A CIG apoiou a protesta contra o peche do Centro de Educación Especial de Aspaber

Carballo - 02 Mar 2023

A CIG apoiou a concentración que os pais e nais do centro de educación especial Aspaber realizaron este xoves na Praza do Concello de Carballo, en rexeitamento ao peche das tres unidades educativas. Esta decisión unilateral e inxustificada da Xerencia, explica a CIG-Ensino, suporá ter que recolocar a uns 20 nenos e nenas con necesidades educativas especiais noutros centros da comarca, na Costa da Morte ou incluso na Coruña, co trastorno que isto causa no alumnado e máis nestes en especial, e ademais pon en risco a continuidade dos empregos das tres profesoras que até agora atendían esas unidades.

A CIG-Ensino e as delegadas da central na entidade denuncian o escurantismo e a falta de información por parte da Xerencia nesta decisión, que atribúen a unha represalia contra as traballadoras por reclamar o cumprimento do convenio colectivo. Hai que subliñar que as docentes levan anos realizando xornadas anuais moi superiores ás que lle corresponde, traballando 1720 horas en lugar das 1250 que estabelece o convenio.

Durante as negociacións dos calendarios anuais, a xerente de Aspaber, Dolores Fernández, e o asesor laboral que representa á entidade, Rafael Verdía, ameazaron con proceder ao peche das tres unidades educativas porque, segundo afirmaron, “se tiñan que cumprir coa xornada de 1250 horas non lles compensaba ter o centro educativo aberto”. Neste punto, non cómpre perder de vista que estamos falando dunha asociación sen ánimo de lucro e que, até agora, tiña un concerto coa Consellaría de Educación que cubre este servizo.

Requirimento da Inspección

No momento no que a Inspección de Traballo enviou un requirimento á empresa, en decembro de 2022, para que regularizara a situación das profesoras, a Xerencia cumpriu a súa ameaza non solicitando a renovación do concerto coa Consellaría e facendo así inviábel o mantemento do centro de ensino de cara o curso próximo. As razóns que a Xerencia esgrime agora diante das familias e do persoal é que non teñen espazo suficiente no centro e que nin a Xunta nin o Concello de Carballo lles facilitaron unhas instalacións alternativas axeitadas.

Porén, a CIG-Ensino aclara que nas reunións mantidas tanto coa Consellaría de Educación coma co Concello, ambas administracións explicaron que lles ofreceron outros centros para recolocar estas unidades educativas, mais Aspaber non aceptou. "Isto evidencia que o motivo real do peche non é a falta de espazo adecuado, senón que se trata dunha represalia contra o persoal", sinala a CIG-Ensino.

A este respecto, a central sindical critica que esta decisión non fora comunicada previamente á representación do persoal e, a día de hoxe, as profesoras descoñecen se o próximo curso continuarán traballando ou estarán na rúa.

De feito, malia que o asesor, logo dunha chamada telefónica da CIG a semana pasada, afirmou que as tres afectadas serían recolocadas nas outras unidades que dispón a entidade en Carballo (asistencial e de emprego), esta posibilidade non foi aínda confirmada oficialmente ás delegadas de persoal, nin ao sindicato. A CIG solicitoulle tamén á Xunta Directiva unha xuntanza urxente e só se obtivo a calada por resposta.

A CIG-Ensino critica esta actuación, que se suma á presión laboral que a Xerencia leva anos exercendo sobre os traballadores e as traballadoras para que non reclamaran os seus dereitos nin acaden avances en cuestións tan fundamentais como o cumprimento dos horarios laborais.

De feito, a representación do persoal tivo que presentar varias denuncias individuais no xulgado e na Inspección de Traballo, que ademais de servir para acadar dereitos individuais e de regularizar as xornadas das profesoras, tamén serviron para que a Inspección requirira a Aspaber unha avaliación de riscos psicosociais, da que se está á espera, provocada pola represión sindical e laboral que sofren as delegadas de persoal.

Así as cousas, a CIG e as súas delegadas apoiaron a concentración convocada para este xoves por pais e nais do alumnado e reclaman a continuidade das unidades educativas e dos postos de traballo, así como "a aplicación do sentido común e a volta á paz social que dende sempre lle vimos reclamando, tanto á Xerente coma ao asesor que a representa, nas mesas negociadoras".