• Nova

O siderometal toma as rúas de Ourense na segunda xornada de folga para reclamar un convenio digno

Centos de traballadores/as percorreron en manifestación as principais vías da cidade, pasando polas sedes da Xunta, da Subdelegación e do Concello e rematando na CEO
Ourense - 29 Set 2022

Centos de traballadores/as percorreron hoxe en manifestación as principais rúas de Ourense coincidindo coa segunda xornada de folga para reclamar un convenio provincial digno no sector do siderometal. A marcha a pé fixo paradas nas sedes da Xunta, da Subdelegación e do Concello antes de rematar diante da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

Dende a CIG-Industria de Ourense valoran de xeito moi positivo a resposta do persoal do sector, que ao igual que no día de onte secundou de xeito maioritario o paro -cunha porcentaxe de seguimento mesmo maior que na primeira xornada- e participou activamente na mobilización que arrincou do Parque de San Lázaro pasadas as 12:00 horas. Ao remate da protesta, que se desenvolveu de xeito moi ruidoso e sen incidentes, a Policía española procedeu a identificar a algunhas das persoas presentes.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou nas dúas xornadas de folga e na manifestación, trasladou o apoio da federación “ás reivindicacións dos traballadores/as do siderometal ourensán”, expresou o compromiso da central sindical cunha folga á que o persoal do sector se viu abocado “ante a intransixencia da patronal” e incidiu que este tipo de mobilizacións “son o único instrumento que temos para facer que o empresariado recapacite e asuma unhas demandas totalmente xustas”.

Neste senso, fixo fincapé na necesidade de que os salarios se incrementen como mínimo na mesma porcentaxe que o IPC real, en evitar que a reforma laboral se consolide no convenio e en non perder ningún dos dereitos pactados con anterioridade.

Proposta insuficiente da patronal

A CIG, CCOO e UGT, centrais sindicais convocantes dunha folga que pasará a ser indefinida a partir do vindeiro 5 de outubro se o empresariado non asume as principais reclamacións da parte social, demandan un incremento de soldos do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial, e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, piden un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.

Pola contra, na súa última oferta o empresariado limita a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024), segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.

Esta contía non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. "Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios", denuncia.