China e a resignación trumpista

Jorge Elbaum - 19 Mai 2026

Para boa parte do mundo, Xi Jinping é un actor comprometido coa estabilidade e a orde global, baluarte da defensa dos dereitos soberanos, fronte a un Trump promotor da anarquía e a volatilidade económica, financeira e comercial. Velaí a razón pola que o líder chinés foi o máis visitado nos últimos meses por dirixentes europeos e latinoamericanos

 A transición cara a unha nova orde global tivo a súa ratificación na reunión en Beijing. Despois de trece meses de goberno, Trump asumiu que o seu intento de disciplinar China con guerras arancelarias e asfixias enerxéticas fora en balde. Xi Jinping recibiuno con áspera amabilidade e advertiulle que ambos eran responsábeis de superar a trampa de Tucídides, que describe a relación entre unha potencia hexemónica en declive e outra en ascenso.

 É probábel que o magnate devido en presidente non comprenda que se facía referencia á análise do politólogo estadounidense Graham Allison, quen advertiu sobre a progresiva perda de centralidade de Occidente, a imparábel emerxencia da República Popular e os perigos que se derivaban desa realidade.

 Segundo Allison, os riscos de enfrontamento bélico increméntanse polo temor que sente unha potencia dominante fronte a un rival en ascenso. Con esa advertencia, Jinping adiantou dúas hipóteses homólogas ás descritas por Tucídides nas Guerras do Peloponeso: a primeira é que os EUA están en declive. A segunda remite a que a República Popular ten a convicción de non retroceder.

 Os analistas chineses estudaron con atención o denominado Acordo da Praza, asinado en 1985, polo cal os EUA, Francia, Alemaña e Reino Unido lle impuxeron a Tokio a revalorización do ien fronte ao dólar, co obxectivo de lle quitar competitividade á daquela puxante industria nipoa. Naquela oportunidade, Ronald Reagan ordenou desvalorizar o dólar fronte ao ien ou prepararse para aranceis incrementais. Para a década do 80, Tokio constituíuse no maior produtor de automóbiles a nivel global.

 Fronte a esa realidade, Reagan impuxo restricións ás importacións de automóbiles xaponeses e obrigou a Tokio a que as empresas xaponesas investisen en territorio estadounidense. Nesa mesma década, a maioría das empresas máis capitalizadas do mundo eran xaponesas, entre elas Nippon Telegraph and Telephone (NTT), Sony, Panasonic, JVC, Sharp e Toshiba. NTT era, para esa época, a corporación máis poderosa a nivel global, superando os xigantes estadounidenses como AT&T, IBM e Exxon. Para esa mesma época, Xapón case dominaba o mercado dos semicondutores e contaba con nove do dez maiores bancos do mundo, superando aos colosos de Wall Street.

 Washington apelou entón ás ameazas e os ultimatos ante a atenta contemplación dos 55.000 uniformados do Pentágono estacionados nas bases de Okinawa. A proposta extorsionadora de Reagan foi aceptada de mala gana e iniciouse a desfeita da economía nipoa. En tres anos, o valor do ien duplicouse e os produtos xaponeses perderon competitividade. O resultado é hoxe coñecido. O segundo milagre xaponés foi destruído pola combinación das imposicións de Washington e as políticas de desregulación financeira suxeridas polo FMI.

 Os movementos iniciais de Trump, ao comezo da súa segunda presidencia, estiveron orientados a destruír a orde imposta polos propios EUA despois da II Guerra Mundial.

 Os obxectivos centrais dos MAGA, en relación á política exterior, foron: (a) restrinxir a exposición a conflitos nos que non se visen beneficios económicos evidentes; (b) apropiarse dos recursos naturais críticos en terceiros países -sobre todo nos territorios considerados "o seu patio traseiro"- para garantir a cadea de fornecementos imprescindíbel para a súa reindustrialización; (c) garantir o superávit comercial desatando unha guerra comercial contra o resto do mundo; (d) evitar a desdolarización; e (e) asfixiar ao seu máximo competidor, a República Popular China, que, así as cousas, se nega a ser obediente como o foi Xapón.

 Para este último obxectivo, atacou a Venezuela e a Irán, países que fornecían, en conxunto, o 20 por cento do petróleo a Beijing. Durante trece meses, ademais, Trump ameazou os países que ousaron planificar algún formato de desdolarización nos seus intercambios comerciais ou na adquisición de bonos soberanos.

 Con todo, a pesar das devanditas diatribas retóricas, Trump chegou a China sabedor de que moitas desas bravatas fracasaran. Só en América Latina, os bonos soberanos emitidos polo Departamento do Tesouro estadounidense caeran de vez, fuxindo -entre outros destinos- ao euro. En 2023 os bonos europeos apenas chegaban ao expresar o un por cento das tenencias. Para o primeiro trimestre de 2026, subían ao 12 por cento.

 As ameazas e a prepotencia bélica non lograron intimidar os chineses, que tomaron nota de que non puideron lograr un cambio de réxime en Caracas nin en Teherán, nin puideron superar o empantanamento en Ormuz. Nese marco, os conselleiros do magnate estadounidense aconselláronlle avogar por unha cimeira cunha axenda marcada prioritariamente con criterios comerciais. Os empresarios que acompañaron a Trump tentaron recuperar o acceso ás terras raras e aos minerais críticos controlados por China, que funcionan de forma análoga ao bloqueo enerxético disposto por Teherán.

 Os que cubriron a cimeira tamén tiñan claro que os asesores de Xi contabilizaban como unha debilidade os rexeitamentos da Corte Suprema aos golpes arancelarios dispostos por Trump.

 Xi Jinping chegou fortalecido á cimeira. Aceptou unha posposición dun mes e medio, solicitada por Trump, quen pretendía ser el mesmo quen chegase fortalecido despois de derrotar militarmente a Teherán. Esas vulnerabilidades brindaron un eco máis vibrante ás exixencias de Xi Jinping relativas á liña vermella que supón a xusta reivindicación sobre Taiwán, non só pola demanda ancestral, senón porque nesa illa se producen o 90 por cento dos microprocesadores máis avanzados do mundo.

 Para o resto do mundo, o líder chinés é un actor comprometido coa estabilidade e a orde global, baluarte da defensa dos dereitos soberanos, fronte a un Trump promotor da anarquía e a volatilidade económica, financeira e comercial. Esa é a razón pola que o líder chinés foi o máis visitado nos últimos meses por dirixentes europeos e latinoamericanos. Antes da chegada de Trump, desde o último decembro, desfilaron pola Cidade Prohibida unha decena de xefes de Estado a pesar dos murmurios do Departamento de Estado.

 Emmanuel Macron de Francia; o presidente de Corea do Sur, Le Jae-Ming; o Taoiseach de Irlanda, Micheál Martin; o xefe de goberno de Canadá, Mark Carney; o do Reino Unido, Keir Starmer; Friedrich Merz de Alemaña, Pedro Sánchez de España e Yamandú Orsi de Uruguai, entre outros. Na tradición chinesa, o dragón é un símbolo de bo agoiro, sabedoría, forza e poder. A diferenza de Occidente, non cospe lume, senón que é unha deidade asociada á sabedoría, a auga, a coraxe e a resistencia. Son comprensíbeis as razóns polas cales o magnate rubicundo terminou resignándose, no País do Medio, ante o dragón vital, representado por Xi Jinping.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 18 de maio de 2026]