non sabemos sumar. Estes días as e os pensionistas galegos/as están cobrando unha “paguiña” polo 2,5% de subida das pensións. Mais o IPC interanual acumulado en novembro foi do 6,5%, polo que as persoas xubiladas de Galiza van deixar de cobrar un 4%”. E isto é así porque a revalorización que acordaron é sobre o IPC medio, mais a diferenza co IPC acumulado é evidente.

“Hoxe, moitas das persoas que participaron na folga do 2011 están xubiladas e cobran unha pensión. E hoxe, van sufrir un novo agravio, ao ver mermado o poder adquisitivo das súas pensións con esta revalorización tramposa do autodenominado goberno máis progresista da historia e dos seus cómplices, as centrais sindicais españolas CCOO e UGT”. 

A CIG seguirá a mobilizarse mentres non se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013

E isto a pesar de que a pensión media da Galiza non chega ao SMI e é inferior en máis de 150 euros á media estatal. “As nosas pensións son as segundas máis baixas do Estado, a pensión dunha galega é 300 euros inferior á dun galego e máis do 60% das persoas coas pensións máis baixas son mulleres”.

En consecuencia, dende o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG anuncian que seguirán a mobilizarse mentres non se derroguen as reformas das pensións: a do 2011, a do 2013 e esta nova reforma que empeora aínda máis o acceso ao sistema público de pensións e ás contías das pensións.