Chelo Rodríguez: "É sorprendente que na administración de xustiza haxa que explicar cal é o labor dun comité de folga"

A delegada da CIG e o compañeiro Javier Fernández tiveron xuízo pola súa actuación na folga de xustiza
A Coruña - 03 Nov 2020

A xuízo por exercer o labor de representantes sindicais, podería ser o resumo do que lles está a acontecer a compañeira Chelo Rodríguez e ao compañeiro Javier Fernández, que este martes tiveron que acudir ao xulgado do penal acusados por un delito leve de coaccións a unha letrada durante a histórica folga de xustiza galega de 2018.

"Resulta sorprendente que, estando na administración de xustiza, se interprete a actuación das e dos representantes sindicais como unha acción individual, sen contexto e que responde a un interese particular, cando os feitos polos que se nos xulga ocorreron precisamente no marco dunha folga e actuando na defensa dos traballadores e das traballadoras a exercer ese dereito fundamental", explica Rodríguez.

A este respecto, salienta que durante a vista de hoxe, que se prolongou por espazo de tres horas, todas as intervencións parecían querer obviar ese contexto de folga, malia que o proceso ten a súa orixe no escrito que a letrada de Penal 6 dirixiu á Secretaría de goberno, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. Dende a secretaría elevouse o escrito á Fiscalía e esta, á súa vez, enviouno ao Xulgado de Instrución.

Para a CIG un dos aspectos máis rechamantes é que haxa que explicar que non se pode modificar unha instrución de servizos mínimos ao arbitrio de calquera persoa, por moito que traballe na administración de xustiza, tal e como pretendía facer esta letrada, que se arrogou unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os mínimos, sen que este abuso lle carrexara consecuencias. Mentres tanto, Chelo e Javier levan máis de dous anos con este xuízo aberto (que ademais se ten dilatado no tempo de maneira intolerábel) e cun expediente disciplinario en suspenso até que haxa sentenza. É dicir, quen defende os dereitos e as liberdades sindicais resulta dobremente castigado.

Un caso totalmente desproporcionado

Para a CIG estamos ante un caso absolutamente inxusto e desproporcionado, máxime cando un xuízo de faltas similar contra diversos membros do comité de folga da provincia da Coruña rematou cunha sentenza absolutoria. Neste senso, a propia Chelo lembra que non houbo ningunha outra denuncia penal en toda Galiza polo que ocorreu durante a folga, agás na Coruña, e incluso neste caso non existiu denuncia no xulgado de instrución, pois só se presentou dilixencia de constancia que a Fiscalía elevou ao xulgado.

Porén, na vista deste martes, a Fiscalía non se personou e de feito, tras a instrución, pasou de caracterizar  o sucedido como delito de coaccións grave a delito leve, momento no que debería ter solicitado o arquivo e rematar de vez con esta persecución.

Pois para a CIG-Xustiza estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga da xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o acordo acadado a base de traizóns ao persoal, que os traballadores e traballadoras rexeitaron nas urnas.