CIG-Administración de Ferrol demanda da Xunta que resolva a situación insostíbel da oficina do rexistro

A escaseza de medios provoca que non haxa citas presenciais nun prazo inferior a 15 días

Ferrol -

A CIG-Administración Pública esixe á Xunta de Galiza que se resolva de inmediato a escaseza de medios que hai no servizo público de rexistro e atención á cidadanía do edificio administrativo de Ferrol, e poder así atender a demanda deste servizo.

A situación, explica a secretaria comarcal da Federación, Carmem Viso, "estase a volver insostíbel tanto o persoal -que ten que recorrer a habilitar números de atención urxente para trámites que doutro xeito quedarían fóra de prazo-, como para os veciños e veciñas, que se vén imposibilitados de acceder de forma presencial ao rexistro da Xunta, pois non hai citas nun período de 15 días, cando a maioría dos trámites teñen prazos moi inferiores".

Noutros rexistros da Xunta de Galiza, aclara, non acontece esta situación e danse citas cun día ou dous de antelación, tal e como se reflicte neste cadro elaborado pola Federación.

"A CIG demanda unha vez máis que non se sigan a desmantelar os servizos administrativos  públicos na nosa comarca e precarizando a atención a cidadanía, nuns momentos ademais nos que se fai tan necesaria a prestación dos distintos servizos administrativos e poder establecer unha atención próxima e con toda a calidade de recurso humanos e materiais necesarios", asevera Viso.

A este respecto, salienta que non contar con servizos públicos administrativos para a cidadanía "tamén e unha outra forma de afondar na crise social e económica que padece a nosa comarca".

Por todo iso, a CIG remitiu un escrito á Xunta demandando que de inmediato se adopten as medidas necesarias para corrixir esta disfunción "que coloca a cidadanía da nosa comarca en situación discriminatoria e, mesmo de indefensión, nas súas relacións con calquera das Administracións", xa que a oficina de Ferrol actúa como rexistro único e na actualidade está a suplir as carencias que se dan no sistema de rexistros da Administración central e, en parte, da Local.

Volver