CIG-Administración traslada o apoio ás traballadoras de cociña da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol

Reclama que se respecten os dereitos do persoal e que dote o centro dos efectivos necesarios
Ferrol - 30 Xan 2025

A CIG-Administración Públicas da comarca de Ferrol manifesta o seu apoio e solidariedade coas traballadoras da cociña da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol polas actuacións que tiveron que soportar por parte do alumnado no día de hoxe: folga, cazoladas e escraches nas que eran acusadas falsamente de non realizar con profesionalidade o seu traballo.

A secretaria comarcal da federación, Carmem Viso, subliña que a situación de estrés laboral que tiveron que padecer no día de hoxe estas traballadoras "resúltanos inconcibíbel; así como a falta de apoio por parte da equipa directiva e pola propia Consellería que permitiron que o seu persoal tivera que padecer este acoso cando coñecían qué ía acontecer e non fixeron nada para evitalo". Valora que o acontecido é tan inverosímil "que nos fai reflexionar se esta situación non sería permitida e incentivada por parte de alguén con responsabilidades de xestión, instrumentalizando o alumnado para outros obxectivos".

Neste senso, incide en que a CIG nunha permitirá que se pretenda criminalizar ao chanzo máis feble da cadea laboral polas responsabilidades de xestión e organización que lle corresponden e son competencia da propia Administración.

Viso lembra que a central sindical  leva tempo denunciando a situación do persoal de cociña deste centro e as continuas presións para que realicen máis e máis traballo do que xa desempeñan, asumindo funcións que non lle corresponden. "Que alguén da Consellería do Mar nos explique como pretenden que se dea o xantar e a cea se só hai unha cociñeira en quenda de mañá?", cuestiona.

Despois do acontecido nesta xornada, a CIG-Administración de Ferrol agarda que a Consellaría lle dea pronta solución "non só a este problema de convivencia, senón que respecte os dereitos do persoal traballador, dote o centro de persoal coa categoría precisa e non se siga recorrendo á vía da presión".