CIG-Administración de Ourense acusa o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar de discriminar as persoas maiores

A central denuncia que no centro de día de Taboadela non se cubran as baixas do persoal porque se priorizan outros servizos
Vigo - 13 Mai 2016
O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense acusa o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar de discriminar as persoas maiores e denuncia que o seu desleixo cos centros de maiores “deteriora, á mantenta, a atención aos usuarios/as”. Dende a central sinalan que no centro de día de Taboadela non se cubran as baixas do persoal porque se priorizan outros servizos.

Segundo sinalan, este centro acumula a día de hoxe numerosas baixas médicas, e moitas delas non se cubren, o que prexudica a atención aos residentes e sobrecarga de traballo ao persoal que os atende; isto provoca que a pesar do esforzo dos empregados/as “o servizo se vexa claramente afectado”.

Lembran que esta situación repítese dende hai anos, e cada vez que se produce a CIG reclámalle aos servizos de persoal do Consorcio que cubra a baixa en cuestión. “No mellor dos casos a cobertura demórase varias semanas”, indican.

Neste senso, critican a última “desculpa” ofrecida por unha técnica de persoal cando a central solicitou a cobertura dunha traballadora esta mesma semana: “teñen prioridade as escolas, porque traballan con nenos/as, o que significa que poñen o resto dos servizos por diante da atención ás persoas maiores”.

Así, consideran especialmente grave que unha entidade pública faga “discriminación grave e evidente” entre o seu persoal usuario, “aínda máis cando a persoa que pronunciou estas palabras é unha responsábel de persoal que actúa ademais como delegada sindical da central CSIF”.

Diante disto, esíxenlle ao Consorcio que cese inmediatamente na discriminación dos seus usuarios/as e proceda a realizar unha política de persoal “negociada, eficiente e que permita atender o servizo coas garantías debidas”.