Chile e Venezuela: mensaxes distintas

Atilio A. Borón - 23 Nov 2021

O veredicto das urnas en Venezuela debería ser un poderoso elemento disuasorio para quen, en Washington e Bruxelas, apostou durante anos por un criminal “cambio de réxime” no país caribeño

Este domingo foi testemuña de dúas transcendentais eleccións. En Venezuela, a normal realización e a presenza da case totalidade dos fragmentos da oposición constitúe un éxito extraordinario para o Goberno bolivariano, así como un tropezo de difícil dixestión para os golpistas e desestabilizadores amparados por Washington e os reaccionarios burócratas da Unión Europea.

 En Chile, esperábase que a segunda volta tivese como protagonistas o neonazi José Antonio Kast, do Partido Republicano, e a Gabriel Boric, o candidato da coalición Apruebo Dignidad (Frente Amplio e o Partido Comunista). O que non era previsíbel era que o candidato do pinochetismo obtivese a primeira minoría relativa, cando todas as enquisas daban a Boric como gañador, aínda que lonxe da maioría absoluta.

 A diferenza de Venezuela, en Chile as eleccións foron convocadas para elixir o presidente, deputados (155) e 27 senadores, ademais dos conselleiros rexionais.

 O escenario xerado a estas horas só permite aventurar algunhas conxecturas sobre o que podería ocorrer na segunda volta marcada para o 19 de decembro. Os antecedentes históricos din que desde 1990 até a actualidade os candidatos que triunfaron na primeira volta tamén o fixeron na segunda.

 De se confirmaren estas cifras, poderíase afirmar que estamos ante un verdadeiro sismo político. Non só pola vitoria de Kast na primeira volta senón tamén porque ningún dos tres partidos que hexemonizaron a vida política chilena desde a fin da ditadura: a UDI, Renovación Nacional e a Democracia Cristiá, estarán presentes con candidatos propios na segunda volta.

 Pódese, sen dúbida, falar dunha fin de ciclo, nun contexto en que o pobo chileno está tratando por primeira vez na súa historia de redactar unha Constitución de carácter democrático. A incerteza xerada pola performance electoral da extrema dereita ofrece espesas sombras sobre a viabilidade de tan nobre propósito.

 En Venezuela, a deste domingo foi a elección número 29 desde a chegada de Hugo Chávez Frías á Presidencia da República o 2 de febreiro de 1999. Malia iso, a recalcitrante oposición ao chavismo teledirixida desde Washington e Bruxelas non deixou de estigmatizar, nin por un momento, o Goberno bolivariano como unha ditadura, equiparábel ás que asolaron Latinoamérica nos anos setenta.

 Como non lembrar as sabias palabras de Eduardo Galeano cando dixo “Hugo Chávez é un ditador, así e todo, é un curioso ditador. Gañou oito eleccións en cinco anos...”. Nestas eleccións rexionais o Goberno bolivariano puxo en xogo, de acordo co que manda a Constitución, nada menos que 23 Gobernacións e 335 Alcaldías.

 Se a presenza da oposición é un dato positivo, outro indicador moi elocuente será o grao de participación electoral. Hai que ter en conta que desde 1984 o voto deixou de ser obrigatorio por un acordo entre as dúas principais forzas políticas da época: Acción Democrática e a Democracia Cristiá.

 Unha cifra próxima ao 50 por cento sería recibida con ledicia, tanto en Venezuela como en Chile, tendo en conta do papel disuasivo que ten a pandemia da COVID-19 e, en Venezuela, os estragos do bloqueo.

 Está claro que mentres este país foi practicamente invadido por numerosas misións de observación electoral, co visto e prace do Goberno de Maduro, enviadas pola Unión Europea, o Centro Carter, numerosos expertos da ONU, ademais doutras organizacións rexionais de Latinoamérica e África, en Chile esas misións brillan se non pola súa ausencia polo exiguo dos seus continxentes.  

 En todo caso, cando se faga o reconto definitivo dos resultados das “megaeleccións” venezolanas (senón antes) choverán as críticas dos eternos custodios das democracias procurando embazar o proceso electoral e xustificar novos ataques ao Goberno bolivariano.

 No entanto, o veredicto das urnas debería ser un poderoso elemento disuasorio para quen, en Washington e Bruxelas, apostou durante anos por un criminal “cambio de réxime” no país caribeño.

 Pouco probábel que adopten unha liña política diferente, porque Washington está absolutamente implicado na “recuperación” de Venezuela, a calquera prezo. Os próximos días darannos a pauta do que vai acontecer para ambos os países.

 

[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 21 de novembro de 2021]