CIG-Banca considera que as fusións bancarias só benefician a multinacionais e grandes accionistas

Advirte da destrución de milleiros de postos de traballo pola fusión de Bankia e Caixabank
Nacional - 09 Set 2020

Cando comezou o proceso de reconversión bancaria, alá polo ano 2008, insistiuse en que o obxectivo era concentrar o sistema financeiro en 4/5 entidades privadas e niso estamos. Todo o que vimos sufrindo dende aquelas segue ese guión. Un proceso que prexudica ao persoal, á clientela e ao conxunto da sociedade. Só beneficia aos grandes grupos multinacionais propietarios de grandes paquetes de accións: á cobiza.

A CIG-Banca advirte que estamos asistindo a un episodio que abre de novo o escenario de fusións: a venda dunha entidade participada polo Estado (60% de Bankia). Un ben público que será “vendido” sen seguir os criterios mínimos nestes procesos (transparencia, mellor oferta…) E que ademais está guiado polo actual Presidente de Bankia, nomeado polo Ministerio de Economía, que “só busca a súa continuidade e beneficio persoal”. Lembra ás privatizacións do período de Aznar ou de Boris Yelsin, o que a esquerda española, cando estaba na oposición, chamaba “capitalismo de amiguetes”.

Marco Laboral deste novo paso na reconversión

Cando por decisións políticas se produce un proceso de reconversión nun determinado sector, que leva a destrución de milleiros de postos de traballo, é habitual que se pacte un marco específico que protexa ao persoal, no caso dos bancos non é así.

Reformas laborais vixentes: As reformas laborais non foron derrogadas, polo que o marco de negociación será claramente desfavorable para os cadros de persoal (indemnizacións por despedimento, facilidades para a utilización de Expedientes Colectivos, flexibilidade para adoptar medidas lesivas para o persoal en materia de horarios, salarios, etc.).

Penalización xubilación anticipada: A reforma das pensións pactada polo Goberno do PP, CEOE, CCOO e UGT, retrasou a idade de xubilación anticipada en caso de ERE’s. Esa medida endurece as prexubilacións e, polo tanto, unha posible saída branda para o “excedente de persoal” derivado do proceso de concentración.

Discriminación fiscal das indemnizacións por despedimento: Os bancos e CCOO-UGT, encheron a boca para xustificar os distintos ERE’s, alegando que “non había despedimentos, que eran saídas voluntarias”. Isto nun marco de reconversión empresarial. Ese criterio de “voluntariedade” que venderon e malia non ser certo, levou a que Facenda, co aval actual da Audiencia Nacional, considere que non son despedimentos. Polo tanto no sector da Banca as indemnizacións por despedimento non están exentas, coma no resto. Unha discriminación nun momento de reconversión.

Rebaixa da lexislación do Teletraballo: O dialogo social só serviu, polo que filtran interesadamente, para rebaixar a protección inicial prevista no anteproxecto de Lei do Teletraballo, incluíndo as demandas da CEOE. Incluso aquelas que só pretenden perpetuar a fraude á Seguridade Social por parte das empresas, coma son as vinculadas ao control da xornada laboral e a desconexión dixital.

En definitiva, “as fusións destruirán milleiros de empregos, dificultando a aplicación de medidas menos traumáticas. Pero ademais as fusión teñen un impacto laboral tamén para o persoal que queda”, denuncia a CIG-Banca.

Asegura que xa hoxe a sobrecarga de traballo é brutal, asumindo a metade do persoal todo o traballo; aplícanse políticas comerciais moi agresivas, con obxectivos comerciais crecentes que forzan horarios flexibles e sen limitación (con xornadas laborais de 50-60 horas); hai un recorte permanente nos salarios e no resto de condicións laborais; prolifera o abuso de contratos temporais e a tempo parcial con mobilidade xeográfica. Un marco favorecido, como dicimos, polas reformas laborais e da negociación colectiva vixentes.

Impacto social e na economía

A consecuencia destas operacións, a clientela ve como as entidades restrinxen e encarecen os servizos financeiros, de xeito pactado entre os bancos. Con cada fusión son maiores os territorios que quedan á marxe dos servizos financeiros. Cada vez as entidades marxinan á clientela menos rendible. Ao tempo, forzan a transformación das persoas aforradoras en “investidoras” a quen poder colocar produtos financeiros cada vez máis complexos, traspasando o risco. E dende un punto de vista económico, os grandes bancos só serven para dar servizo as grandes corporacións e empresas. “Neste modelo financeiro as persoas autónomas e as pemes sofren cada vez un maior encarecemento do aceso ao financiamento”.

A todo o anterior, hai que engadir que esta vez os impulsores da reconversión non agochan que o obxectivo desta concentración é garantir aos grandes investidores no capital dos bancos, rendibilidades por riba do 10%, tal e como Luis de Guindos (BCE), CECA ou AEB, dixeron.