CIG-Administración mobilizarase na Delegación do Goberno pola recuperación real dos salarios no sector público

A protesta terá lugar o martes 12 de xullo, ás 11:30 horas
Nacional - 07 Xul 2022

Dentro da campaña a prol da recuperación real e efectiva do poder adquisitivo do persoal empregado público, a CIG-Administración ten convocada unha concentración o vindeiro 12 de xullo, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña. O obxectivo desta campaña, que se desenvolverá ao longo de todo o ano, é que nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2023 se contemplen toda unha serie de medidas para facer fronte á carestía da vida.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, lembra que, “desde o roubo do ano 2010, no que sufrimos unha perda de poder adquisitivo do 8%, a evolución dos salarios foi negativa (agás nos anos 2014 e 2015, debido á inflación negativa ou do 0%) até 2018, ano no que comezou unha tímida recuperación”. Porén, no ano 2021 e 2022, “como consecuencia da desbocada inflación, a perda de poder adquisitivo acumulada desde o ano 2010  do persoal empregado público é do 17,30%”.

Neste senso, advirte do empobrecemento progresivo no sector público, até o punto de que o persoal das categorías e grupos máis baixos da administracións "viron actualizados os seus salarios grazas ao incremento do SMI".

Diante desta situación a CIG-Administración propón un incremento salarial do 5% en cada unha das tres anualidades do período 2022-2024, para poder recuperar o poder adquisitivo perdido, ademais do establecemento dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC e a recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo Real Decreto Lei 8/2010.

No mesmo sentido, considera necesario derrogar o apartado 2 do artigo 7 do RD 861/1986, que estabelece o sistema retributivo das e dos funcionarios da administración local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatibles co novo sistema retributivo deseñado por RD lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto revisado da Lei do EBEP e a lexislación autonómica que o desenvolve.

Xornada de 35 horas

A CIG-Administración Autonómica propón tamén o estabelecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais, “como unha medida de reparto do traballo ante unha galopante taxa de paro que xa é estrutural no mercado de traballo galego”, explica Carballo, quen considera que “necesitamos reducir a xornada nos cómputos anuais, semanais ou establecendo días concretos de descanso nos calendarios”.

Xunto a isto, defenden que se estabelezan en cada administración marxes de flexibilidade no cumprimento da xornada, que fagan posíbel a conciliación da vida familiar e laboral, fixando un horario mínimo de referencia para permanecer no posto de traballo”.

Acabar coas horas extraordinarias e a taxa de reposición

Para a CIG-Administración é imprescindíbel acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos, segundo explica o secretario nacional, “da propia perversión da taxa de reposición que, so pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento do gasto correspondente”. Na mesmo sentido, a central reivindica a eliminación da nefasta taxa de reposición "que leva provocado a asfixia funcional das administracións, a privatización dos servizos e a precarización do persoal".

Carballo considera que con estas medidas poderíase “mudar radicalmente a situación”. Entende que “non podemos permitir que no momento no que o IPC está disparado, se pretenda impor un Pacto de Rendas para que a clase traballadora e, por conseguinte o persoal do sector público volva cargar nas súas costas cos efectos dunha nova crise”.

O secretario nacional da CIG-Administración rexeita que se vinculen as condicións laborais do persoal das administracións públicas aos beneficios empresariais, tal e como se pretende “condicionando o aumento salarial ao acordo do pacto de rendas”, mentres se anuncian “escandalosos incrementos dos gastos militares”.