CIG-Administración demanda que a Delegación Territorial da Xunta en Ferrol non supoña só a creación dun cargo partidista

Esixe que o ente se dote de servizos, persoal e orzamentos para garantir a atención á cidadanía
Ferrol - 27 Xan 2022

Ante o anuncio da creación da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol, a CIG-Administracións Públicas valora que se cumpra cunha antiga reivindicación sindical e social sobre a necesidade de igualar esta comarca con respecto ao resto das divisións territoriais nas que se implantaron con anterioridade estas unidades administrativas.

O sentido da creación desta Delegación Territorial, explica a secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso,  é mellorar a eficacia dos servizos de atención á cidadanía, reducirlles custos de desprazamento, garantirlles poder escoller a modalidade de atención presencial, eliminando as dificultades que para unha parte da poboación supón a tramitación electrónica e garantindo a atención aos colectivos con diversidade funcional.

É necesario o mantemento dun servizo eficaz de atención á cidadanía que solucione a fenda dixital e económica  e que a cidadanía non quede sen exercer os seus dereitos"

Para iso é necesario facer pública e difundir a carta de servizos, pór os medios para reducir o tempo de tramitación dos expedientes e proporcionar información sobre o propio trámite e os requisitos legais que implica.

Nin autonomía orzamentaria, nin gabinete xurídico

Pero, alerta Viso, revisando o decreto de creación detéctanse de entrada eivas importantes: á diferenza das demais Delegacións Territoriais non vai haber autonomía orzamentaria, nin gabinete xurídico nin intervención. "Efectivamente dá para pensar que se trata dun xesto puramente político. Aínda así confiamos que a presión sindical e a opinión popular forcen máis contidos", valora.

Lembra Viso que até o momento desde a comarca había que desprazarse a outras cidades para recibir atención presencial dos departamentos que carecen de representación en Ferrol ou, do contrario, había que renunciar a un dereito recoñecido de elección da modalidade de acceso que emana do propio Decreto 129/2016, de 15 de setembro que regula a atención á cidadanía.

"Faise necesario o mantemento dun servizo eficaz de atención á cidadanía que solucione a fenda dixital e económica que se está a detectar na poboación da comarca e que non se quede sen exercer os seus dereitos ou teña que recorrer a pagar para que se lle fagan as xestións administrativas", advirte.

Falta de sedes de organismos e servizos

Na actualidade Ferrol carece de sedes de organismos como a Axencia Tributaria de Galiza (agás a oficina liquidadora) e Augas de Galiza; servizos como  Protección da Natureza, Protección do Patrimonio, Industria, e outras entidades tramitadoras de establecementos ou permisos especiais (centros sanitarios, de acuicultura, etc ... ).

Dotar de servizos administrativos eficaces a comarca sería un bo instrumento de fixación de poboación e reactivación económica"

Neste senso, denuncia que "estamos afectadas pala perda de poboación e polo declive económico derivado do peche de industrias. Dotar de servizos administrativos eficaces a comarca sería un bo instrumento de fixación de poboación e reactivación económica, polo que non se pode desperdiciar esta oportunidade".

A CIG valora a creación do ente, pero non imos conformarnos só con iso; "pois non queremos que só sexa a creación dun cargo partidista ou oportunista dada a grave crise de Ferrol. E por iso solicitamos que se encha dos contidos que garantan o previsto no Decreto 129/2016, de 15 de setembro: establecer un sistema integrado de atención á poboación (Carta de servizos a cidadanía) que recolla os medios presenciais, ademais dos telefónicos e electrónicos, un servizo de canles múltiples que lles proporcione aos/as usuarios/as un servizo efectivo con toda información, asesoramento e efectividade que necesiten".