CIG-Autonómica solicítalle ao director territorial da Inspección que faga cumprir á Xunta os requirimentos en materia de seguridade

Medio Rural acumula varios incumprimentos polas eivas no servizo de incendios forestais
Nacional - 30 Xul 2019

A CIG-Autonómica reuniuse esta mañá na Coruña co director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galiza para solicitarlle que a Xunta de Galiza cumpra cos requirimentos realizados pola propia Inspección en materia de seguridade laboral. Por parte da CIG, na xuntanza participaron o delegado de prevención da Consellería de Medio Rural e a secretaria nacional do sector de Administración Autonómica, Zeltia Burgos.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galiza acumula incumprimentos dos requirimentos da Inspección de Traballo en materia de seguridade e saúde laboral, emitidos tras das denuncias feitas pola CIG no INTSS a causa das grandes eivas de seguridade que se rexistran no servizo de incendios forestais.

A día de hoxe, subliña Zeltia Burgos, o persoal bombeiro forestal da Xunta de Galiza carece de máscaras de protección axeitadas, equipos de auto-rescate de osíxeno químico, alimentos de asimilación rápida para salvagarda de episodios de fatiga extrema, luces de emerxencia para os vehículos (V1), intercomunicadores, cursos de formación en materia de seguridade (vehículos todoterreo), etc.; malia que todas estas cuestións foron requiridas en varias ocasións polos inspectores/as de traballo do INTSS. "De todos estes requirimentos que comezan en abril de 2017 só se lle entregaron aos traballadores e ás traballadoras as fichas F01 (unha simple fotocopia con medidas correctoras para o persoal)", denuncia.

10 anos pelexando para que a Consellaría cumpra coa normativa vixente

A CIG-Autonómica leva máis de 10 anos pelexando para que se realicen as pertinentes avaliacións de riscos dos postos de traballo e pola aplicación dos plans de acción e das súas medidas preventivas. Neste caso concreto, engade Burgos, a dirección da Consellería de Medio Rural "é directamente responsábel das eivas na seguridade do seu persoal e incluso se atreve a incumprir as indicacións da Inspección de Traballo".

Ante o desleixo que mostra a Xunta de Galiza "acudimos hoxe ao director territorial da Inspección, Demetrio Fernández para  exporlle a situación e solicitarlle  que actúe na protección da seguridade e da saúde do persoal".