Chile: o pobo chileno en loita contra o capitalismo e a súa barbarie

Cecilia Zamudio - 21 Out 2019

O pobo de Chile levántase contra o saqueo capitalista, contra a explotación e a precarización das condicións de vida. Levántase contra o saqueo que perpetran as multinacionais mineiras, enerxéticas, do agroindustrial...

 Os pobos levántanse, contra o capitalismo e o empobrecemento que este provoca para as maiorías, para a clase explotada. A inicios de outubro, o pobo ecuatoriano levantouse masivamente en rexeitamento ás imposicións do FMI[1], o mesmo fixo o pobo haitiano empobrecido por séculos de «débeda» espuria que data da época colonial[2], agora o pobo de Chile levántase contra o saqueo capitalista, contra a explotación e a precarización das condicións de vida. Levántase contra o saqueo que perpetran as multinacionais mineiras, enerxéticas, do agroindustrial, etc., que devastan ríos, bosques, montañas e glaciares,  que exterminan o pobo mapuche, os demais pobos nativos e o pequeno campesiñado. Levántase contra o latrocinio legalizado no capitalismo. Levántase contra as imposicións do Fondo Monetario Internacional e demais institucións imperialistas, contra as débedas innecesarias e infames contraídas polos gobernos fantoches; débedas e os seus intereses usureiros que, de seguir imperando o capitalismo, a clase explotadora fará pagar aos pobos hipotecando a sanidade, a educación, os recursos naturais, etc.

 Os "empréstitos" que impón o FMI, son débedas totalmente innecesarias (e máis para países tan ricos en recursos como Chile ou Ecuador): o problema é que os recursos son saqueados polo capitalismo transnacional, a riqueza é roubada e non revertida para o benestar das comunidades, a natureza é esquilmada no altar da acumulación capitalista duns poucos, a soberanía alimentaria é inexistente cando a terra está en mans da propiedade privada. O problema é o sistema, e por suposto non se emenda o empobrecemento causado polo saqueo capitalista con maior saqueo. Os "empréstitos" do FMI son un mecanismo depredador: as sumas destinaranse ao pagamento das necesidades en infraestruturas das multinacionais extractivas (para incrementaren o saqueo que xa perpetran), ao pagamento dos xuros usureiros de débedas precedentes, aos petos da burguesía; e será o pobo o que teña que pagar os empréstitos e os seus xustos, nesa escravitude aberrante que moe vidas e ecosistemas.

 A alza do prezo do transporte foi a pinga que rebordou o vaso, nun país no que a metade da poboación malvive cun cativo salario mínimo, do cal ten que destinar case un 15% ao pagamento de transportes[3]. O salario non chega para o pagamento da cesta alimentaria básica, alugueiro, etc. A educación e a sanidade son privatizadas para beneficio dun mangado de multimillonarios e para exclusión das maiorías. Debido a todo o anterior, o 80% dos maiores de 18 anos están endebedados[4]. As AFP (Administradoras de Fondos de Pensións) son outro roubo descomunal contra o pobo chileno: son caixas privadas impostas polo Estado Burgués. Os traballadores deben destinar o 10 por cento dos seus ingresos a contas administradas por empresas privadas. Os donos destas empresas usan ese diñeiro para os seus negocios (minaría, industria, telecomunicacións, capital financeiro, etc.)[5]. O diñeiro que as AFP recadan das cotizacións é máis do dobre do que pagan en pensións; representa o 80% do PIB de Chile: un festín para os donos das AFP, mentres os xubilados chilenos son botados á miseria. Este mecanismo de roubo capitalista foi instaurado no proceso de privatización impulsado na ditadura de Pinochet. En 1981, José Piñera (irmán do actual presidente Piñera), ministro de Traballo da época, foi un dos artífices da posta en marcha dun paquete de medidas económicas importadas desde Estados Unidos polos chamados Chicago Boys, adaís do saqueo capitalista.

 O pobo di BASTA e sae ás rúas en todas as cidades e rexións de Chile. O Estado burgués envía as súas forzas represivas: militares, carabineiros, policías desatan unha brutal represión. Os medios da burguesía cualifican os manifestantes de "vándalos", de "violentos", e ás forzas represivas de "superadas": aplican o mesmo guión de mentiras que aplicaron no Ecuador, e que aplican sempre contra todo pobo que loita pola xustiza social.

 O goberno declara o Estado de Excepción e saca os tanques ás rúas. Pero a loita do pobo, cansado de tanto roubo, de tanta inxustiza, da cotiá explotación capitalista, segue. É a loita de clases. A clase explotadora perpetra continuamente unha guerra contra a clase explotada: unha guerra de explotación, de saqueo, de exclusión, de fame, de manipulación, de alienación, de represión (se a clase explotada non dobra o lombo mansamente). A clase explotada poderá saír da guerra continuada coa que a espreme a burguesía, mediante a loita. Por todo o planeta os pobos érguense contra o capitalismo e a súa barbarie; non nos decatamos da maioría destas valentes loitas, porque os medios son propiedade da clase explotadora, e destínaos a manter os pobos alleados da realidade, a fomentar desinformación, xenofobia, racismo, machismo, individualismo, a manter dividida e submisa á clase explotada. Pero a loita segue, malia as arremetidas das forzas represivas e das forzas de alienación masiva; porque as angueiras de xustiza social e a dignidade dos pobos son irredutíbeis, despuntan teimosamente como aquelas flores que rompen o cemento.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] www.rebelion.org/noticia.php?id=261381

www.cecilia-zamudio.blogspot.com/2019/10/ecuador-y-abya-yala-en-lucha-del-saqueo-colonial-al-fmi.html

[2] O pobo haitiano loitou por se liberar do colonialismo francés, que saqueou Haití até os miolos, deforestando a case totalidade do territorio e perpetrando xenocidio, deportación e escravización de seres humanos. Haití foi o primeiro país en abolir a escravitude, o 29 de agosto de 1793, ao proclamar a súa independencia. Pero Francia retrucou mobilizando todo o seu poderío militar, sitiando Haití até que aceptase o pagamento dunha «indemnización» aos colonos «polas terras, os escravos, propiedades e as ganancias perdidas». Son as raíces da xigantesca débeda espuria que mesmo hoxe asasina o pobo haitiano. A suposta «débeda» elevábase a 150 millóns de francos ouro: unha cantidade descomunal a pagar polas vítimas da colonización aos vitimarios.

http://www.cadtm.org/Haiti-de-la-colonisation-a-l

[3] www.resumenlatinoamericano.org/2019/10/18/chile-la-lucha-por-la-tarifa-social-y-un-trasporte-publico-del-estado/

[4] Informe Deuda personal, Universidade San Sebastián. www.biobiochile.cl/noticias/economia/actualidad-economica/2019/08/21/los-verdaderos-sueldos-de-chile-y-con-el-80-de-los-mayores-de-18-anos-endeudados.shtml

[5] www.eldesconcierto.cl/2019/05/23/afp-para-quien-los-grandes-grupos-economicos-que-se-benefician-con-las-inversiones-de-las-afp-en-chile1/

www.telesurtv.net/news/Por-que-los-chilenos-rechazan-su-sistema-de-pensiones-AFP-20160914-0057.html

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do blog da autora, do 20 de outubro de 2019]